As eleccións do pasado 26 de maio deixaron un escenario municipal algo máis igualitario en cuestión de xénero. Esta pasada fin de semana 56 alcaldesas foron investidas en Galicia, 18 máis das que chegaran a liderar os seus gobernos municipais despois dos comicios de maio de 2015 (38) e máis do dobre das que o fixeran en 2011 (24). O crecemento, superior ao 40%, é moi importante, pero non oculta o feito de que os homes seguen a ocupar o 82,7% das Alcaldías, 5 de cada 6.
En oito anos a cifra pasou de 24 a 54, pero a porcentaxe segue por debaixo da media estatal
A Coruña e Lugo son as localidades máis importantes lideradas por unha muller. De igual xeito, tamén grandes vilas como Narón, Marín, Mos, Redondela, Xinzo de Limia, O Porriño, Moaña ou Viveiro teñen unha alcaldesa á súa fronte. Ourense (17) é a provincia con máis alcaldesas, por diante de Pontevedra (13), Lugo e A Coruña (12).
Para estas eleccións só 1 de cada 4 listas municipais estaba encabezada por unha muller e, finalmente, a proporción de alcaldesas foi bastante inferior. Pola contra, no 28A, o número de mulleres cabeza de lista nas candidaturas galegas ao Congreso duplicara ao de homes e, ao cabo, 15 dos 23 deputados e deputadas galegas foron mulleres.
PP e PSdeG-PSOE contan co maior número de rexedoras, 24 e 23 en cada caso, e o BNG suma un total de 6; as tres restantes corresponden a EU, Terra Galega e Movemento Salceda. Entre os grandes partidos, o BNG sería a formación cunha maior proporción de mulleres entre os seus alcaldes e alcaldesas, o 21,4%, algo por riba do 20% do PSdeG-PSOE e do 15,6% do PP.
PP e PSdeG-PSOE contan co maior número de rexedoras, 23 en cada caso, e o BNG suma un total de 6. O Bloque é a formación cunha maior proporción de mulleres
As 56 mulleres con bastón de mando municipal representan o 17,3% do total de rexedores en Galicia. A proporción está moi por debaixo da media estatal, á espera de contar cos datos posteriores ás eleccións do 26M. No ano 2015 o 19,1% das localidades españolas contaban cunha alcaldesa, mentres que en Galicia a media era moi inferior (11,8%). O importante ascenso rexistrado agora en Galicia fica aínda por debaixo da media estatal de hai catro anos e cabe esperar que a proporción de alcaldesas tamén seguira no conxunto de España unha dinámica de ascenso. Hai catro anos Murcia (33%), Euskadi (25%), Madrid (24%) e Andalucía e Asturias (23%) presentaban os datos máis elevados, duplicando as cifras de Galicia.