Caballero recibe apoio de alcaldías do PSdeG fronte ao PP, que "só pode amosar a Baltar e ao alcalde esperpento"

Gonzalo Caballero, flanqueado por Abel Caballero e Carmela Silva, no encontro do candidato do PSdeG con dirixentes municipais do partido na provincia de Pontevedra CC-BY-NC-SA PSdeG

Unha das apostas do aspirante do PSdeG á presidencia cara ás eleccións galegas é apoiar a súa candidatura no poder que o partido xa ten en Galicia, tanto para transmitir imaxe institucional como para impulsarse en dirixentes con alto grao de coñecemento local e apelar ao electorado que os levou ata as alcaldías e, por extensión, ata as presidencias das deputacións provinciais. Con este pano de fondo, Gonzalo Caballero mantivo este mércores senllos encontros con alcaldes, alcaldesas e responsables municipais da formación en Redondela en Ourense.

Gonzalo Caballero chama a "pasar páxina da política de confrontación" que atribúe ao Goberno do PP cos concellos; "necesitamos un Goberno progresista no que teñan un aliado"

Co inevitable condicionamento do debate público por mor do coronavirus, Caballero contrapuxo as súas xuntanzas coas persoas titulares das alcaldías das principais cidades e vilas e mais de tres das catro deputacións co poder provincial e municipal que na actualidade ten o PP. "Só poden amosar a Baltar e ao alcalde do esperpento e da indignidade en Ourense", di o candidato, esgrimindo como mostra das súas palabras o "comportamento, inadmisible no ámbito democrático", que ao seu xuízo tivo Gonzalo Pérez Jácome no último pleno do concello ourensán.

Antes, en Redondela, o líder do PSdeG compartiu acto con dirixentes como o rexedor de Vigo, Abel Caballero, ou a presidenta da Deputación pontevedresa, Carmela Silva. No encontro, expuxo os plans que, di, servirían para "pasar páxina da política de tensión e de confrontación" que ao seu xuízo marcan as relacións do Goberno do PP cos concellos. "Necesitamos un goberno progresista á fronte da Xunta, para que os concellos teñan nel un aliado para traballar", afirma.

Caballero, este mércores en Ourense con membros da candidatura do PSdeG pola provincia e dirixentes locais do partido CC-BY-NC-SA PSdeG

O candidato do PSdeG asegura que, se goberna, abrirá "a vía de compartir competencias" cos gobernos locais

Neste sentido, Gonzalo Caballero asegura que, se chega á Presidencia da Xunta, abrirá "a vía de compartir competencias e dotar de fondos aos concellos para aquelas competencias que asumen, pero non teñen correctamente financiadas". Para o rexedor de Vigo, estas eleccións galegas son as do "entusiasmo". Existe, di Abel Caballero, de levar á práctica esa coordinación entre a Xunta e os concellos e deputacións, pero tamén co Goberno central, "concatenando todos os vectores na mesma dirección por primeira vez na historia", afirma.

Caballero insta a Feijóo a "reprobar as actitudes de Jácome e dar instrucións ao grupo municipal do PP para que lle retire o apoio"

Xa en Ourense, o candidato do PSdeG chamou a contrastar os gobernos que lideran alcaldesas e alcaldes socialistas ou as presidencias das deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra coa situación ourensá, con senllos bipartitos do PP e Democracia Ourensana. Neste sentido, di, Feijóo debera "reprobar as actitudes de Jácome e dar instrucións ao grupo municipal do PP de Ourense para retirarlle o apoio".

"Se Feijóo non garante a hixiene democrática en Ourense, debería intervir Pablo Casado, porque o alcalde posto polo PP non está á altura da terceira cidade de Galicia" en número de habitantes, considera. Así e todo, advirte nunha das provincias que as forzas políticas consideran clave para un eventual cambio de Goberno, "todos aqueles cidadáns que confiaron no PSdeG nas eleccións xerais e municipais de 2019", teñen " a oportunidade de volver facelo" nas galegas e "construír unha Galicia de futuro e progreso ao carón dos alcaldes e alcaldesas socialistas".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.