Así votaron os concellos galegos nas eleccións de 1936 do triunfo da Fronte Popular

Bloque máis votado en cada concello nas eleccións de 1936 sobre unha imaxe dunha xornada de votación en Eibar en 1933 © Montaxe: Praza.gal Imaxe: Gipuzkoako Foru Aldundiko Kultura (CC-BY-SA)

Un grupo de investigadores está a levar a cabo un proxecto que busca "recompilar os datos completos e sistemáticos a nivel municipal" das tres convocatorias electorais da Segunda República. Veñen de presentar os de 1936 para todas as provincias do Estado, nas que só falta algunha, coma a de Pontevedra

As eleccións a Cortes do 16 de febreiro de 1936 foron as derradeiras que se celebraron en España ata as de 1977. A ampla vitoria da Fronte Popular (285 escanos fronte a 166 das dereitas) non foi aceptada por amplos sectores do bloque conservador e cinco meses despois unha sublevación militar contra o Goberno elixido democraticamente acabou converténdose nunha guerra civil á que seguiron catro décadas de ditadura. 

Coñecidas son as grandes liñas da historia política da Segunda República nacida o 14 de abril de 1931. As esquerdas e o republicanismo progresista dominaron os primeiros comicios constituíntes de xuño de 1931, mentres que as dereitas obtiveron o triunfo nos comicios de novembro de 1933. Ás eleccións de 1936 as esquerdas, marxistas ou non, presentáronse unidas na Fronte Popular, unha unión que foi determinante para asegurar a súa maioría, mentres que as dereitas non foron quen de reeditar a unidade acadada en 1933. 

Nos libros de historia é habitual atopar os resultados globais destas eleccións e mesmo a distribución de escanos nas catro circunscricións galegas, pero non é doado achar os resultados que se deron en cada concello. 

Un grupo de investigadores da Universitat Pompeu Fabra e da Universitat Oberta de Catalunya, Toni Rodon, Pau Vall Prat e Diego Martín Álvarez, está a levar a cabo un proxecto que busca "recompilar os datos completos e sistemáticos a nivel municipal" das tres convocatorias electorais da Segunda República, dando lugar a "un único conxunto de datos coherente e de acceso abierto", enchendo así o baleiro existente.

As eleccións de 1936 deron como resultado unha maioría de esquerdas en Galicia, clara se observamos os escanos acadados: 24 para a Fronte Popular fronte aos 14 do bloque de dereitas, ademais dos 6 que obtivo a lista de centristas á que se sumou a esquerda en Lugo

O Atlas Electoral da Segunda República que están a construír difundiu hai uns días os seus primeiros resultados, que ofrecen información detallada sobre os comicios de 1936, con datos das votacións en cada concello para case todas as provincias do Estado, agás Pontevedra, Zamora e a maior parte de Cuenca e As Palmas de Gran Canaria.

Os datos, que tamén serven de base para o libro de Rodón e Vall Prat, Vots, Territori i la Caiguda de la República Espanyola, ofrécense para descarga e, ademais, amósanse nun mapa intercativo no que se pod pescudar o gañador en cada localidade e o apoio a cada bloque.

Na web do proxecto dan conta dos atrancos que veñen atopando para dar cos datos, que obteñen de arquivos municipais, gacetas provinciais impresas, copias dixitalizadas de xprnais, apéndices de teses doctorais ou libros de historiadores. No caso galego, por exemplo, os datos dos concellos coruñeses proceden das actas do Congreso dos Deputados, os dos lucenses do Boletín Oficial da Provincia e os de Ourense das investigacións de Julio Prada. 

Non se inclúen os das localidades da provincia de Pontevedra. Os investigadores fan un chamamento a que calquera persoa que poida achegar nova información (ou correccións) para completar a base de datos das eleccións de 1931, 1933 e 1936 o faga a través dun formulario que se inclúe na propia web do proxecto.

Das 249 localidades para as que hai información, excluídas as pontevedresas e con algúns concellos desaparecidos e outros que non existían en 1936, a dereita resultou gañadora en algo máis da metade (132), mentres que a esquerda se impuxo unicamente en 59

1936: maioría de esquerdas en Galicia

As eleccións de 1936 deron como resultado unha maioría de esquerdas en Galicia, clara se observamos os escanos acadados: 24 para a Fronte Popular fronte aos 14 do bloque de dereitas, ademais dos 6 que obtivo a lista de centristas á que se sumou a esquerda en Lugo. A esquerda beneficiouse do feito de presentarse de forma unitaria, xa que tres cuartos dos escanos outorgábanse á lista maioritaria.

Por partidos, a Izquierda Republicana de Azaña fíxose con 12 escanos, o PSOE con 5, a Unión Republicana de Diego Martínez Barrio con 5, o Partido Galeguista con 3 e o PCE con 1. O Partido de Centro Nacional Republicano do pontevedrés Manuel Portela Valladares obtivo 6 escanos. Na dereita, a CEDA gañou 8 deputados e a Renovación Española do ourensán José Calvo Sotelo outros 5.

A esquerda beneficiouse do feito de presentarse de forma unitaria, xa que tres cuartos dos escanos outorgábanse á lista maioritaria

O mapa de resultados por concellos, que recolle a información recompilada polos investigadores cataláns, amosa en cambio un certo dominio territorial conservador. Das 249 localidades para as que hai información, excluídas as pontevedresas e con algúns concellos desaparecidos e outros que non existían en 1936, a dereita resultou gañadora en algo máis da metade (132), mentres que a esquerda se impuxo unicamente en 59. O centro gañou en 58 concellos de Lugo e Ourense (ademais do coruñés Rois), aínda que cómpre recordar que o republicanismo de esquerdas sumouse ás listas centristas na provincia lucense.

Na provincia coruñesa o dominio da esquerda foi moi claro na cidade da Coruña (72% dos votos) e na maior parte das localidades da súa contorna. Tamén en Ferrol (56%) e na súa comarca. E, igualmente, en amplas zonas do interior da provincia, como Ordes, e en comarcas como Barbanza, Noia e Muros; tamén en Valdeorras e na contorna da cidade de Ourense.

A dereita gañou de forma axustada en cidades como Santiago (51%), Lugo (55%) e Ourense (44%), pero sobre todo dominou nas áreas rurais, como Bergantiños e a Costa da Morte, Arzúa e Melide ou a Terra Chá. As listas centristas (co apoio da esquerda en Lugo) competiron ben contra as dereitas na Mariña, A Ulloa ou a Montaña lucense e tamén en varias comarcas ourensás.

Na seguinte táboa pódense consultar os datos recollidos e publicados ata agora polo Atlas Electoral da Segunda República, con información para cada bloque -esquerda, centro, dereita e outros- en cada un dos concellos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.