A xustiza desestima a demanda dos Franco contra Carlos Babío, un dos principais investigadores do espolio de Meirás

Carlos Babío, nunha imaxe de arquivo © Erik Dobaño

O Xulgado de 1ª Instancia número 43 de Madrid vén de desestimar a demanda que a os Franco interpuxeran contra o historiador e investigador Carlos Babío, o grupo Mediaset e outras oito persoas ás que a familia do ditador acusara dun delito de inxurias e calumnias na emisión, en xullo de 2018, dunha reportaxe no programa En el punto de mira da canle Cuatro sobre o patrimonio dos herdeiros do xeneral golpista e "os negocios nos que investiron a súa fortuna".

A xuíza aclara que a liberdade de expresión e información prevalecen sobre a suposta vulneración ao honor que se tería cometido no programa televisivo

A xuíza Carmen Iglesias desestima a demanda contra un dos autores de Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio ao que acusaban, como ao resto de denunciados, de atentar contra o seu dereito ao honor, a intimidade persoal e a propia imaxe. Na sentenza, aclara que a liberdade de expresión e información prevalecen sobre a pretendida vulneración do dereito ao honor e a pesar de que a reportaxe emitida puidese ser "parcial e nesgada". 

Manuel P. Lorenzo e Carlos Babío, declarando no xuízo do Pazo de Meirás CC-BY-SA Praza Pública

Respecto da posible vulneración do dereito á imaxe, a maxistrada entende que, malia que os demandantes "non exercen un cargo ou función pública", o feito de que sean netos dun antigo Xefe de Estado "outórgalles unha proxección pública que non pode ser descoñecida". Ademais, aclara que ao seren gravados en lugares públicos e non ser as imaxes utilizadas con fins comercias ou publicitarios, non cabe vulneración deste dereito fundamental. 

En canto ao dereito á intimidade, a xuíza tampouco estima a demanda porque "ningún dato da vida persoal ou familiar dos actores é revelado na reportaxe" sobre a exhumación dos retos de Franco e o seu patrimonio familiar. 

Tampouco considera que se vulnere o dereito ao honor xa que sobre este, aclara, "prevalecen os dereitos á liberdade de expresión e información" que son "esenciais como garantía para a formación dunha opinión pública libre, indispensable para o pluralismo político que esixe o principio democrático". Advirte, ademais, que esta liberdade de expresión "comprende a crítica da conduta doutro, aínda que sexa brusca e poida molestar, inquedar ou disgustar". 

"Os dereitos á liberdade de expresión e información son esenciais como garantía para a formación dunha opinión pública libre, indispensable para o pluralismo político"

A sentenza alerta tamén da liberdade de información do programa e aclara que "resulta indubidable o interese público que espertou a exhumación dos restos mortais de Franco e a posición adoptada pola familia ao respecto", ao igual que as noticias sobre o patrimonio adquirido polos herdeiros, "sendo mesmo obxecto de procedementos xudiciais que trascenderon á opinión pública", o que xustifica ter informado sobre eses particulares. 

O ditame asegura, respecto a algunhas informacións emitidas polo programa, que se ofreceun "unha vesión sesgada e parcial" ao mesturar "feitos reais e contrastados con outros que son unha mera conclusión do editor do programa". E aclara que "se induce ao espectador ao erro cando se expón" a existencia de esculturas do Mestre Mateo na Casa Cornide. Un nesgo na información, di, "que resulta protexido pola liberdade de expresión". 

Pazo de Meirás © Xunta

"Atopámonos ante unha reportaxe parcial e nesgada, pero amparada pola liberdade de expresión e información, o que determina a desestimación das accións exercitadas", conclúe. 

Carlos Babío non tivera que declarar na vista celebrada a finais do pasado mes de maio en Madrid e na que a Fiscalía solicitara, precisamente, a desestimación da demanda ao considerar que as manifestacións feitas polos acusasos se amparaban no dereito á liberdade de expresión. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.