Con Mariano Rajoy e Carlos Herrera aínda sen recolleren os seus títulos, Rueda designa como sexto galardoado o ex-conselleiro Portomeñe, impulsor do Xacobeo 93
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou este xoves -e o DOG publicou o venres- que o seu Goberno vén de elixir como sexto Embaixador do Camiño o ex-conselleiro Víctor Manuel Vázquez Portomeñe, impulsor do Xacobeo 93 durante os gobernos de Manuel Fraga. Con el son xa seis os homes e ningunha muller os elixidos para un título que a Xunta só pode outorgar nun máximo de oito ocasións con carácter persoal e noutras oito con carácter institucional, tantas como camiños oficiais de peregrinación hai a Santiago, oito.
Segundo Rueda, con esta concesión Portomeñe “será o gran embaixador da celebracion do 30 aniversario do primeiro Xacobeo civil e do 30 aniversario do recoñecemento ao Camiño Francés como Patrimonio Mundial da Unesco”. “É a persoa idónea tanto por coñecementos como por mérito”, engadiu o presidente.

O primeiro embaixador do camiño designado pola Xunta, aos dous meses de crear o galardón, foi o daquela príncipe Felipe, que obtivo o recoñecemento en decembro de 2013 e recolleríao dous anos despois, en outubro de 2015, sendo xa rei. O segundo galardón outorgoullo a Xunta ao seleccionador de fútbol Vicente del Bosque en xuño de 2014, xusto ao comezar o Mundial de Brasil, e a entrega produciuse en outubro de 2016.
Dous meses despois de outorgar esa segunda distinción, en agosto de 2014, tras a reunión en Santiago da chanceler alemá Angela Merkel con Mariano Rajoy, e malia as protestas sociais que suscitou aquel encontro, Feijóo avanzou a súa intención de dar ao presidente do Goberno central o terceiro título de embaixador do camiño, algo que non se concretaría ata última reunión da Xunta daquel ano. Porén, oito anos despois, Rajoy aínda non recolleu o seu galardón.
O decreto co que Feijóo creou os galardóns en 2013 fixou un máximo de oito títulos de carácter persoal, tantos como camiños oficiais hai a Santiago
Sen entregar aínda ese terceiro título de embaixador do camiño, a Xunta outorgou o cuarto ao Rei emérito Juan Carlos en novembro de 2017. Residente daquela en Sanxenxo antes de deixar España dous anos máis tarde, o monarca foi quen menos tempo tardou en recoller o título, en marzo de 2018. Despois, en novembro de 2019, a Xunta outorgou o primeiro galardón a título institucional, ao Consello de Europa. E en abril de 2022, aínda con Feijóo á fronte do Goberno galego, pero xa iniciado o seu proceso de marcha a Madrid como líder do PP estatal, o elixido como quinto embaixador a título persoal foi o xornalista da Cadena COPE Carlos Herrera, que ao igual que Rajoy aínda non recolleu o galardón.
Con estes nomeamentos, e atendendo aos requisitos establecidos por ela mesma no decreto que regulou os galardóns, a Xunta xa só pode outorgar outros dous títulos de carácter persoal, polo que xa é imposible a paridade nos mesmos. O Goberno galego aínda ten dispoñibles outros sete títulos de carácter institucional.
O título de Embaixador do Camiño veu sumarse en 2013 á lista de distincións que outorga a Xunta, desde a máis elevada que supoñen as Medallas de Galicia -galardón tamén cunha minoría histórica de mulleres e que Portomeñe xa recibiu en 2010-, pasando polas Medallas Castelao á obra artística ou intelectual de personalidades galegas, ata as agora hai tempo esquecidas medallas ao mérito turístico, que en parte comparten co título de Embaixador do Camiño un obxectivo de promoción turística de Galicia replicado tamén coa creación, hai uns anos, da figura do Comendador da Gastronomía de Galicia, posteriormente aparcada.