As forzas galegas apuran a dixestión do 26X para afrontar o novo reto electoral en dous meses

Pleno do Parlamento, este martes © Parlamento de Galicia

As incertezas sobre as eleccións galegas son moitas, pero a data xa non é, a efectos prácticos, unha delas. Unha vez desbotado o adianto electoral que pairou sobre o debate político galego durante a primavera cadrando coa posta en escena da continuidade de Alberto Núñez Feijóo á fronte do PPdeG, ficou claro que os comicios que renovarán o Parlamento de Galicia se celebrarían no outono. Con este factor sobre a mesa e tendo en conta, asemade, a vontade declarada do lehendakari, Íñigo Urkullu, de convocar as eleccións vascas en outubro, son dúas as datas que, con toda probabilidade, constitúen as opcións para acoller as votacións: o 16 ou o 23 de outubro. Isto supón, polo tanto, que resten case exactamente dous meses para que Galicia volva estar, a todos os efectos, en campaña electoral.

As normas electorais galegas indican que o presidente da Xunta, en exercicio da súa competencia exclusiva, debe disolver o Parlamento e chamar a eleccións entre 54 e 60 días antes da xornada electoral. Se Feijóo leva este prazo ao límite, como en 2012, iso suporía que, para votar o 16 de outubro tería que promulgar o decreto de convocatoria o 22 de agosto e, para que as eleccións fosen o 23 de outubro, opción a priori máis probable, faría o propio o día 29. Deste xeito a campaña comezaría o venres, 7 de outubro, ao xeito das celebradas durante as lexislaturas de Manuel Fraga agás en 2005, cando as eleccións foron en xuño por mor do anticipo que rexeitaba boa parte do PPdeG.

Así as cousas, o transcendental período electoral galego quedará lanzado en plena resaca das recentes xerais, e mesmo tamén co novo Goberno de España aínda por compoñer, toda vez que as novas Cortes se constitúen o 19 de xullo e as negociacións para a formación do Executivo non semella que vaian ser rápidas. Deste xeito, a interpretación e xestión dos resultados que xa están a facer as diferentes forzas políticas a respecto das xerais cobra máis importancia que noutras ocasións, cando as eleccións galegas adoitaban estar separadas das xerais por en torno a un ano de diferenza.

Feijóo convocará as eleccións, con toda probabilidade, entre o 22 e o 29 de agosto

O relato de quen aspira a seguir gobernando é o exposto dende a propia noite electoral. O regreso do voto que en decembro fora a Ciudadanos na provincia da Coruña e a forte mobilización en Ourense permitiulles aos conservadores dar dous golpes nun mesmo movemento. Recuperan, con apenas 34.000 votos máis, dous escanos e a maioría da representación galega no Congreso, xusto o obxectivo marcado en decembro. E a desmobilización do electorado de En Marea, con 66.000 votos menos a respecto do 20D, permítelles dar por finiquitado o espazo político do que foran principais damnificados nas municipais do pasado ano e que aspiraba a encabezar a alternativa pola esquerda. A maioría absoluta está máis cerca, toda vez que as mareas xa non son un perigo, o PSdeG segue baixando, e Ciudadanos xa non conta, argumentan.

O PP basea o seu relato en que está máis preto da maioría absoluta tras dar por finiquitada a En Marea

A idea dun PSdeG en devalo válelle tamén ao líder conservador para suxerir que, tarde ou cedo, os socialistas se verán abocados a apoiar o PP, suxestión que xa atopou resposta no candidato Xoaquín Fernández Leiceaga, quen se ve "reforzado" na súa posición tras a relativa resistencia no 26X. "Estamos condenados a competir" porque "o obxectivo é, en todo caso, liderar a alternativa ao PP e sucedelo no goberno" tras as eleccións de outono. "En Galicia non ten sentido formular un acordo cando o que queremos é ser alternativa", di, nun contexto no que se congratula por recuperar "a posición como segunda forza en Galicia por diante da Marea". "Iso fai ver con certo optimismo os comicios de outubro", afirma.

Leiceaga: "Estamos condenados a competir co PP, porque o obxectivo é liderar a alternativa"

No espazo das mareas, precisamente, continúa a análise dos resultados xa iniciada no día despois polos cargos electos de En Marea. Este martes a Marea Atlántica, que nas xerais pediu o voto para a coalición pero non se integrou nela, considerou que é "tempo de tomar nota" tras "perder votos en todas as provincias e todas as cidades, incluídas aquelas nas que existen gobernos de cambio". Cómpre, coida a plataforma coruñesa, "reflexionar" porque aínda que os votos das xerais "non poidan traducirse directamente a un proceso electoral galego", son "un toque de atención da cidadanía" e "debe terse en conta".

Marea Atlántica chama a "tomar nota" do "toque de atención" para "reforzar" e "abrir o espazo" das mareas

"Para ser a ferramenta que precisamos para construír unha alternativa" ao PP, afirman, En Marea precisa "reforzarse e abrir o seu espazo" para "recuperar os apoios perdidos e sumar a todas as persoas, entidades e organizacións críticas cos sete anos de desgoberno de Núñez Feijóo". A "oportunidade histórica" do cambio no Goberno galego segue vixente, advirten, a comezar porque o PP "mellorou" a respecto de 2011, se ben ese feito "non debería ocultar" que segue "por baixo dos 700.000 votos" en Galicia, que ata o 20D eran o seu "solo electoral". Ese resultado deixa os conservadores "lonxe da maioría absoluta" na Cámara galega, resaltan.

Neste contexto, Marea Atlántica avoga por "multiplicar os esforzos" para lograr "unha marea unida, plural e liderada pola cidadanía" que aspire a "recuperar a ilusión e mobilizar as persoas que o 26X decidiron non renovar o apoio que lle deran en decembro a En Marea". "Para iso -din- debe aproveitarse o traballo desenvolvido nos últimos meses polas Mareas en Común" en eidos como as primarias, o modelo de participación ou o código ético. "Os procesos de confluencia que se deron en moitas cidades e vilas poden servir de exemplo do que a unidade popular pode conseguir", conclúen.

Mitin do PP en Pontevedra CC-BY-SA PPdeG
Acto electoral do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG
Mitin de En Marea en Vigo CC-BY-SA En Marea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.