Sumar Galicia irá en coalición con EU e Podemos o 18F, con Marta Lois como candidata á Xunta

Yolanda Díaz e Marta Lois, no acto de Santiago CC-BY-SA Sumar Galicia

Sumar Galicia irá en coalición con Podemos e Esquerda Unida ás eleccións galegas do vindeiro 18 de febreiro. Malia as diferenzas evidenciadas nas últimas semanas e a ruptura no Congreso entre a formación liderada por Yolanda Díaz e o partido morado, cuxos cinco deputados acabaron marchando ao grupo mixto, o espazo logrou un acordo para que as tres patas habituais acaben acudindo unidas á cita electoral autonómica.

A promotora de Sumar Galicia validou preacordos políticos con EU e Podemos Galicia, unha decisión que debe ser aínda ratificada por todas as formacións internamente. Se así ocorre, a candidatura xuntará a estas tres formacións e mais Alianza Verde —que xa alcanzara un acordo co partido morado— e Equo. 

Acto de presentación de Marta Lois como candidata á Xunta por Sumar Galicia CC-BY-SA Praza Pública

Sumar Galicia anuncia un preacordo de coalición con Podemos e EU e ratifica a Marta Lois como candidata á presidencia da Xunta

Neste acordo que semellaba imposible hai só uns días foi moi importante a cabeza de lista proposta para o 18F. A elixida finalmente como candidata de Sumar Galicia á presidenta da Xunta foi Marta Lois, presidenta da formación a nivel estatal e portavoz no Congreso, hemiciclo que abandonará axiña para deixar o posto a Manuel Lago. 

O de Marta Lois é un nome de consenso, con experiencia no municipalismo e en candidaturas plurais onde xa participaban os partidos que agora compartirán papeleta nas autonómicas. 

Os preacordos, aclarou Paulo Carlos López, portavoz do movemento, "serán ratificados a través dos seus procesos internos para concorrer xuntos, e con forza, nas vindeiras eleccións baixo o espazo político unitario de Sumar Galicia". Díxoo no acto deste mércores no que a líder da formación, Yolanda Díaz, confirmou tamén a Marta Lois como candidata á presidencia e advertiu da apertura "dun tempo novo para o noso país. "Os tempos son chegados para cambiar a Xunta", dixo. 

"O señor Rueda está nervioso, que tome nota do seu compañeiro, que xa se vía na Moncloa e aínda non asimilou que está na oposición xunto a Abascal", advirte Marta Lois

Díaz, ademais, advertiu que os comicios non serán "un trámite" para Sumar Galicia e chamou a unha mobilización progresista como a do pasado 23X. Tamén gabou a Marta Lois polo liderado do grupo parlamentario no Congreso e polo seu carácter dialogante. 

Malia que aínda hai un mes Lois descartábase como aspirante á Xunta, a súa figura foi sempre considerada unha opción máis que factible. Moito antes de que Alfonso Rueda anunciase o adianto electoral, fontes do espazo de Sumar en Galicia asumían que os tempos electorais, a imposibilidade de desenvolver un proceso de primarias con xeito e a negativa de figuras do ámbito nacionalista como Teresa Táboas ou Martiño Noriega facían case inevitable a aposta pola actual deputada pola Coruña no Congreso. A ruptura en Madrid entre Podemos e a formación de Díaz acabou por acurtar aínda máis as alternativas. 

Yolanda Díaz e Marta Lois, no acto de Santiago CC-BY-SA Sumar Galicia

Así, a líder de Sumar, Yolanda Díaz, apostou pola que foi sempre unha das súas principais opcións, pola colaboradora e amiga desde hai anos, que foi tenente de alcalde en Santiago baixo o goberno de Compostela Aberta liderado por Martiño Noriega. O ex-rexedor compostelán foi outra das cabezas de cartel que intentou Díaz, que recibiu a negativa do líder de Anova e da propia formación nacionalista, que decidiu non integrar parte da candidatura do movemento de esquerda. 

Durante o acto celebrado este mércores en Santiago, Marta Lois anunciou que traballará "arreo, noite e día" por chegar ao "cambio". "Rematou o tempo do Partido Popular, dos 14 anos de parálise do PP". "O señor Rueda está nervioso, que tome nota do seu compañeiro, que xa se vía na Moncloa e aínda non asimilou que está na oposición xunto a Abascal. A soberbia non é boa compañeira política de viaxe", dixo.  

Yolanda Díaz chama a "mobilizar a xente progresista do país": "Se Sumar é forte, o PP non vai gobernar en Galicia"

Ao pouco de confirmarse a súa candidatura á presidencia da Xunta, nas súas redes sociais, Marta Lois confirmaba que daba "un paso adiante, con humildade, responsabilidade e compromiso". Ademais, chamaba a "deixar atrás 14 anos de desleixo e parálise do PP" e amosábase convencida de "sacar adiante un goberno progresista que aposte polo importante". "En Sumar sabemos que somos decisivas para ese cambio e xa o fixemos cando ninguén cría", dixo, aludindo tamén ao ocorrido nas eleccións xerais do pasado xullo.

"É o momento de Galicia. Fixémolo e farémolo", dixo Marta Lois,  que manifestou tamén a súa grande "ilusión". "Quero gobernar este país", remata o vídeo. 

Pola súa banda, Yolanda Díaz, durante a súa intervención, asegurou que "desde o Ministerio de Traballo" a súa formación "fixo máis por Galicia que 14 anos do PP na Xunta". Ademais, insistiu en que "se Sumar é forte non vai gobernar o PP en Galicia". "Hai que mobilizar a xente progresista do noso país", asegurou a vicepresidenta do Goberno de España, que chamou a rachar co "relato" que, como na campaña das eleccións xerais, lembrou, xa situaba o Partido Popular no novo executivo. 

"O obxectivo de Sumar Galicia é que as galegas e galegos votemos como fixemos o 23 de xullo. Se o conseguimos, vai haber cambio na Xunta de Galicia", insistiu Díaz, que cre que a súa formación será "a chave" para derrotar o Partido Popular. "Imos con todo.Imos gañar para cambiar a vida da xente do noso país", engadiu. 

Mentres, Podemos continúa coas súas primarias —malia que as súas opcións entrarán nas listas de Sumar pero non optarán a lideralas— e na consulta incluirá tamén unha pregunta á militancia sobre a aceptación ou non do preacordo coa formación de Yolanda Díaz, un visto e prace que aínda non é seguro. 

Borja San Ramón, coordinador nacional de Podemos Galicia CC-BY-NC-SA Podemos

No acordo estableceuse que a Podemos corresponderalle, nos primeiros tramos das listas das candidaturas, o segundo posto pola circunscrición da Coruña, o primeiro na de Lugo, o terceiro na de Ourense e o cuarto na de Pontevedra. 

Desde Esquerda Unida, e á espera de confirmar tamén o pacto, advirten de que seguirán "contribuíndo para poder ofrecer ó electorado galego unha alternativa política que a día de hoxe non ten voz no seu Parlamento e que non debe agardar catro anos mais por falta de entendemento".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.