As bases de Podemos rexeitan o acordo con Sumar para as eleccións galegas

Pablo Iglesias e Yolanda Díaz nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Podemos

Nunha consulta vinculante na que votaron 2.500 persoas o 62% amosouse contrario á coalición fronte ao 36% partidario dela

A consulta ás bases de Podemos en Galicia sobre se a formación debe acudir ás eleccións galegas do 18 de febreiro en coalición con Sumar e outros partidos de esquerdas e verdes vén de ofrecer un resultado negativo. As 2.513 persoas que participaron na consulta decidiron por ampla maioría, un 62,36% fronte a un 36,25% (cun 1,39% do voto en branco), non avalar a unidade.

Resultado da consulta ás bases de Podemos Galicia sobre o acordo con Sumar © Podemos Galicia

O preacordo entre Sumar e Podemos foi avanzado o pasado mércores, na presentación da candidata de Sumar, Marta Lois, ex-concelleira en Santiago e deputada no Congreso. Pero quedaba pendente da ratificación por parte das bases de Podemos, consultadas estes xoves e venres. O resultado negativo é vinculante e o propio coordinador nacional de Podemos Galicia, Borja San Ramón, asumiu xa que "toca ser consecuentes e seguir a folla de ruta que nos marca a nosa militancia". 

A este resultado chégase tras a ruptura a nivel estatal entre Sumar e Podemos e logo de que Pablo Iglesias apostase por rexeitar o acordo en Galicia

A este resultado da consulta chégase despois da ruptura a nivel estatal entre as dúas formacións a principios deste mes de decembro e de que Pablo Iglesias, ex-líder de Podemos, apostase polo rexeitamento da coalición e mesmo polo apoio ao BNG, ao tempo que a dirección estatal actual do partido se amosaba distante do acordo con Sumar acadado en Galicia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.