Abel Caballero quere “recuperar o Nadal como parte da cultura occidental” fronte a “xente á que non lle gusta por razóns ideolóxicas”

Abel Caballero na colocación das primeiras luces do Nadal 2020 © Concello de Vigo

O alcalde vigués preside o inicio da instalación de “10 millóns de luces led” e anuncia unhas festas “con seguridade 100%” fronte ao coronavirus

Varias semanas antes que en anos anteriores debido a novas medidas de precaución fronte ao coronavirus, este mércores 18 de agosto o alcalde de Vigo, Abel Caballero, presidiu o inicio da colocación nas rúas da cidade do alumeado “do mellor Nadal do mundo”, que será conectado a finais de novembro. 

No acto o rexedor anunciou unhas festas “con seguridade 100%” fronte ao virus e defendeu a iniciativa municipal: “Queremos celebrar o Nadal, hai que recuperar esta festa como parte da cultura occidental, sabemos que a moita xente non lle gusta por razóns ideolóxicas, pero a nós si e queremos que a xente veña a desfrutar”, dixo.

Caballero este mércores 18 de agosto na colocación das primeiras luces de Nadal © Concello de Vigo

Segundo o rexedor, en total haberá “10 millóns de luces led” por toda a cidade, en 334 rúas. Caballero lembrou que o alumeado está contratado “desde hai dous anos, porque o Nadal de Vigo non é un fenómeno improvisado”, e cifrou en 800.000 euros o custo, cantidade que o Concello vén asegurando que ten un retorno económico para a cidade multiplicado por 25.

Porén, eses 800.000 euros anuais iniciais polos que se contratou hai dous anos o alumeado para os nadais de 2018, 2019 e 2020 son sen IVE, o que elevaba xa daquela a contía a 960.000 euros ao ano, ao que hai que engadir que o ano pasado o propio Concello decidiu modificar á alza o contrato e sumarlle outros 250.000 euros para 2019 e 2020 argumentando a “desaceleración agravada pola situación sociopolítica”. Isto é, serán máis de 3 millóns de euros en tres anos só no alumeado, ao que hai que engadir o resto de animación das rúas.

“O Nadal de Vigo é un elemento destacable en España, resto de Europa e outros continentes", di Caballero

Agora, coa pandemia de coronavirus activa, o alcalde avanzou que nos próximos días irá anunciando máis novidades e asegurou que o Concello terá un protocolo fronte ao coronavirus “con seguridade ao 100%”. “Xa o programamos nas praias e funcionou moi ben, non houbo en todo o verán ningún problema, xa estamos preparando un protocolo de seguridade total con normas moito máis estritas que as xerais de España e Galicia, extraordinariamente estritas”, dixo, mesmo con aforo limitado nas rúas.

“O Nadal de Vigo é un elemento destacable en España, resto de Europa e outros continentes. Faremos un Nadal 2020 excepcional, bonito, cun gran desenvolvemento cultural, concertos e seguridade covid 100%”, concluíu Caballero.

Caballero na colocación das luces de Nadal deste 2020 © Concello de Vigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.