As visitas ao Parque das Illas Atlánticas aumentaron un 70% dende que é competencia da Xunta

Vista das Illas Cíes dende Baiona © Turismo de Galicia

"Queremos máis". A Consellería de Medio Ambiente deixou clara a comezos deste ano a súa aposta turística no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas. Naqueles días viña de ser pechada a estatística do ano 2016 e a titular do departamento medioambiental do Goberno galego, Beatriz Mato, amosábase disposta a bater un novo "récord" tras "sobrepasar a barreira dos 400.000 visitantes". Efectivamente, esa "barreira" foi rachada o pasado ano, no que o Parque rexistrou, concretamente, 400.465 visitas, un 0,14% máis que no ano anterior, pero case un 70% máis dende que a Xunta asumiu as competencias sobre este privilexiado espazo natural. 

O escándalo da masificación das Illas Cíes a través da venda irregular de pasaxes por parte das navieiras que viaxan ao arquipélago puxo este mes de agosto todos os focos sobre o descontrol que veu imperando no Parque durante uns anos nos que os datos oficiais acreditan un crecemento exponencial do turismo. O Ministerio de Agricultura vén de facer pública a través da axencia pública EFE as cifras definitivas de visitas a estes parques no conxunto do Estado, recollidas en publicacións como o portal especializado Hosteltur. Unha ollada comparada ás cifras dos exercicios anteriores certifica que as Illas Atlánticas dispararon o seu turismo na última media década.

En 2007, último ano baixo competencia estatal, o arquipélago recibiu algo menos de 239.00 visitas; en 2016 foron máis de 400.000

No ano 2007, o último completo no que as Illas estiveron baixo competencia estatal, o espazo natural no que se integran Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada recibiu 238.939 visitantes, atendendo a esta fonte oficial de información. A afluencia turística ao Praque mantívose en valores semellantes, aínda que xa con lixeiros incrementos, nos anos 2008 e 2009. En 2010 achegouse por primeira vez á barreira das 300.000 persoas e, tras unha lixeira caída en 2012, emprendeu un crecemento sostido ata rachar en 2016 o devandito limitar das 400.000 visitas nun ano. Cabe agardar que esta tendencia á alza continúe cando estea pechado o balance de 2017, toda vez que en períodos vacacionais como o da Semana Santa o crecemento interanual estivo por riba do 100%.

O medre turístico das Illas Atlánticas é evidente atendendo á súa propia serie temporal de visitas, pero tamén ao comparalo co resto de Parques Nacionais do Estado, un total de 15 espazos na actualidade que eran 12 cando o parque galego recibiu esta declaración por lei no ano 2002. Só un daquela ducia de parques medrou máis en visitas que as Illas Atlánticas dende que o arquipélago é Parque Nacional. Trátase de Sierra Nevada, en Granada, que creceu case un 133,2%, arredor de medio punto máis que as Illas Atlánticas, cun avance entre 2003 e 2016 superior ao 132%. Estes dous parques foron os únicos que nestes anos duplicaron amplamente a súa afluencia, mentres que outros sete medraron entre o 5,6% e o 86% e tres retrocederon entre un 1,7% e o maior decrecemento do 20%, rexistrado no parque andaluz de Doñana.

Segundo a lei que declarou as Illas Atlánticas como Parque Nacional este espazo protexido non podería chegar a 2004 sen ter aprobado o seu Plan Reitor

Esta gran expansión turística produciuse sen que a Xunta decidise impulsar definitivamente o Plan Reitor de Uso e Xestión do Parque, que o Goberno galego admitiu como "fundamental" en 2009, o segundo ano completo no que as Illas estiveron baixo competencia da Xunta. Ese documento, alén da vontade política do Executivo, estaba contemplado na propia lei de declaración do parque natural, en virtude da cal as Illas non poderían chegar ao ano 2004 sen o correspondente Plan Reitor.

Estes foron tamén os anos da liberalización do transporte ás illas, obrigada por unha sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea no ano 2006. E foi, igualmente, o período no que o movemento ecoloxista alertou sen éxito do quebrantamento dos límites diarios de visitantes ás Cíes, establecidos en 2.200 persoas transportadas e 800 campistas. Tras sancións menores que non semellaron ter ningún efecto a Consellería de Medio Ambiente afirma agora que será "contundente".

Turistas chegando ás Cíes tras viaxaren nun barco de Mar de Ons Dominio Público Adega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.