Feijóo anuncia unha “axenda de emprego” con 196 millóns de euros e despois admite que só o 15% serán “fondos novos”

Feijóo e os conselleiros de Economía e Sanidade no Consello da Xunta deste venres CC-BY-SA Xunta de Galicia

Malia presentalo como un “acordo moi potente”, o Consello da Xunta deste venres non tomou ningunha decisión ao respecto con valor legal máis alá de emitir unha nota de prensa

Como “acordo moi potente” definiu este venres o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o anuncio que lanzou de que o seu Goberno decidiu “crear unha axenda de emprego específica para o Covid”. Unha “axenda 2020”, como a denominou, que cifrou en 196 millóns de euros. Porén, máis alá das verbas do presidente a realidade é que o Consello da Xunta non decidiu nada ao respecto este venres e que os cartos anunciados xa estaban destinados na súa maioría á promoción do emprego e só o 15% serán novos fondos, segundo acabou admitindo o propio Feijóo.

Feijóo na rolda de prensa deste venres 19 de xuño CC-BY-SA Xunta de Galicia

Tras o anuncio inicial na súa comparecencia pública despois da reunión deste venres do Consello da Xunta, o presidente Feijóo foi preguntado expresamente sobre cantos deses fondos son novos e cantos reorientados. A resposta de Feijóo foi breve: “un 15% de fondos novos”.

Por outra banda, o Consello da Xunta non tomou este venres ningunha decisión con valor legal a respecto desa “axenda de emprego”. Limitouse a facer público un informe, un tipo de documento sen valor legal, que poden ser mesmo verbais e cuxo uso propagandístico os gobernos de Feijóo veñen aumentando.

Similar consideración de informe sen valor legal ten o anuncio que tamén lanzou o presidente de que tres "proxectos tractores" que quere poñer en marcha a Xunta para impulsar novas empresas nos eidos da economía circular, a produción sostible de fibra forestal e a produción de hidróxeno "permitirán a creación de case 1.700 empregos grazas a un investimento de 1.300 millóns de euros". O proxecto "poderá optar a fondos europeos".

O Consello deste venres aprobou as Medallas Castelao deste ano e unha área de rexeneración urbana impulsada polo Concello da Coruña

Tamén como informe analizou o Consello da Xunta deste venres o proxecto de decreto polo que en próximas datas prevé fixar os días festivos do calendario laboral do próximo ano para Galicia. [Podes consultalos aquí].

Os principais acordos do Consello da Xunta deste venres foron o decreto polo que o Goberno galego concede as Medalla Castelao deste ano á deportista Ana Peleteiro, o grupo musical A Roda, as Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, a xornalista Pilar Cernuda e o presentador Xosé Manuel Piñeiro, así como a declaración dunha área de rexeneración urbana de interese autonómico no Concello da Coruña, na cidade vella e o eixo Orzán-Panadeira, que facilitará ao Concello os seus plans de rehabilitación para a zona.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.