Ana Pontón chama á mobilización social para loitar pola igualdade do galego en todos os ámbitos

Ana Pontón participou este sábado no Encontro Nacional de Lingua celebrado na Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela. CC-BY-SA BNG

A portavoz nacional do BNG lamenta que goberno de Rueda continúa coa súa "folla de ruta para impoñer o monolingüismo en castelán", ignorando os datos oficiais que amosan a perda constante de falantes de galego

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, participou este sábado no Encontro Nacional de Lingua celebrado na Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela, onde fixo un chamamento á sociedade galega para defender o idioma galego ante a "persecución sistemática" do Partido Popular.

Pontón destacou a gravidade da situación actual, cualificándoa de "emerxencia lingüística", xa que o galego está en estado crítico debido ás políticas do PP, que nos últimos 15 anos foron dirixidas a reducir o seu uso en todos os ámbitos. Segundo subliñou, o goberno de Rueda continúa coa súa "folla de ruta para impoñer o monolingüismo en castelán", ignorando os datos oficiais que amosan a perda constante de falantes de galego.

Animou á cidadanía a participar masivamente na manifestación convocada por Queremos Galego o vindeiro 23 de febreiro en Santiago de Compostela con motivo do Día de Rosalía de Castro

 Así mesmo, denunciou que a estratexia do PP non se limita ao ensino, senón que se estende á eliminación do galego en múltiples ámbitos, como a xustiza, a sanidade e os medios de comunicación públicos. En referencia á Televisión de Galiza e á Radio Galega, acusou o goberno do PP de tentar reducir aínda máis a presenza da lingua nos medios, incumprindo así a súa obriga legal de fomentar o galego.

Ante esta situación, Ana Pontón fixo un chamamento á mobilización social para reverter esta tendencia e loitar pola igualdade do galego en todos os ámbitos. "Non imos permitir que o PP nos roube o noso idioma", afirmou. Con este obxectivo, animou á cidadanía a participar masivamente na manifestación convocada por Queremos Galego o vindeiro 23 de febreiro en Santiago de Compostela con motivo do Día de Rosalía de Castro. "Temos que demostrar enchendo as rúas que a maioría social de Galiza sente orgullo da súa lingua e non permitirá que siga sendo discriminada", engadiu.

Pontón anunciou que o BNG impulsará un gran acordo social pola lingua, con medidas como a aprobación dun novo decreto para o ensino, que entre en vigor no curso 2025-2026

No ámbito institucional, Pontón anunciou que o BNG impulsará un gran acordo social pola lingua, con medidas concretas para garantir a súa normalización. Entre as propostas destacadas, a máis urxente será a aprobación dun novo decreto para o ensino, que entre en vigor no curso 2025-2026, co obxectivo de poñer fin á discriminación do galego no sistema educativo. Así mesmo, avanzou a necesidade de establecer un cronograma de aplicación das medidas do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega e de triplicar os recursos destinados á promoción do galego.

"Sen igualdade, non hai liberdade. Onde está o 50% do galego na educación, na sanidade, nos medios de comunicación", cuestionou Pontón, insistindo en que o BNG non permitirá que a lingua galega siga sendo tratada como unha lingua de segunda.

Pontón, durante o Encontro Nacional da Lingua celebrado en Compostela. CC-BY-SA BNG

Para rematar, a líder nacionalista reivindicou as palabras de Castelao para lembrar que "o problema do idioma en Galiza é un problema de dignidade e de liberdade", e asegurou que o BNG continuará traballando man a man coa sociedade para garantir "mil primaveras máis para o galego".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.