Rueda relativiza a manifestación pola sanidade publica lembrando o seu mitin de “14.000 persoas” na praza de touros de Pontevedra e dándose outro baño de masas en Lalín, onde Pontón amosa que protestar e desfrutar son compatibles
As fins de semana das campañas electorais son o momento das multitudes. Esas grandes concentracións de persoas, provocadas polos propios partidos ou alleas, nas que os candidatos se gustan, se deixan ver, se fotografan, dan mans e bicos. E esta primeira fin de semana da campaña do 18F, á espera de que o Entroido protagonice a próxima, non decepcionou, con dous grandes fitos como protagonistas: a manifestación en defensa da sanidade pública en Santiago e a Feira do Cocido en Lalín. Porén, se da segunda desfrutaron todos os principais candidatos e candidatas, a primeira, a protesta sanitaria, non pareceu sentar ben ao presidente da Xunta, que optou por refuxiarse metaforicamente noutro evento con menos afluencia que os anteditos pero igualmente multitudinario, o mitin que protagonizou na praza de touros de Pontevedra.
O mitin do sábado en Pontevedra foi presentado polo PPdeG como un acto central da súa campaña electoral, e non decepcionou. Segundo o partido encheu a praza por completo con 14.000 persoas, malia que hai medio ano, nas eleccións xerais de xullo, a mesma formación aseguraba que a praza, noutro mitin daquela con Feijóo como protagonista, enchérase igualmente con 12.000 persoas.
Máis alá de que o recinto non foi ampliado neste tempo, o acto foi un éxito, pero aínda máis xente foi a congregada o domingo en Santiago na manifestación en defensa da sanidade pública, convocada por organizacións sociais antes de que Rueda puxese data ás eleccións e secundada polas principais forzas políticas da oposición. A reacción do presidente da Xunta e candidato popular a esa masiva mobilización foi relativizala: "Estamos en campaña electoral e hai partidos que organizamos actos como o da praza de touros de Pontevedra, con 14.000 persoas, e outros que fan manifestacións".
Rueda fixo a súa valoración da multitudinaria manifestación de Santiago desde outro evento multitudinario, a Feira do Cocido de Lalín, onde estivo acompañado polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. Unha festa que a pregoeira desta LVI edición, Yolanda Castaño, quixo presentar precisamente como atractiva para multitudes heteroxéneas ao definir o cocido como "democrático", "cohesionador", "europeísta", "internacionalista" e "anticapitalista".
Tamén Besteiro deixouse ver o sábado en Lalín, onde a pregoeira deste ano, Yolanda Castaño, xustificou o impacto na campaña da feira dun produto que definiu como "democrático", "cohesionador", "europeísta", "internacionalista" e "anticapitalista"
Castaño chegou a presentar o cocido como un produto que leva ás mulleres de Lalín a seren "as únicas do mundo felices de celebrar San Valentín namorando dun porco". Así que o lugar era propicio para os baños de masas dos políticos, e así o confirmou non só o candidato popular, neste caso no papel de presidente da Xunta, senón tamén os candidatos dos principais partidos da oposición.
O sábado foi o socialista José Ramón Gómez Besteiro quen se deixou ver pola Feira do Cocido, e o domingo fixo o mesmo a nacionalista Ana Pontón. No caso dela, chegada directamente da manifestación sanitaria de Santiago.
Tras protestar toca desfrutar?, preguntou un xornalista. "Protestando tamén desfrutamos", foi a resposta dunha destacada dirixente do BNG, mentres Pontón, tras suxeitar unha pancarta, se dirixía a suxeitar unha copa de viño branco antes de percorrer os postos da carpa da feira.
Por eles pasara antes Rueda, cunha comitiva na que estaban tamén Mariano Rajoy e mesmo o alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida. E fíxoo despois Pontón, parando e comendo do mesmo chourizo que comera previamente o candidato popular. O porco, xa dixera Castaño, é democrático e cohesionador.
