Baltar volve elixir os tribunais de oposicións da Deputación ourensá e derroga o sorteo que aprobou tras a condena ao pai

José Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, nunha videoconferencia sobre a covid-19 © Deputación de Ourense

O pleno da Deputación de Ourense aprobou este venres, cos votos a prol dos deputados que sustentan o bipartito do PP e Democracia Ourensana, a modificación da Ordenanza reguladora dos procedementos de selección de persoal funcionario interino e laboral temporal. A mudanza afecta esencialmente ao artigo 8 do documento aprobado hai case seis anos e devolve ao presidente da institución, José Manuel Baltar, a competencia de designar persoalmente os membros dos tribunais destas oposicións.

A elección dos tribunais por sorteo foi aprobada en 2014, xusto despois da condena a José Luis Baltar por enchufar máis de 400 persoas na Deputación, despois ratificada pola Audiencia, e José Manuel Baltar presentara a medida como exemplo de transparencia e "autolimitación"

O 31 de xullo de 2014 un xulgado ourensán condenaba a José Luis Baltar a nove anos de inhabilitación ao considerar probado que enchufara máis de 400 persoas na Deputación a comezos de 2010, condena que en 2015 ratificou a Audiencia. Os feitos aconteceran en vésperas do congreso do PP de Ourense de 2010, no que José Luis Baltar conseguiu situar como sucesor no partido ao seu fillo como paso previo a facer o mesmo na Deputación e a sentenza ligaba os enchufes con esa votación.

Un día despois daquela sentenza, o 1 de agosto de 2014, o Boletín Oficial da Provincia de Ourense publicaba a nova ordenanza de selección de persoal, que José Manuel Baltar presentara como exemplo de transparencia e "autolimitación". Así, o artigo 8 de aquel texto sinalaba que os seis membros dos tribunais destes procesos selectivos, persoal funcionario ou laboral de "calquera administración pública", serían "designados mediante sorteo que se realizará en acto público". "O presidente e dous vogais serán elixidos por sorteo entre empregados públicos da Deputación Provincial de Ourense", especificaba, antes de detallar o proceso para sortear os postos.

Redacción da ordenanza de persoal da Deputación de Ourense aprobada en 2014 e a súa modificación, que vén de recibir luz verde neste maio de 2020 CC-BY-SA Praza Pública

Esa norma vén de chegar á súa fin. O novo texto agora aprobado mantén o número de membros e a esixencia de que sexan "persoal funcionario de carreira ou persoal laboral fixo" de calquera administración. Tamén mantén que "actuarán con plena autonomía no exercicio das súas funcións" sen estar "suxeitos a instrucións de ningún tipo por parte dos órganos da Deputación". Pero xa non son elixidos por sorteo, senón que a elección volve depender do Goberno que encabeza José Manuel Baltar. Así o aclarou a Deputación, xa que a nova redacción non o recolle.

O goberno bipartito de PP e Democracia Ourensana xustifica a mudanza pola "dificultade de atopar membros para a composición dos tribunais" e a existencia de numerosas renuncias entre o persoal que resultaba elixido para participar nestes procesos

O ditame da comisión que abordou a reforma sinala que, pola banda do PP, defendeuse no proceso que "por lei é competencia do presidente ou do deputado en quen delegue" realizar esta selección. O goberno bipartito dos populares e DO veu defendendo que a única intención da modificación é axilizar uns procesos que se estaban a atrancar pola "dificultade de atopar membros para a composición dos tribunais", un elevado número de "renuncias" a participar por parte do funcionariado que saía elixido no sorteo e "fortes atrasos".

O que no seo da oposición ao gabinete de coalición do PP e Democracia Ourensana se ve como porta aberta a maiores inxerencias do barón do PP ourensán nos procesos de selección de persoal da Deputación en vésperas electorais, no PP deféndese como un regreso ao que é norma "xeral" nas Administracións públicas do Estado. Ademais, enfatizan, non existiu colaboración das demais Administracións para aplicar o sistema de sorteo aínda que llela pediron.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.