Aumenta o número de alcaldesas en Galicia, pero o 80% dos rexedores son homes

III Cumio de Alcaldesas de Galicia, celebrado en Cambados en 2019 © Asistogal

Dos 300 gobernos locais constituídos, 65 terán unha muller como alcaldesa, unha cifra que se elevará previsiblemente ata as 68 cando se constitúan as alcaldías pendentes

O camiño cara á igualdade na política avanza, pero a desexable paridade por sexos segue moi lonxe. As investiduras das corporacións municipais saídas das eleccións do pasado 28 de maio deixaron un mapa político local en Galicia que segue dominado polos homes, pero no que as mulleres gañan presenza. Dos 300 gobernos locais constituídos, 65 terán unha muller como alcaldesa, unha cifra que se elevará previsiblemente ata as 68 cando se constitúan as alcaldías pendentes, e mesmo pode que unha ou dúas máis.

A cifra segue a ser moi cativa, se temos en conta que Galicia abrangue 313 concellos, dos que case o 80% terá un home como alcalde. Porén, a evolución nas últimas dúas décadas é claramente positiva, pois o número de alcaldesas pasou de 24 no ano 2011, a 38 no 2015, 56 no 2019, ata as 68 actuais. Estas 68 alcaldesas representan o 21,7% do total de rexedores. 

A cifra segue a ser cativa, pois case o 80% dos concellos terá un home como alcalde. Porén, a evolución é claramente positiva, pois o número de alcaldesas pasou de 24 no ano 2011, a 38 no 2015, a 56 no 2019, ata as 68 actuais, que representan o 21,7% do total de rexedores

No mandato municipal anterior Galicia era o territorio do Estado cunha menor proporción de alcaldesas, apenas un 18%, con datos semellantes aos de Castela e León, A Rioxa e Aragón e lonxe da media española (22%). 

A desigualdade comeza na propia constitución das listas electorais, nas que por lei debe existir paridade no seu conxunto (movéndose un e outro sexo entre o 40% e o 60% en toda a lista e en cada treito de cinco persoas), pero non así na persoa que encabeza cada candidatura. Das 1.176 listas presentadas ás eleccións municipais do 28 de maio en Galicia, 860 estiveron encabezadas por homes e 316 por mulleres, un 26,9%, é dicir, pouco máis de 1 de cada 4. 

No mandato municipal anterior Galicia era o territorio do Estado cunha menor proporción de alcaldesas, un 18%, lonxe da media española (22%)

No mapa aparecen as 65 concellos con alcaldesas xa investidas, entre as que destacan as rexedoras de cidades como A Coruña, Santiago ou Lugo, e de vilas tan importantes como Narón, Teo, Marín, Cangas, Moaña, Ponteareas, Redondela, Mos, Vilalba ou Viveiro.

Hai que ter en conta, iso si, que dúas destas alcaldías dirixidas por mulleres son rotatorias: Ramirás e Vilardevós. En Ramirás accederá á Alcaldía na segunda metade do mandato o popular Juan Carlos Rodríguez. En Vilardevós, en cambio, dentro de dous anos e oito meses o bastón de mando seguirá a corresponder a unha muller, Tamara Balboa (IGV). 

Ademais, entre os 13 corporacións municipais aínda non constituídas, o máis probable é que Lousame, Muros e Carballeda de Valdeorras conten tamén cunha alcaldesa. Existe algunha posibilidade de que isto tamén suceda en Noia, no caso de ser investida a candidata do NOIA, con negociacións aínda abertas. De igual xeito, Castro Caldelas repetirá eleccións proximamente. O 28M a candidata socialista obtivo unha axustada maioría absoluta.

Un terzo dos alcaldes do BNG son mulleres, 12 de 36

Das 68 alcaldesas probables, o PP é a formación que suma un maior número (28), aínda que só representan o 20% do seu número total de rexedores. O PSdeG ten 23 alcaldesas (o 23% do total de rexedores desta formación) e o BNG 12, un terzo dos seus rexedores, o que converte o Bloque na forza política máis feminizada no seu poder municipal.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.