Caballero avoga por outra "folla de ruta" para reconstruír Galicia ante a "nula" política económica de Feijóo

Gonzalo Caballero, no Círculo de Empresarios de Galicia, en Vigo CC-BY-SA PSdeG

O secretario xeral do PSdeG e candidato socialista á presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, apostou este martes antes dun encontro con empresarios en Vigo por un "liderado" que permita a reconstrución económica e social de Galicia tras a pandemia pola covid e avogou por un cambio de gobenro que poña fin á "agonía" do PP e á "inexistencia de política económica e industrial" durante os últimos once anos. 

Caballero chama a outro "liderado" na Xunta para a reconstrución económica tras un "proxecto esgotado" do PP

Caballero sinalou o dos populares como un "proxecto esgotado" con "nula" política industrial e económica e advertiu de que Feijóo "non está á altura" para liderar a reconstrución logo dunha "crise tan severa". “Se en 11 anos se destruíron 70.000 postos de traballo en Galicia, é necesaria unha nova folla de ruta”, asegurou. 

Entre as súas propostas, Caballero aposta por empregar os 2.500 millóns de euros de fondos públicos do Estado coparticipados cos privados para “mobilizar un mínimo de 3.500 millóns de euros para a reconstrución do país”.

Ademais, o líder dos socialistas galegos advertiu a Feijóo de que a súa “estratexia” de estar “pegado a Pablo Casado” é “equivocada”, á vez que criticou o PP por “usar" os falecidos pola pandemia de coronavirus para confrontar co Goberno de España. Referíase á distribución, por parte do Partido Popular dun argumentario “para buscar a confrontación” co Goberno de España.

Para Caballero, o PP “non asume o resultado das eleccións de 2019” e está “nunha estratexia de acoso e derribo” contra o Executivo central. "Tentar usar os falecidos e a covid é mezquino, indigno, irresponsable e non responde á verdade”, dixo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.