Caballero promete 5.000 prazas estables no Sergas fronte ao "cheque da indignidade" de Feijóo

Gonzalo Caballero e a ministra María Jesús Montero, no acto do PSdeG CC-BY-SA PSdeG

O candidato socialista á presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, comprometeuse este en Vilagarcía a garantir 5.000 prazas estables no sistema sanitario público “para darlle dignidade aos sanitarios que piden estabilidade en lugar de contratos por horas”. Así respondeu ao “cheque da indignidade co que Feijóo quere mercar votos e xogar cos profesionais sanitarios”, en referencia ao bono de 250 euros para a hostalería que foi duramente criticado polos médicos galegos. 

Caballero anuncia 5.000 prazas estables na sanidade pública fronte ao "cheque da indignidade co que Feijóo quere mercar votos e xogar cos profesionais"

O secretario xeral do PSdeG estivo acompañado no acto da Arousa da ministra portavoz do Goberno de España, María Jesús Montero; ademais do alcalde da localidade e presidente da Fegamp, Alberto Varela; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e do candidato socialista de Arousa ao Parlamento, Julio Torrado.

Gonzalo Caballero e a ministra María Jesús Montero, en Ponteareas CC-BY-SA PSOE

Caballero cualificou o cheque de Feijóo de “medida indigna e mesquiña". "Os médicos dixéronlle a Feijóo que non queren propinas, que queren contratos estables, investimento na sanidade pública e a defensa dos hospitais comarcais e dos centros de saúde”, lembrou quen prometeu recuperar os investimentos perdidos na sanidade e potenciar os hospitais comarcais e os centros de saúde. 

Ademais, Gonzalo Caballero emprazou a Feijóo a “recoñecer que o mellor para Galicia é un goberno de progreso liderado polo PSdeG antes que un goberno do PP pactando con Abascal e con Vox”.

Pola súa banda, María Jesús Montero, ministra de Hacienda, ironizou con Feijóo, de quen dixo que "ten toda a razón" cando di representar "a toda a dereita" en Galicia porque iso tamén inclúe "a ultradereita, a aqueles que non cren na política". 

A ministra portavoz desmentiu a moderación do preisdente da Xunta, a quen acusou de facer "de poli bo" para "intentar parecer distinto ao que fai o PP no resto de España", que é "política de acoso e derruba de intentar tombar o Goberno". 

María Jesús Montero cifra en 1.200 millóns a cantidade recibida por Galicia do Goberno central "mentres Feijóo di que lle parece pouco e é inxusto"

Ademais, Montero aproveitou para lembrar o fondo de 16.000 millóns de euros non reembolsables ás comunidades aprobado polo Consello de Ministros e os 300 transferidos para o gasto sanitario ao inicio da pandemia. Así, cifrou en "máis de 1.200 millóns" a cantidade recibida por Galicia mentres Feijóo "di que lle parece pouco, que é inxusto a repartición e que lle corresponde máis diñeiro". 

"Onde, un gobernante ao que outra administración sen corresponderle lle dá cartos, ten que realizar algún tipo de reproche, de acusación, de infamia, de menitra? Galicia ten o que lle corresponde, igual que Catalunya, Andalucía ou Madrid", rematou Montero, que advertiu de que o Goberno central "non mira a cor política dos que gobernan, mira a xente, só a xente". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.