A "indefinición do proxecto" frea o recheo de 10.000 metros co que o Porto de Marín quería captar máis cruceiros

Peirao comercial de Marín, no centro da imaxe, e plano do recheo e dragaxe que se quere executar para amplialo CC-BY-SA Imaxe: Plan de Ordenación do Litoral - Xunta de Galicia e BOE | Montaxe: Praza Pública

O Ministerio para a Transición Ecolóxica afea a insuficiente documentación coa que pretendía obter a autorización ambiental un porto con condenas no pasado por obviar o impacto das súas actuacións

O Ministerio para a Transición Ecolóxica vén de frear este martes no Boletín Oficial del Estado (BOE) o proxecto da Autoridade Portuaria de Marín de facer un recheo duns 10.000 metros cadrados. Con el prevía ampliar o seu denominado "novo peirao comercial" para captar máis tráficos de cruceiros, de material eólico ou de produtos siderúrxicos. 

A "indefinición do proxecto", que "carece dunha adecuada identificación, análise e valoración de todos os potenciais impactos", leva a que o ministerio non sexa quen de facer a súa avaliación ambiental e dea por rematada a súa tramitación. Un erro de xestión por parte da Autoridade Portuaria que se suma a anteriores condenas polos impactos doutros proxectos previos no mesmo porto.

O presidente desde 2009 da Autoridade Portuaria de Marín, o popular José Benito Suárez, presentando en 2019 á alcaldesa o proxecto de ampliación para cruceiros e resolución publicada este martes no BOE © Imaxe: Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra | Montaxe: Praza Pública

Hai anos que o presidente desde 2009 da Autoridade Portuaria de Marín, o popular José Benito Suárez, marido da ex-ministra de Fomento Ana Pastor, aposta por captar máis tráfico de cruceiros, ata agora testemuñal -un cruceiro con 765 pasaxeiros en 2024 e dous con 143 pasaxeiros en 2017, segundo o IGE-  fronte aos outros catro portos galegos de interese xeral do Estado que tamén reciben ese tipo de barcos. Para ese obxectivo, xunto co de mellorar a operación dos barcos con pezas eólicas ou siderúrxicas, quere ampliar a liña de atraque do peirao comercial, agora de 180 metros e que se estendería outros 147 metros cun recheo duns 10.000 metros cadrados e unha dragaxe de 46.000 metros cúbicos.

A xestión incorrecta da Autoridade Portuaria frea o testemuñal sector dos cruceiros e o desenvolvemento da industria eólica

O proxecto foi remitido para a súa avaliación ambiental en marzo do pasado ano ao Ministerio para a Transición Ecolóxica, que agora resolve dar por rematado o procedemento indicando que "non é posible ditar unha resolución fundada ao non contar con elementos de xuízo suficientes sobre os posibles efectos adversos". A resolución sinala que "o documento ambiental presentado carece dunha adecuada identificación, análise e valoración de todos os potenciais impactos derivados das actuacións, así como dunha proposta proporcionada de medidas para previr, corrixir e/ou compensar os impactos".

A resolución do ministerio revela que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta si considerou o proxecto viable, pero a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro advertiu de "deficiencias na caracterización das zonas de pesca existentes e polo tanto os impactos sobre as mesmas".

Tamén a Xunta advertiu "deficiencias na caracterización das zonas de pesca existentes e polo tanto os impactos sobre as mesmas"

O freo ambiental á ampliación do peirao comercial chega despois de que outros proxectos no mesmo porto de Marín recibisen diversas condenas xudiciais nos últimos anos polos seus impactos. En 2016 o Tribunal Supremo anulou o plan de usos da Autoridade Portuaria que recollía outros recheos previos porque se aprobara sen sometelo a avaliación ambiental. Tamén o Supremo considerou en 2007 que o acceso ferroviario ao porto construído en 2002 a través da praza do núcleo urbano dos Praceres se executara ilegalmente. Nos dous casos as resolucións xudiciais chegaron cando as actuacións cuestionadas polo seu impacto xa estaban executadas.

Vista aérea do novo peira comercial de Marín que se quere ampliar cun recheo © Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.