Besteiro reclama unha reforma do Estatuto "para avanzar no autogoberno"

Besteiro nos actos do Día da Constitución en Lugo CC-BY-SA PSdeG

O socialista salienta nos actos do Día da Constitución en Lugo que a reforma é necesaria "para construír unha Galicia mellor nunha España de futuro"

O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, amosou este mércores, Día da Constitución Española, a súa aposta por "unha reforma do noso Estatuto de Autonomía para avanzar no autogoberno do país e proxectalo de cara ao futuro". Besteiro reivindica a actualización da norma básica galega para adaptarse aos novos tempos "implicando á cidadanía galega na solución dos problemas reais que temos como sociedade".

Besteiro, que participou nos actos da Constitución en Lugo, considera que a revisión do Estatuto é necesaria "para construír unha Galicia mellor nunha España de futuro". 

Besteiro nos actos do Día da Constitución en Lugo CC-BY-SA PSdeG

O socialista gabou "a esencia dunha Constitución capaz de reflectir á pluralidade política do país e o seu cambio social" e fronte aos "discursos e actos violentos" ou a permanente chamada do "España rompe" apelou á Constitución que "permitiu conformar un Goberno nacido cunha maioría parlamentaria plural con plena normalidade e total lexitimidade".

Besteiro destacou tamén os dous grandes desafíos que, na súa opinión, terá esta XV lexislatura estatal presidida por Pedro Sánchez: a mellora da xustiza social e a equidade de xénero e o avance do modelo territorial constitucional que "facilite a convivencia entre as distintas persoas e pobos que conformamos España. Unidade desde a diversidade".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.