Nas últimas décadas déronse importantes pasos cara á igualdade entre sexos en moitos ámbitos e tamén na política. Estes avances foron máis rápidos nalgúns casos -en ocasións da man de lexislacións que buscaban camiñar cara á paridade e a igualdade de acceso- e máis lentos noutros. Na política, a Lei de Igualdade do ano 2007 determinou a presenza equilibrada de homes e mulleres nas listas electorais, movéndose un e outro sexo entre o 40% e o 60% en toda a lista e en cada treito de cinco persoas.
Das 1.176 listas presentadas, 860 están encabezadas por homes e 316 por mulleres, un 26,9%, é dicir, pouco máis de 1 de cada 4. Hai catro anos a porcentaxe foi do 25,4% e no 2015 foi do 21,8%
A norma conseguiu que a porcentaxe de mulleres nos Parlamentos acadase ese 40% e que tamén ficase preto desa cifra nos plenos municipais, pois as listas locais deben respectar esa paridade na súa composición, pero só nos concellos de máis de 3.000 habitantes. Porén, nada di a lexislación sobre quen debe encabezar as listas, o que leva a que aínda haxa unha ampla maioría de candidaturas lideradas por homes e, consecuentemente, unha gran diferenza entre o número de alcaldes e alcaldesas (257 fronte a 56).
Nas eleccións do 28 de maio a situación non vai variar demasiado con respecto a convocatorias anteriores, pero si hai un avance, aínda que lento. Das 1.176 listas presentadas, 860 están encabezadas por homes e 316 por mulleres, un 26,9%, é dicir, pouco máis de 1 de cada 4. Hai catro anos a porcentaxe foi do 25,4% e no 2015 foi do 21,8%
Lugo é a provincia que máis se achega á paridade, cun 29,7% de candidaturas encabezadas por mulleres. A Coruña, a que menos (25,1%)
Por provincias, Lugo é nesta ocasión a que máis se achega á paridade, cun 29,7% de candidaturas encabezadas por mulleres, seguida de Pontevedra (28%). Por debaixo da media aparecen Ourense (26,1%) e A Coruña (25,1%). Con respecto ao 2019, hai avances en todas as provincias (sobre todo Lugo e Ourense) agás en Pontevedra, onde se produce un pequeno retroceso.
No caso de Lugo destaca o caso da propia capital provincial, onde as mulleres lideran 7 das 8 listas presentadas. Cómpre salientar igualmente o de Cangas (5 de 7) e tamén o de Tomiño, onde as 4 listas presentadas están encabezadas por unha política.
En Tomiño, A Bola, Allariz, Vilardevós, Moeche e Boborás todas as cabezas de lista son mulleres
Esa situación, a de que todas as listas estean lideradas por mulleres dáse en seis concellos: Tomiño, A Bola, Allariz, Vilardevós, Moeche e Boborás, o que probablemente levará (agás sorpresa) a que estas localidade conten cunha alcaldesa a partir do 28M.
Porén, é moito máis habitual a situación contraria: que todas as listas estean encabezadas por un home. Iso sucede en 101 concellos, case un terzo do total. Algúns son tan importantes como O Grove, Chantada, Malpica ou Corcubión.
Pola contra, en 101 concellos todas as listas están encabezadas por homes
Que partidos levan a máis mulleres no primeiro lugar da lista? Se analizamos unicamente as tres formacións con maior implantación territorial, vemos como o BNG presenta un 32,1% de políticas cabezas de lista, algo por riba dos datos do PSdeG (30,8%). A moita distancia aparece o PP, con só o 24%
Con todo, as porcentaxes son aínda menores noutras formacións políticas, especialmente en VOX, que presenta 39 listas municipais en Galicia, pero só 5 delas (o 12,8%) están encabezadas por unha muller.
O BNG presenta un 32,1% de mulleres cabezas de lista, algo por riba dos datos do PSdeG (30,8%). A moita distancia aparece o PP, con só o 24% VOX ten un 12,8%
A consecuencia é que a partir do 28M o número de alcaldesas seguirá moi lonxe do número de alcaldes en Galicia. En 2019 produciuse un incremento moi importante, pois a cifra pasou de 37 no 2015 (o 11,8%) a 55 (o 17,6%). O mandato municipal pechouse cunha rexedora máis: 56, o 17,9% do total. A pesar da mellora experimentada, o dato segue moi por debaixo da media española, fixada neste momento no 22,3% do total.
Galicia é neste momento a comunidade autónoma con menos alcaldesas, só o 18% do total, lonxe da media española (22%)
Galicia é neste momento, de feito, o territorio do Estado cunha menor proporción de alcaldesas, lixeiramente por detrás de Castela e León, A Rioxa e Aragón. As eleccións municipais de hai catro anos deixaron inicialmente a Cantabria e Castela e León con datos inferiores aos galegos, pero os cambios producidos ao longo deste mandato (coa entrada de novas rexedoras) deixaron as súas porcentaxes por riba nas galegas.
Moito maior é o número de concelleiras nos plenos municipais galegos. A aprobación da Lei de Igualdade en 2007 levou a porcentaxe a niveis próximos ao 40% e xa nas eleccións locais de 2019 se acadou unha proporción do 40,77%.