As vítimas dos asasinatos franquistas xa teñen o seu monumento na Limia

Vítimas do franquismo no Val do Limia, en imaxes divulgadas polo CMHVL CC-BY-SA CMHVL

A curva de Fontaboa, entre Xordos e Nigueiroá, no Concello de Bande, foi un dos múltiplos escenarios do terror tras o golpe de Estado de 1936. Alí foron asasinados polos falanxistas Juan Manuel Álvarez, coñecido como Noches, e mais Jenaro Alonso Santos o 29 e 30 de xullo daquel ano, apenas dúas semanas despois do inicio da sublevación contra a II República.

O Comité pola Memoria Histórica do Val do Limia inaugurou un monólito cos nomes de 25 persoas asasinadas na comarca, "representativas da barbarie cometida" polos golpistas

Nese punto xuntáronse este sábado, 14 de setembro, familiares das vítimas e outros membros do Comité pola Memoria Histórica do Val do Limia para inaugurar, nun acto de homenaxe, o monólito que lembra os nomes e datas dos asasinatos de ata vinte e cinco persoas. As execucións "que temos documentalmente constatadas", explican, o cal non significa que fosen as únicas.

O monumento, de case 3 metros de altura, é "froito dun longo proceso, aínda inconcluso, de investigación sobre as consecuencias da brutal represión contra o pobo traballador desta comarca" naqueles anos. A lista, "aínda incompleta", é xa "representativa da barbarie cometida contra os sectores máis comprometidos e avanzados", din dende o Comité.

Un intre da homenaxe as vítimas do franquismo no Val da Limia, este 14 de setembro CC-BY-SA CMHVL

Coa vontade de "contribuír a rescatar do deliberado esquecemento uns episodios que truncaron violentamente o noso pasado máis recente, que seguen condicionando o presente e hipotecando o futuro", a homenaxe deste sábado xuntou memoria, homenaxe e verbas de esperanza. Versos de Anxo Angueira, Carmen Blanco, Rochi Vnóvoa, Elvira Ribeiro ou Claudio Rodríguez Fer e músicas d'As da Chispa, Carmen Penim, Xosé Constenla ou Mini puxeron "voz, instrumentos e talento". Todos para amosar "solidariedade coas vítimas do fascismo".

Alén do acto deste sábado, o Comité subliña que a súa intención non é outra que recuperar a "biografía" non só destas vinte e cinco persoas, senón de "centenares de veciñas e veciños do Val do Limia", recuperando "o seu legado mediante un exercicio de memoria colectiva". Só así, explican, será posible "resignificar feitos históricos, entendendo a verdade como unha forma de reparación das vítimas da represión fascista", neste caso en concellos como Entrimo, Lobeira, Lobios, Muíños ou o propio Bande, onde quedou instalado o monólito.

Traballos de instalación do monólito en memoria das vítimas do franquismo na curva de Fontaboa, en Bande CC-BY-SA CMHVL

As vinte e cinco persoas homenaxeadas no monumento ás vítimas

  1. Juan Manuel Álvarez Álvarez "Noches"
  2. Jenaro Alonso Santos
  3. Benito Valencia Bouza
  4. Manuel Paz Pérez
  5. Félix Salgado del Moral
  6. Juan Salgado Rodríguez
  7. Alfonso Dámaso Rodrigo Méndez
  8. Marcelino Guisande López
  9. José Álvarez Fernández
  10. Gumersindo Araújo Sousa “Requicho”
  11. Erundina Álvarez Pérez
  12. Lisardo Rodríguez León
  13. Joaquín Díaz Rodríguez
  14. Benigno Rodríguez Antúnez
  15. Arturo Sousa González “Arturo Franco”
  16. Lino Tejada Rodríguez
  17. Antonio Álvarez Fernández
  18. Avelino Pérez Rodríguez
  19. Francisco Domínguez
  20. José Fernández Alonso “Gres” ou “Pepe do Quarto”
  21.  Gumersindo Delgado Gallego
  22. Abilio Álvarez Bernardo
  23. José Fernández González ”Rizo”
  24. Esteban Martínez Gómez
  25. Manuel Costa “Cantarejo”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.