Besteiro aplaude o nomeamento de Calviño como presidenta do BEI: “un orgullo para o socialismo galego"

José Ramón Besteiro, xunto a Nadia Calviño, nun acto en Galicia. CC-BY-SA PSdeG

A elección de galega Nadia Calviño como presidenta do Banco Europeo de investimentos é "un merecido recoñecemento á mellor ministra de Economía que tivo España”, asegura Besteiro 

A elección de galega Nadia Calviño como presidenta do Banco Europeo de investimentos é, sen dúbida, un respaldo á política económica dos socialistas, ademais dun merecido recoñecemento á mellor ministra de Economía que tivo España”. Con estas palabras o candidato socialista á Xunta de Galicia e deputado nacional, José Ramón Gómez Besteiro, felicitaba a vicepresidenta primeira do Goberno de España, tras coñecerse este venres o seu nomeamento como presidenta do Banco Europeo. 

Besteiro engadiu que “para o socialismo galego é moito máis: é un orgullo ter a unha de nós presidindo o principal banco público da Unión Europea” e subliñou o prestixio que supón a súa designación porque “a diferenza dos gobernos do PP, desde a chegada de Pedro Sánchez á presidencia, o peso de España en Europa non parou de medrar. E a elección de Nadia é outro bo exemplo da boa xestión económica dos socialistas”.

Nadia Calviño, ministra de Economía, foi elixida este venres presidenta do Banco Europeo de Investimentos. © Congreso dos Deputados

Besteiro tivo tamén palabras de agradecemento para Nadia Calviño ao recordar que, cando foi nomeado como candidato socialista á Presidencia da Xunta de Galicia e malia á súa apretadada axenda, a nova presidenta do Banco Europeo de Investimentos “fixo o imposible” por estar presente xunto a el e todos os socialistas de Galicia nun acto tan significativo. 

Desde o 1 de xaneiro

Os países da Unión Europea (UE) elixiron este venres a actual vicepresidenta e ministra de Asuntos Económicos española para presidir o Banco Europeo de Investimentos (BEI) a partir do 1 de xaneiro de 2024 en substitución do alemán Werner Hoyer. 

Calviño impúxose na carreira por presidir o banco público da UE á vicepresidenta da Comisión Europea Margrethe Vestager, que deixou o posto temporalmente para participar neste proceso de selección, ao exministro de Finanzas italiano Daniele Franco; e a dous dos actuais vicepresidentes do BEI, a polaca Teresa Czerwińska e o sueco Thomas Östros.

Creado en 1958 e con sede en Luxemburgo, a misión do BEI é proporcionar préstamos e avais a proxectos de todos os sectores que busquen o desenvolvemento das rexións europeas a modernización ou reconversión de empresas, o desenvolvemento de novas actividades; ou proxectos de interese común para varios Estados e, cada vez máis, no exterior.

Banco Europeo de Investimentos CC-BY-SA

Aínda que inicialmente xurdiu para impulsar a cohesión en Europa, nos últimos anos foi gañando competencias: desde mobilizar financiamento a empresas tras a crise de 2008, ata financiar a loita contra o cambio climático, o apoio ao desenvolvemento de vacinas durante a pandemia ou a canalización do apoio a Ucraína pola guerra.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.