O Consello da Xunta propón os festivos de ámbito galego do calendario laboral de 2021. Entres os habituais non figura o Día Nacional de Galicia por cadrar en domingo.
Fálase
As Medallas Castelao deste ano serán para a deportista Ana Peleteiro, o grupo musical A Roda, as Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, a xornalista Pilar Cernuda e o presentador Xosé Manuel Piñeiro. Así o vén de aprobar o Consello da Xunta (Imaxe: RFEA)
Detido o identificado como o home que se gravou nun vídeo a disparar contra fotografías de Pedro Sánchez, Pablo Iglesias e outros membros do Goberno de España. O vídeo foi revelado por La Marea e, segundo eldiario.es, o home é un ex-militar.
Catalunya, Euskadi e Cantabria finalizan dende hoxe o estado de alarma e, como Galicia dende hai catro días, manteñen diversas restricións para conter posibles contaxios do coronavirus, aínda que xa retomaron a apertura de servizos que a Xunta mantén pechados, como os centros de día. Os Goberno vasco e cántabro uniron o trámite á reapertura da libre circulación entre ambos territorios, que simbolizaron Urkullu e Revilla xuntándose nunha zona lindeira. (Imaxe: Goberno de Cantabria)
A patronal das residencias de maiores reclama máis fondos públicos tras a crise do coronavirus e asegura que o fai para "dignificar" salarios. Os seus representantes lanzaron esta petición no cumio de grandes empresas que está a desenvolver a CEOE a través de internet.
O BNG reclama á Xunta que reabra os centros de día coas máximas garantías e pide a Feijóo que rectifique. "Non se entende que se poidan celebrar verbenas e que os centros de día sigan pechados até setembro", di Ana Pontón. O Goberno galego segue sen pór data á reapertura destes espazos, activos xa na maioría das comunidades.
O Concello de Lugo insta a Xunta a "limpar a Muralla e cumprir coa súa obriga de conservación" do monumento, Patrimonio da Humanidade dende hai dúas decadas. "Somos conscientes das limitacións do estado de alarma", pero "tamén da recuperación progresiva de toda a actividade e pedimos á Xunta a retirada, canto antes, da vexetación dos lenzos da Muralla", di o goberno local, que se dirixiu por carta á Consellería de Cultura para pedir o inicio duns traballos que "dispoñen de licenza outorgada en 2019", subliña. Na imaxe, vexetación nun dos cubos á beira da Porta de Santiago.
O Parlamento vota mañá se Feijóo comparece na Deputación permanente para dar conta da "situación na que se atopa a CRTVG", petición formulada conxuntamente por todos os grupos da oposición. Os grupos da esquerda reclaman que o presidente da Xunta aborde o incumprimento da lei dos medios públicos, da "manipulación informativa" que sinala a plataforma Defende a Galega, entre outros asuntos. Os votos do PP frearán a petición.
A comisión de peticións do Parlamento Europeo admite a queixa das Enfermeiras Eventuais en Loita pola precariedade laboral no Sergas e continúa a súa tramitación. O colectivo presentou a súa demanda na Eurocámara o pasado decembro coa colaboración de Ana Miranda (BNG).
O doutor Fernando Simón admite "preocupación" polos rebrotes da COVID-19 na China. "É un reflexo do que podería pasar en calquera outro país onde se consiga controlar a epidemia", advirte o director de Emerxencias Sanitarias do Ministerio de Sanidade, que pide "precaución" á cidadanía para "evitar que nos pase o que está a pasar agora en Pekín". (Imaxe: Ministerio de Sanidade)