Condenada a ex-alcaldesa de Melón do PP por desobediencia á xustiza

Cristina Francisco, alcaldesa de Melón polo PP ata 2019, nunha imaxe de arquivo coa conselleira de Medio Ambiente © Concello de Melón

Unha década despois de que o seu marido e predecesor no cargo fose condenado por prevaricación, agora un xulgado de Ourense constata nela o "propósito de incumprir" durante catro anos unha orde xudicial de derruba dun pavillón ilegal

O xulgado do Penal 2 de Ourense vén de condenar, nunha sentenza asinada este martes 8 de outubro, a María Cristina Francisco Vílchez, alcaldesa de Melón polo PP entre 2011 e 2019, por un delito de desobediencia por non cumprir un mandato xudicial firme que a obrigaba a derrubar un pavillón levantado ilegalmente. Francisco Vílchez recibiu a alcaldía en 2011 de mans do seu marido, Alberto Pardellas, que gobernaba a vila desde 2002, cando el foi condenado por prevaricación por levantar outro pavillón deportivo distinto a carón do protexido mosteiro cisterciense da vila. 

A ex-alcaldesa tamén está a ser investigada polo Tribunal de Cuentas, como revelou en exclusiva Praza.gal o pasado domingo, por pagamentos de facturas por 340.000 euros "sen constancia das prestacións realizadas". Francisco Vílchez devolveu o liderado local do PP ao seu marido en 2019, cando este cumpriu a súa condena, pero os populares perderon a alcaldía a mans do PSdeG nas eleccións municipais dese ano e empeoraron aínda máis os seus resultados nos comicios do pasado ano.

Alberto Pardellas, ex-alcalde de Melón, condenado por prevaricación, nunha imaxe de arquivo con Baltar pai CC-BY-SA Xunta de Galicia

A sentenza agora emitida polo xulgado de Ourense analiza as reiteradas negativas de Cristina Francisco a cumprir cunha orde xudicial de repoñer a legalidade e derrubar o pavillón denominado Cruceiro Gordo. Así resume a xuíza o ocorrido: "Existía un mandato claro e terminante, ditado por órgano xudicial competente, revestido de todas as formalidades legais, mandato que ademais era firme, e sen embargo, non se procedeu por parte da autoridade, a alcaldesa, a darlle debido cumprimento, revelándose o propósito de incumprir pola súa parte, a partir do reiterado actuar oposto ao acatamento da orde que se lle dirixía".

O xuízo por desobediencia contra a ex-alcaldesa celebrouse en Ourense o pasado 10 de setembro e nel a súa defensa argumentou que os feitos, que se remontan a hai unha década, cando a xustiza determinou a ilegalidade do pavillón, xa prescribiran. Pero a sentenza négao e salienta que "sendo o delito de desobediencia un delito permanente, non comeza a correr o prazo de prescrición ata que non cesa a lesión ao ben xurídico". Isto é, ata que non se cumprise a orde de reposición da legalidade urbanística e derruba do pavillón, algo que a ex-alcaldesa nunca fixo. 

Condena por desobediencia a Cristina Francisco, ex-alcaldesa de Melón CC-BY-SA Praza Pública

Cristina Francisco é condenada a unha multa de 1.800 euros e un ano de inhabilitación por "comportamentos claramente vulneradores do que se lle ordenaba", que non foi cumprido ata que o PSdeG a reemplazou na alcaldía

O mandato, di a xuíza, "non se cumpriu en ningún momento ao longo dos máis de catro anos que transcorreron desde que recibiu o primeiro requirimento persoal para que cumprise o mandato ata que cesou no cargo" en 2019. "E non só non cumpriu co que se ordenaba, senón que levou a cabo comportamentos claramente vulneradores do que se lle ordenaba cumprir, ao executar obras relativas á pavimentación de acceso ao pavillón e de adecuación para a área designada a ximnasio e a vestiario", engade a sentenza. Isto é, non só non derrubou o construído ilegalmente senón que mesmo fixo obras para facilitar o seu uso e tentou, sen éxito, legalizar a construción.

Foi só tras a súa saída da alcaldía en 2019 cando o seguinte alcalde, do PSdeG, atendeu a orde xudicial. "Non se concibe que o que o novo alcalde do Concello comprendeu de maneira inmediata tras acceder ao cargo non puidera advertilo a acusada nos máis de catro anos que transcorreron e nos que foi requirida ata en tres ocasións para o cumprimento", salienta a sentenza.

A Fiscalía pedía para a ex-alcaldesa 10 meses de multa con cota diaria de 12 euros e un ano e medio de inhabilitación para emprego ou cargo público. Finalmente a xuíza condenouna a 6 meses de multa con cota diaria de 10 euros, "o que supón un total de 1.800 euros", e a un ano de inhabilitación.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.