AGE aposta por unha renda básica universal europea

Lidia Senra, nun mitin en Oleiros CC-BY-SA AGE

“Na actual situación de vulnerabilidade das clases traballadoras, con máis de 600.000 persoas no noso país en risco de exclusión social, cómpre máis que nunca establecer o dereito a unha Renda Básica Universal Europea para a cidadanía”. Esa é a reivindicación que no serán do pasado mércores fixo Lidia Senra, candida de AGE ao Parlamento Europeo, que advirte de que esta renda podería ser "financiada a través de impostos directos" e significaría "un importe mínimo para garantir unha vida digna queu impida que calquera persoa entre no limiar da pobreza".

AGE aposta por unha renda básica universal europea para cidadanía financiada a través de impostos directos

A proposta de AGE recolle tamén a loita por unha renda básica que agroma en diferentes movementos sociais, sobre todo tras o impulso que se lle deu no 15M que hoxe cumpre tres anos. A principios deste mesmo ano rexistrouse no Congreso a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que pide una Renda Básica Universal para toda a cidadanía e que está impulsada polo Movemento contra o Paro e a Precariedade. Ata setembro debe reunir medio millón de sinaturas en todo o Estado, para ter a opción de poder ser debatida na Cámara. A proposta establece "o dereito de toda persoa, polo feito de ter nacido, a recibir unha cantidade periódica que cubra as súas necesidades básicas" e fixa esta cantidade no 60% da mediana da distribución dos ingresos por unidade de consumo, é dicir, 645,33 euros mensuais. Diversos grupos de activismo social en Galicia tamén levan tempo reclamando e informando sobre esta mesma reivindicación.

Lidia Senra comprometeuse a loitar por un salario mínimo interprofesional de 1.000 euros

Lidia Senra, na súa defensa por esta renda básica, tamén se comprometeu a loitar dende o Parlamento Europeo polo "establecemento dun salario mínimo interprofesional de 1.000 euros", así como de defender a necesidade "imperiosa" de "repartir o traballo" e de "establecer xornadas laborais de 35 horas semanais con salarios dignos". Romperías así, segundo a candidata de AGE, "a estratexia das políticas neoliberais de nos converter en man de obra barata, en traballadoras e traballadores pobres".

Ademais, a candidata de AGE á Eurocámara tamén expuxo a necesidade de "relocalizar a produción a todos os niveis: agrario, pesqueiro, industrial ou téxtil", entre outros, porque iso significaría, segundo defendeu, "volver crear postos de traballa para podermos seguir vivindo no noso país e garantir o noso futuro como pobo galego".

Por outra banda, Senra abondou novamente nas consecuencias que para a cidadanía tería a aprobación do tratado de libre comercio que na actualidade están a negociar “en segredo” a UE e os EUA, o Tratado Transatlántico de Comercio e Inversións (TTIP, polas súas siglas en inglés), conscientemente "silenciado no debate electoral polos dous grandes partidos do sistema", destacando que “diante dunha denuncia por parte dunhaempresa contra un goberno, habilitaríase un tribunal conformado por persoas elixidas polas propias empresas e os partidos que estean nese momento no goberno.”

A candidata de AGE insistiu nas negativas consecuencias do tratado de libre comercia que negocian "en segredo" a UE e os EUA

Este mecanismo, segundo AGE, existe xa arestora en acordos bilaterais vixentes entre a UE e os EUA e, ao igual que pasa neste marco, de aprobarse o TTIP “os Estados terían que pagar custos millonarios ás empresas, á costa do diñeiro público, que deixaría de ser invertido en políticas de benestar social".

Lidia Senra, nun mitin en Oleiros CC-BY-SA AGE
Concentración ante o Concello de Vigo pola renda básica © Oficina de Dereitos de Sociais de Coia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.