As vítimas critican que a empresa pública esgrimiu un documento erróneo para tentar desmontar a credibilidade dun experto que asegurou que se debía protexer mellor a curva do accidente
A Plataforma de Vítimas de Angrois, a través da letrada que as representou este martes no xuízo polo accidente e tamén a través dunha nota de prensa, veñen de poñer en evidencia que Adif achegou á causa xudicial polo sinistro unha versión dun documento distinta da realmente usada para instalar a seguridade da liña. A plataforma de afectados critica que a empresa pública empregou esa disparidade de versións para tentar desmontar a credibilidade dun experto que asegurou que debía protexerse mellor a curva do accidente.
O pasado 9 de novembro Jorge Iglesias, experto autor el mesmo das denominadas regras de enxeñaría que indican a Adif como e onde instalar nas súas liñas o sistema de control constante da velocidade ERTMS, declarou no xuízo de Angrois que a empresa pública debera cubrir con ese dispositivo a curva do accidente e non deixalo rematar varios quilómetros antes, como ocorría. O experto indicou que as regras de enxeñaría indican que o remate do ERTMS ten que realizarse ante determinados sinais semafóricos do sistema de respaldo ASFA, pero que iso no implicaba que no caso de Angrois se tivese que facer antes do semáforo previo á curva, deixándoa así desprotexida do ERTMS, senón que tamén se podía facer máis adiante, na propia estación de Santiago.
Durante a comparecencia do experto, cando este estaba a ler o que puñan as súas regras de enxeñaría, o avogado do Estado preguntoulle pola versión dese texto, facendo ver que estaba a ler unha incorrecta e que a aplicable ao caso de Angrois, da que dixo que estaba "achegada á causa", obrigaba estritamente a que a transición entre o ERTMS e o ASFA se fixese “en traxecto” e non nunha estación. Pero este martes a avogada das vítimas salientou a diferencia de versións.
Adif achegou no seu momento á instrución do accidente a versión 2.4.0 do documento, mentres que a que era de aplicación para Angrois era unha posterior, a 2.4.0. E nela indícase que a transición do ERTMS ao ASFA efectivamente debe realizarse “en traxecto” pero engadindo a continuación que “os casos en que isto non sexa posible deberán resolverse a nivel de cada proxecto”, o que abriría a porta a que, se así o requiría a seguridade da liña, o ERTMS non rematase antes de Angrois senón despois da curva ou mesmo na propia estación de Santiago.
A Plataforma de Vítimas lembra que "non é a primeira vez que desde Adif e a Avogacía do Estado esconden ou non achegan documentos que demostran as diferentes neglixencias cometidas"
Ante este feito, a plataforma de vítimas acusa á Avogacía do Estado de “mentir” no xuízo “para desprestixiar unha testemuña e xustificar a súa decisión de non levar ERTMS ata Angrois”. “Non é a primeira vez que desde Adif e a Avogacía do Estado esconden ou non achegan documentos que demostran as diferentes neglixencias cometidas”, di a plataforma, que considera “intolerable e moi grave” que “traten de confundir con enganos á xuíza, o fiscal, o resto de avogados e a opinión pública”.
En todo caso, no punto en que o ERTMS remataba nas vías varios quilómetros antes de Angrois o sistema alertaría aos maquinistas e os obrigaría a frear. Pero o ERTMS estaba desconectado tamén a bordo dos trens Alvia desde un ano antes do accidente.