Caballero avoga por desenvolver o Banco de Terras na nova lexislatura para impulsar o sector lácteo

Gonzalo Caballero, na súa visita á Casa Grande de Xanceda CC-BY-SA PSdeG

O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, anunciou este luns un paquete de medidas para o sector lácteo durante a súa visita á empresa Casa Grande de Xanceda, en Mesía. En primeiro lugar, o secretario xeral dos socialistas galegos avogou por desenvolver o Banco de Terras para evitar a "sempre pendente cuestión de loitar contra os custos en función dos tamaños das explotacións".

Caballero aposta por implantar unha discriminación positiva desde a Xunta para mobilizar terra dispoñibe e evitar os atrancos do "histórico minifundismo"

Na mesma liña, Caballero comprometeuse a implantar unha discriminación positiva desde a Xunta que permita mobilizar a terra dispoñible e evitar así as dificultades do "histórico minifundismo". Ao tempo, apostou por traballar xunto ao Goberno central e outras institucións para conseguir que o prezo do leite en orixe deixe de estar "á cola de España".

Son, estas medidas, parte dunha aposta que dixo ser clara polo sector lácteo e a gandaría para pór freo á "continua redución de explotacións" dos últimos once anos no país. Caballero propón alcanzar un produto de calidade, referencia galega, que poida facerse con espazo nos mercados, complementario coa competencia en prezo con produtos de máis valor engadido.

Caballero aposta por "vías de innovación e investigación" para xerar novos produtos e impulsar a industria transformadora con valor engadido 

Caballero advirte de que produtores galegos merecen percibir "os maiores fondos posibles que se pagan na comercialización" e de que o prezo do leite en Galicia está "á cola" do Estado", o que prexudica os gandeiros reducindo a produtividade das explotacións e o abandono masivo da actividade.

Por esa razón, aposta tamén por "vías de innovación e investigación" que permitan xerar novos produtos e impulsar a industria transformadora para dotar o lácteo dun valor engadido fundamental.

Ademais, o candidato socialista asumiu este luns o compromiso de gobernar Galicia contando co sector gandeiro, e concretamente co lácteo", para "facer que a cadea de produción incorpore novos produtos e permita ao sector gañar en ingresos a través de mecanismos de diferenciación, calidade e innovación" co apoio á industria trasformadora.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.