O PSOE bota toda a auga ao muíño das eleccións autonómicas. Á proxección lóxica e evidente do candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, únese agora o anuncio da celebración da súa conferencia política na Coruña os próximos 20 e 21 de xaneiro.
Neste conclave, o PSOE prevé marcar a estratexia para esta lexislatura, e farao precisamente en Galicia e a moi pouco de que se celebren as eleccións autonómicas, que todos os rumores sitúan xa en febreiro ou, a máis tardar, en marzo do vindeiro ano. Así, Besteiro non dubidou en destacar a "magnífica noticia" que supón este acto, no que ve un "novo sinal da importancia de Galicia para o Goberno de Pedro Sánchez".
O PSOE trae a Galicia a súa conferencia política en xaneiro, a pouco das autonómicas, e engade proxección a Besteiro situándoo á fronte da Comisión de Transportes do Congreso
Un Pedro Sánchez que aposta forte por Besteiro, que o vindeiro luns asumirá, ademais, o cargo de presidente da Comisión de Transportes no Congreso, o que lle permitirá ter contacto directo cun ministerio de importancia vital na axenda galega das infraestruturas —coa futura chegada dos trens Avril, as melloras no eixo atlántico ferroviario ou a implantación do servizo de proximidade—, pero tamén na batalla co Goberno central na que desde hai tempo converteu a Xunta calquera diverxencia co departamento que agora dirixe Óscar Puente.
“A estratexia da nova lexislatura sairá desta conferencia, que terá máis que nunca un acento galego“, dixo Besteiro sobre o conclave de xaneiro, logo de defender que o Executivo central pensa en Galicia e dálle o lugar que se merece.
Mentres, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou estar encantando da celebración da conferencia do PSOE e da visita de Sánchez, pero lamentou que non chegue a Galicia como “presidente do Goberno” para reunirse con el, como “si fai” co titular da Generalitat, e si como líder socialista nun acto de partido. "Se vén falar mal do PP e do seu goberno na Xunta, será pouco útil", engadiu o xefe dun Executivo galego consciente que a leña que Ferraz meta na cociña das eleccións galegas marcará as posibilidades ou non dun cambio.
Besteiro será figura clave nesa fin de semana de xaneiro para o PSOE, como o xa foi cando foi incluído no equipo que negociou a investidura de Pedro Sánchez ou cando foi elixido para estrear o galego —e o uso de todas as linguas oficiais do Estado— no Congreso, converténdose no primeiro deputado que usaba o idioma galego de maneira totalmente regularizada na Cámara Baixa.
A proxección evidente de Besteiro chega tras a confirmación da futura candidatura de Sumar Galicia, que ante os rumores dunha coalición co PSOE ou da non presentación nalgunha provincia para non dividir o voto progresista, asegurou que se presentará aos comicios en todos os territorios.
Lara Méndez pide non dividir o voto nen Lugo e Ourense e suxire a Sumar que non se presente nesas provincias: "Hai opcións lexítimas que non acadan representación e son voto inútil"
Malia iso, no PSdeG insisten en suxerir que non o faga en Lugo e Ourense, como de maneira bastante clara dixo este venres a alcaldesa socialista da capital lucense, Lara Méndez. "Cando hai moita división, evidentemente, fracciónase moitísimo o voto e hai moitas opcións lexítimas que despois non acadan esa representación; é un voto inútil e, nese sentido, debemos unir esforzos na esquerda", dixo tras ser preguntada especificamente pola posibilidade de que Sumar non se presenta nesas dúas provincias.
"Estamos nun momento no que nos xogamos moitísimo", engadiu Méndez, que cre que "nos últimos quince anos, Galicia non ten avanzado en ningún eido". "Galicia ten que tomar a decisión de avanzar, acadar o progreso ou quedar estancados", continuou. "Canto máis se divida o voto, máis opción terá de perpetuarse o PP no goberno", rematou.