O Concello de Lugo insta a Xunta a "limpar a Muralla e cumprir coa súa obriga de conservación" do monumento, Patrimonio da Humanidade dende hai dúas decadas. "Somos conscientes das limitacións do estado de alarma", pero "tamén da recuperación progresiva de toda a actividade e pedimos á Xunta a retirada, canto antes, da vexetación dos lenzos da Muralla", di o goberno local, que se dirixiu por carta á Consellería de Cultura para pedir o inicio duns traballos que "dispoñen de licenza outorgada en 2019", subliña. Na imaxe, vexetación nun dos cubos á beira da Porta de Santiago.
Fálase
O Parlamento vota mañá se Feijóo comparece na Deputación permanente para dar conta da "situación na que se atopa a CRTVG", petición formulada conxuntamente por todos os grupos da oposición. Os grupos da esquerda reclaman que o presidente da Xunta aborde o incumprimento da lei dos medios públicos, da "manipulación informativa" que sinala a plataforma Defende a Galega, entre outros asuntos. Os votos do PP frearán a petición.
A comisión de peticións do Parlamento Europeo admite a queixa das Enfermeiras Eventuais en Loita pola precariedade laboral no Sergas e continúa a súa tramitación. O colectivo presentou a súa demanda na Eurocámara o pasado decembro coa colaboración de Ana Miranda (BNG).
O doutor Fernando Simón admite "preocupación" polos rebrotes da COVID-19 na China. "É un reflexo do que podería pasar en calquera outro país onde se consiga controlar a epidemia", advirte o director de Emerxencias Sanitarias do Ministerio de Sanidade, que pide "precaución" á cidadanía para "evitar que nos pase o que está a pasar agora en Pekín". (Imaxe: Ministerio de Sanidade)
O Parlamento de Asturias insta o Goberno central a que nacionalice as antigas plantas de Alcoa na Coruña e Avilés. A Cámara, co apoio de PSOE, Podemos e IU, pide a intervención das factorías de Alu Ibérica.
A orquestra Panorama anuncia a cancelación de toda a súa xira de 2020 por mor do coronavirus e das limitacións de capacidade de festas e verbenas previstas para este verán. O anuncio, que a formación realiza a través dun comunicado, chega en vésperas de que a Xunta divulgue o protocolo coas restricións para este tipo de eventos, que prevé permitir a partir do 1 de xullo. (Imaxe: © Orquestra Panorama)
A actriz Lucía Regueiro e UNICEF presentan o conto audiovisual "Contaxio", creado por Fran Alonso, Ledicia Costas e María Solar e ilustrado por Leandro Lamas. Está narrado por por Xúlio Abonjo, Miguel Canalejo, Monti Castiñeiras, Isabel Naveira, Federico Pérez, Lucía Regueiro, Beatriz Serén e María Vázquez. O obxectivo é fomentar a cultura e a educación da infancia en tempos da COVID-19
A Xunta anuncia para esta semana a "entrega do protocolo que permitirá celebrar verbenas e festas de verán". O plan de desconfinamento, que dende esta semana é competencia do Goberno galego, implica autorizar este tipo de eventos dende o 1 de xullo. (Imaxe: CC-BY-NC-ND A.Vacarisses)
A Deputación de Ourense anuncia que "un gaiteiro tocará todos os días dende a torre da Catedral" de san Martiño como "homenaxe mundial permanente ás vítimas" do coronavirus. Esa interpretación diaria será ás 11:30 da mañá para "recordar o 11 de marzo, data na que a OMS declarou a pandemia mundial" da COVID-19. A institución atribúe a proposta ao seu presidente, Manuel Baltar, que a presentou este martes xunto ao bispo, Leonardo Lemos.
Abel Caballero considera “xenofobia por razóns electorais” a petición de Feijóo de que se limite a entrada a Galicia a viaxeiros doutros lugares con peores cifras de coronavirus. “En Vigo queremos que veñan, porque sabemos que cando poidan viaxar estarán en condicións sanitariamente iguais ás que temos”, di o alcalde, que salienta que “isto é unha nación, isto chámase España”.