Besteiro promete priorizar o AVE Vigo-Porto-Lisboa, “esencial para a nosa economía”

José Ramón Gómez Besteiro, este domingo, en Redondela CC-BY-SA PSdeG

A falla de liderado de Rueda provoca que Galicia pague as consecuencias “do PP que manda, de Ayuso, aliada co PP de Portugal para rexeitar o AVE a Galicia e priorizar a conexión Lisboa – Madrid"

O candidato socialista á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, interveu este domingo nun acto político en Redondela, diante de 300 persoas, onde lamentou que Galicia perde “moitos cartos e oportunidades económicas” polo pouco peso político do candidato do PP.

Apuntou que a falla de liderado de Rueda provoca que Galicia pague as consecuencias “do PP que manda, de Ayuso, aliada co PP de Portugal para rexeitar o AVE a Galicia e priorizar a conexión Lisboa – Madrid, diante da impasibilidade do candidato do PP galego. Subliñou que “non queremos a un Rueda calado, recibindo ordes de Madrid contra os intereses de Galicia”.

Gómez Besteiro, durante o encontro de Redondela, ante 300 simpatizantes. CC-BY-SA PSdeG

José Ramón Gómez Besteiro comprometeuse a priorizar o AVE Vigo – Porto – Lisboa, que resulta “esencial para a nosa economía”, para o que conta co apoio dos socialistas de Portugal e advertiu de que “isto vai de non perder máis oportunidades para Galicia”. 

Anunciou que os socialistas van reclamar un pronunciamento expreso de Rueda e do PP para modificar os regulamentos europeos e incorporar a liña á Rede Transnacional Europea en abril, permitindo introducir pasaxeiros e mercadorías. Sinalou que co PP Galicia chega tarde á alta velocidade e agora ponlle paus nas rodas á conexión con Portugal, mentres  tivo que ser un goberno socialista o que "acelerara o paso para facer da alta velocidade unha realidade". 

O candidato reivindicou a xestión do goberno socialista para situar a AP-9 “no camiño da gratuidade" 

O candidato reivindicou a xestión do goberno socialista para situar a AP-9 “no camiño da gratuidade”, polo que agora hai unha bonificación do 75% das peaxes entre Ferrol e Tui, que partiu dos Orzamentos Xerais aprobados polos socialistas galegos en solitario hai 2 anos. Dixo que a decisión da gratuidade das peaxes “tomarase a través dun goberno durante 4 anos con Pedro Sánchez á fronte, pese a quen lle pese”.

Reivindicou a “receita da modernización e da reindustrialización” para traer máis industria a Galicia grazas ao seu potencial enerxético, que permita camiñar cara á cohesión social e territorial e despregar as infraestruturas pendentes. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.