O calendario de En Marea como partido fixaba este luns, 4 de marzo, como data de inicio das súas primarias para a elección de candidaturas ás eleccións xerais do 28 de abril e mais para as europeas do 26 de maio. Unha vez pechados os prazos a formación confirmou que no proceso participan nove candidaturas -dúas por provincia para Congreso e Senado e unha novena para a Eurocámara- cuxos integrantes pedirán o voto ata o vindeiro 7 de marzo. Este procedemento iníciase cando restan apenas dez días para pechar eventuais coalicións para o 28-A.
O 15 de marzo remata o prazo para a inscrición de coalicións nas eleccións xerais
A votación organizada polo partido instrumental baséase no sistema Borda, "no que cada persoa inscrita decide o posto das candidatas segundo as súas preferencias". Terano que facer cunhas listas que, segundo foron presentadas, no caso da Coruña están encabezadas para o Congreso pola actual vicevoceira da formación, Ana Seijas, seguida de Pancho Casal, actualmente deputado no Parlamento.
En Lugo a proposta está liderada por Cristina Pérez Herráez, agora voceira de Lugonovo no Concello lucense, tras quen se sitúa Javier Arca. A proposta de candidatura ourensá ten á súa fronte a Iván Olmos seguido de Iolanda Pérez Docampo e en Pontevedra o primeiro nome é o de Iris Malvido, que encabeza a proposta por diante de Manuel González Moreira. Gran parte das persoas que integran estas porpostas participaron activamente da candidatura de Luís Villares nas eleccións internas de En Marea.
Villares instou os membros de Anova, Podemos e EU a participaren nas primarias de En Marea como partido e dirixentes destas formacións reiteraron o convite a unha coalición
Estas votacións produciranse despois de que o propio Villares instase a membros de Anova, Podemos ou Esquerda Unida a participaren das primarias de En Marea para pechar unha única opción electoral conxunta para o 28-A. Mentres, algúns dirixentes destas formacións, con avanzados contactos para reeditar a coalición de 2015 e 2016 -que concorreu ás xerais coa marca En Marea- seguen apostando por que En Marea, agora como organización partidaria, acceda a coaligarse cos devanditos partidos.
Neste sentido pronunciábase este mesmo luns o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, quen non obstante matizaba que, se finalmente non é posible unha única candidatura, a Marea Atlántica se pronunciará sobre a súa preferencia cara á cita coas urnas. Anova, pola súa banda, reiteraba nos últimos días que defende unha "fronte ampla" para esta cita coas urnas. Aínda que semella improbable que esta posibilidade torne en real, de facelo tería como data límite o 15 de marzo para a súa inscrición ante a Xunta Electoral.
Lídia Senra aspira a ser eurodeputada de En Marea
En 2014 Senra foi candidata de Alternativa Galega de Esquerda en Europa dentro da alianza de Anova con EU
A aprobación definitiva das listas das primarias de En Marea confirma tamén que Lídia Senra aspirará a ser eurodeputada de En Marea na vindeira lexislatura comunitaria. A antiga líder do Sindicato Labrego Galego, que en 2014 concorreu como candidata de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEE) dentro da alianza de Anova con EU e outras forzas, é a única aspirante a ser cabeza de lista.
Sandra Pesqueira, Xoán Hermida ou Celsa González son outros dos nomes que figuran nunha lista que, con toda probabilidade, se integrará nunha futura candidatura con outras forzas. Na contorna do partido instrumental apostouse nos últimos meses por unha posible integración na coalición encabezada por Compromís, acordo que a formación valenciana tamén vería con bos ollos.