Caballero reivindícase como "o cambio con garantías" e di que “os que recortaron servizos públicos non poden pilotar a reconstrución”

Acto celebrado polo PSdeG-PSOE este domingo © PSdeG

Un “cambio con garantías”, un “cambio tranquilo, confortable” que non irá “contra ninguén” senón que traballará para que “ninguén quede atrás”. O PSdeG-PSOE reivindicouse este domingo como "a mellor opción para o futuro de Galicia”, nun acto público que serviu para presentar os candidatos e candidatas socialistas para as eleccións ao Parlamento galego do vindeiro 12 de xullo.

Quen durante 11 anos “recortou os servizos públicos, privatizou a sanidade e destruíu o emprego non pode agora pilotar a reconstrución” de Galicia trala pandemia, afirmou o líder do PSdeG

O candidato do PSdeG-PSOE á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, cargou contra Alberto Núñez Feijóo, afirmando que quen durante 11 anos “recortou os servizos públicos, privatizou a sanidade e destruíu o emprego non pode agora pilotar a reconstrución” de Galicia trala pandemia. Caballero fixo un chamamento a conformar un goberno de progreso en Galicia, sinalando que “se en abril o cambio era necesario”, agora é "imprescindible” porque agora, nunha situación de crise económica hai que “frear a curva da desigualdade” e “non deixar a ninguén na cuneta”.

Gonzalo Caballero, no acto celebrado polo PSdeG-PSOE este domingo © PSdeG

Os 11 anos de Feijóo en Galicia deixan 70.000 ocupados menos, unhas 500 camas menos nos hospitais públicos, 2.000 millóns de recortes na sanidade pública e tan só 26 vivendas públicas construídas, sinala Caballero

Caballero afirmou que os 11 anos de Feijóo en Galicia deixan 70.000 ocupados menos, unhas 500 camas menos nos hospitais públicos, 2.000 millóns de recortes na sanidade pública e tan só 26 vivendas públicas construídas. Ante este escenario, o candidato socialista apuntou a necesidade de adoptar medidas “a prol da xustiza social, a igualdade, os dereitos dos nenos e dos maiores” e pular pola creación de emprego e a mellora da economía. E para iso comprometeu un pacto político cos axentes sociais e co municipalismo para “reconstruír o país”. Así mesmo, avanzou que contará con Xoaquín Fernández Leiceaga como conselleiro de Facenda do goberno autonómico.

O candidato socialista promete que un goberno progresista “esclarecerá todo o ocorrido nas residencias de maiores” de Galicia, onde faleceron 132 persoas sen hospitalización. “Con responsabilidade, sen demagoxia, pero entendendo que o dereito á dignidade implica dar información a quen perdeu a un ser querido”, engadiu

Promete que un goberno progresista “esclarecerá todo o ocorrido nas residencias de maiores” de Galicia, onde faleceron 132 persoas sen hospitalización

“Quedan catro semanas para o cambio”, dixo o candidato socialista, que chamou aos galegos a “non resignarse ao PP de Casado, Ayuso e Feijóo”. Fronte a este xeito de actuar, Gonzalo Caballero reivindicou que o PSdeG-PSOE ten “un proxecto de país” que terá en conta á cidadanía. “As eleccións do 12 de xullo son moi importantes. Se non acertamos na resposta que queremos, estarémonos laiando durante outros catro anos dos recortes de Feijóo”, concluíu.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.