Caballero reivindica o voto ao PSdeG como "a mellor vacina contra os recortes e a irresponsabilidade do PP"

Caballero, co ministro Ábalos en Pontevedra CC-BY-SA PSdeG

Caballero reivindicou o voto ao PSdeG como “a mellor vacina fronte ás políticas de recortes en sanidade e á irresponsabilidade” do PP

O candidato socialista á presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, reivindicou o voto ao PSdeG como “a mellor vacina fronte ás políticas de recortes en sanidade e á irresponsabilidade” do PP que, dixo, “non está á altura de xestionar a crise” do rebrote do coronavirus na Mariña. 

Caballero visitou Lugo xunto coa alcaldesa, Lara Méndez, do presidente da Deputación, José Tomé, e celebrou un acto en Pontevedra xunto co ministro de Transportes, José Luis Ábalos.

Acto do PSdeG en Lugo CC-BY-SA PSdeG

O líder do PSdeG cargou contra Feijóo por estar “desaparecido” da Mariña, logo de demostrar a súa “irresponsabilidade” cando “pediu levantar o Estado de Alarma, igual que hoxe non está poñendo a saúde nin tódalas garantías sanitarias por riba de calquera outra clave”. Ademais, lamentou que non convocase os partidos políticos ante o brote e que siga "escondido". 

O líder do PSdeG lamenta que Feijóo non convocase os partidos ante o brote de coronavirus na Mariña

Xa nos últimos actos de campaña, Caballero chamou á mobilización do voto “de progreso, que quere que Galicia avance” e solicitou o apoio ao PSdeG como a “marca orixinal que na defensa da sanidade, da educación, das residencias públicas, para saír da crise con máis Estado do Benestar e cunha nova política económica e industrial que xere emprego de calidade para que ninguén quede atrás”.

Sánchez non viaxa a Vigo por unha avaría no avión

Ademais, o secretario de Organización do PSdeG e ministro de Transportes, José Luis Ábalos, reclamou o apoio ás “políticas que poñen en valor o público e teñen como prioridade ows cidadáns" fronte a un Feijóo que utiliza Galicia "como trincheira fronte ao goberno de coalición". 

Por outra banda, e ante o acto de peche de campaña socialista en Vigo, o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciou a súa imposibilidade de acudir ao acto por unha "avaría técnica no avión" que o ía desprazar a Galicia e lamentou non poder acompañar o PSdeG. A picada dunha roda no avión impediu a viaxe do xefe do Executivo central, que tivo que cancelar a súa presenza no acto en Galicia. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.