O TSXG censura que un bombeiro tivese que recorrer "ano tras ano aos tribunais en defensa do seu dereito" tras sucesivas sentenzas favorables, o que considera unha "actitude obstrucionista" por parte de Medio Rural
En 2017 un bombeiro condutor tivo que recorrer á xustiza para que a Consellería de Medio Rural lle pagase a diferenza salarial que lle correspondía por ter que realizar funcións de xefe de brigada. En 2019 volveu pasar o mesmo, novamente cunha segunda condena xudicial á Xunta. E en 2020. E en 2021. E en 2022. E novamente en 2023.
Pero desta volta o caso vén de rematar cunha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que censura a "actitude obstrucionista" do Goberno galego por obrigar con "mala fe e temeridade" ao traballador a recorrer "ano tras ano aos tribunais en defensa do seu dereito".
A sentenza agora feita pública polo TSXG chega tras unha primeira resolución dun xulgado do Social de Ferrol que condenou a Xunta a pagar 1.760 euros a un bombeiro condutor por realizar "as funcións correspondentes ao xefe de brigada, na súa ausencia, durante 133 días do ano 2023". Aquela sentenza non facía ningunha condena en costas a ningunha das partes e foi recorrida pola Xunta para non pagar nada e polo traballador para que lle pagase tamén as costas xudiciais.
O tribunal critica que Medio Rural "mantén a súa actitude obstrucionista, e este comportamento denota mala fe e temeridade e xera no actor uns gastos xudiciais evidentes e un desasosego continuo"
O Goberno galego argumentaba que en ausencia dun xefe de brigada debe ser un superior, un axente forestal, quen asuma as súas funcións, pero o TSXG respóndelle que neste caso quedou acreditado que esas funcións foran asumidas polo bombeiro condutor. E engade máis. Non só quedou acreditado iso no ano 2023 senón que o mesmo traballador xa denunciara o mesmo cinco veces en cinco anos anteriores e en todos os casos quedara probado que realizara funcións de xefe.
E con eses antecedentes, o TSXG dá a razón ao traballador no seu recurso para que as costas xudiciais fosen asumidas pola Xunta. "É evidente que, cando menos en cinco ocasións anteriores, o actor se viu obrigado a presentar demanda para obter sentenza favorable ás súas peticións de abono de diferenzas retributivas respecto a superior categoría de distintos períodos", di a sentenza do TSXG, que engade que "en todas as ocasións obtivo sentenza favorable".
Ante eses antecedentes o tribunal considera que o Goberno galego incorreu en temeridade, obstruccionismo e mala fe xa que "resolta por primeira vez a cuestión por sentenza firme e non producíndose modificación das circunstancias, [a Xunta] debera seguir aboando ao actor as diferenzas retributivas e lonxe diso ocasionou que a parte actora, ante o impagamento, deba accionar novamente en cinco ocasións sucesivas para reclamar o seu dereito, obtendo novamente sentenzas favorables respecto a períodos diferentes".
Ante esta situación, engade o TSXG, Medio Rural "non responde á solicitude inicial e mantén a súa actitude obstruccionista, e este comportamento denota mala fe e temeridade e xera no actor uns gastos xudiciais evidentes e un desasosego continuo ao verse obrigado a estar constantemente, ano tras ano a acudir aos tribunais en defensa do seu dereito". Así que o TSXG remata condenando á Xunta ao pagamento das costas xudiciais.