Caballero ve máis razóns para o cambio ao constatar que "Casado quere gañar en Galicia para derrocar o Goberno de España"

Caballero, este 28 de xuño nun mitin do PSdeG en Betanzos CC-BY-NC-SA PSdeG

No seo do PSdeG cren clave a activación do electorado que durante 2019 elixiu a papeleta dos socialistas galegos nas dúas eleccións xerais e mais nas municipais e euroepas. Así o vén reiterando o seu candidato á presidencia, Gonzalo Caballero, e así o resaltou tamén Pedro Sánchez o pasado sábado no seu debut na carreira electoral galega.

"Fronte ao relato do PP de que as eleccións están gañadas, a xente quere cambio en Galicia", afirma o líder do PSdeG

Mentres, en Ourense, o tamén presidente do Goberno de España pedía o voto para Caballero advertindo que o que está en xogo o 12X é que ninguén "quede atrás" na crise provocada polo coronavirus, en Pontevedra o líder do PP, Pablo Casado, colmaba de eloxios a Alberto Núñez Feijóo. Pero tamén advertía que, igual que en 2009 a primeira vitoria de Feijóo impulsou a Rajoy tras a súa segunda derrota ante o PSOE, el pretende que unha nova absoluta do PP en Galicia o "catapulte" a el ao Goberno de España.

As palabras de Casado, que este luns regresa a Galicia con senllos actos en Lugo e Mondoñedo nos que non participará Feijóo, recolleunas este domingo Caballero, acompañado pola ministra Nadia Calviño noutra maratoniana xornada de mitins. Durante unha das súas intervencións da xornada, nos coruñeses xardíns de Méndez Núñez, o líder socialista apuntou un motivo máis para que o electorado da esquerda se active cara ao 12X: Casado "dixo que o PP quere gañar as eleccións en Galicia para derrocar o Goberno de España".

O líder e candidato do PSdeG, coa ministra Calviño, a alcaldesa da Coruña e o alcalde de Ferrol, este 28 de xuño na Coruña CC-BY-NC-SA PSdeG

Esa "estratexia de confrontación" é, a xuízo de Caballero, "unha razón máis" para que "todos os progresistas, todos os que votamos ao PSOE nas xerais e nas municipais, vaiamos votar o 12 de xullo". "Porque votando ao PSdeG, freamos tamén a estratexia de acoso e derrubo ao Goberno de Pedro Sánchez", a estratexia que "ten o PP en conivencia coa ultradereita", afirmou.

A ministra Nadia Calviño e a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, apelaron tamén ao voto ao PSdeG a prol do cambio de goberno en Galicia

Fronte a esa posibilidade bosquexada por Casado, sinala Caballero, o PSdeG "pode darlle a Galicia un goberno en conexión coa maioría de progreso" do Estado. "Fronte ao relato da dereita de que as eleccións están gañadas, a xente quere cambio en Galicia" e  "fronte á desmobilización e inacción que quere o PP, nós temos ganas, ilusión e forza".

Nesta liña, a ministra Calviño tamén di concordar na necesidade de que a Xunta estea "en sintonía" o co Goberno central e poder "traballar man con man para abordar os retos do futuro" e a propia crise, na que "o compromiso social" de Caballero é aval para reeditar os resultados de 2019. Polo cambio avogou igualmente a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, que apuntando á meteoroloxía da xornada, augurou que "igual que hoxe parou de chover, van parar de chover os recortes de 11 anos do PP" porque "é o momento do cambio e da Galicia que queremos coa presidencia de Gonzalo Caballero".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.