O presidente di, en resposta a Ana Pontón, que as críticas da oposición ás contas do seu Goberno afectan “a todos os que participaron na súa elaboración, con intención de servizo público”
Para o presidente da Xunta as críticas de BNG e PSdeG aos orzamentos propostos polo seu Goberno para o próximo ano afectan tamén ao funcionariado que participou na súa elaboración. Segundo dixo este mércores na sesión de control do Parlamento, a crítica da oposición ás contas públicas se “estende” a “todos os que participaron na súa elaboración, con intención de servizo público”.
A sesión de control deste mércores centrouna a portavoz do BNG, Ana Pontón, en criticar que os orzamentos da Xunta para o próximo ano non axudan á poboación máis necesitada pero si rebaixan impostos aos patrimonios máis altos. E en similar liña pronunciouse o portavoz parlamentario do PSdeG, Luis Álvarez, que reclamou que a Xunta recupere a Tarxeta Básica para alimentos e medicamentos que suprimiu o pasado xuño.
Para Pontón, que na súa crítica máis xeral ás contas da Xunta tamén incorporou as máis concretas do portavoz socialista sobre as axudas sociais, Rueda é un “Robin Hood ao revés”, que “quita a Tarxeta Básica” e “regala” aos ricos con rebaixas no imposto do patrimonio. Redución de ingresos da Xunta que ao seu ver vai “compensar” subindo “a factura do lixo e da auga”. Por iso, a nacionalista reclamou ao presidente que “retire estes orzamentos e negocie” coa oposición”.
Ante a reclamación do PSdeG de que se recupere a Tarxeta Básica o presidente asegurou que o resto de axudas que ten a Xunta son máis que as que había hai 13 anos
A resposta de Rueda foi a antedita argumentación de que os orzamentos da Xunta non son ó unha iniciativa política do seu Goberno senón que criticalos implica tamén un ataque ao persoal técnico que participa na súa elaboración. Fronte a ese persoal público que elabora as contas da Xunta, Rueda situou, dirixíndose a Pontón, “os expertos aos que vostede sempre alude pero nunca identifica”. As contas para 2023, sentenciou, “son os orzamentos que necesita Galicia”.
E en resposta á crítica da nacionalista sobre a suba da "factura do lixo e da auga", tras a decisión da Xunta de eliminar o próximo ano a rebaixa do 10% no canon de Sogama aos concellos que cumprían determinados obxectivos de reciclaxe, Rueda anunciou que "en 2023 introduciremos unha bonificación do 15% no recibo de Sogama a todos aqueles concellos que introduzan o quinto contedor", obrigado pola UE para o lixo orgánico e que cuxa instalación a Xunta quería demorar.
Pola súa banda, o socialista Luis Álvarez reclamou que se repoña a Tarxeta Básica. “Aposten pola equidade social, porque poden facelo”, reclamou. A resposta de Rueda foi asegurar que a Xunta compensou a retirada desa medida con outras que supoñen máis gasto social que o que había en 2009 co goberno de coalición de PSdeG e BNG. Ademais desa xa clásica comparación coa situación de hai máis dunha década, Rueda tamén empregou a estratexia de non responder polo que fai o seu Goberno senón criticar o que non fan outros e preguntouse “por que non había ningunha” medida similar noutras comunidades autónomas gobernadas polos socialistas.