CSIF denuncia outro enchufe, agora dun ex-alcalde, na mesma axencia da Xunta na que obtivo un cargo un ex-deputado do PP

Feijóo co ex-alcalde de Fisterra, José Manuel Traba, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta de Galicia

Despois de que a Axencia de Desenvolvemento Rural aproveitase unha excepción legal para nomear subdirector a Moisés Blanco, agora o sindicato revela que o ex-rexedor de Fisterra José Manuel Traba ocupa alí un posto de “asesor”

José Manuel Traba Fernández, alcalde de Fisterra polo PP entre 2002 e 2015 e desde aquela concelleiro na oposición, foi “colocado” como “asesor” na Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), o mesmo ente paralelo da Xunta que vén de nomear subdirector aproveitando unha excepción legal ao ex-deputado do PP Moisés Blanco, que non revalidou o cargo nas eleccións do pasado xullo.

Así o vén de denunciar o sindicato CSIF. Sinala que o ex-rexedor “figura como asesor no directorio telefónico de Agader incluído no gabinete da Directora Xeral Inés Santé” e “está emprazado fisicamente na área económico-financeira”.

Listado telefónico oficial de Agader dentro da web interna da Xunta distribuído por CSIF CC-BY-SA Praza Pública

O sindicato salienta que a Lei de Emprego Público de Galicia limita o nomeamento de persoal eventual ou asesor á propia administración xeral da Xunta e establece que as entidades instrumentais, como Agader, “non poden nomear persoal eventual”, polo que fan responsable directo ao conselleiro de Medio Rural, José González. 

CSIF tamén lembra que a lei tamén establece que ese persoal “en ningún caso pode realizar actividades ordinarias de xestión ou de carácter técnico nin ningunha das funcións que corresponden ao persoal funcionario de carreira”, pero salienta que na área económico-financeira na que está “emprazado fisicamente” Traba “todos os procedementos que se levan a cabo así como a actividade administrativa que se desenvolve corresponde a funcións propias de empregados públicos”.

O sindicato critica que  o conselleiro de Medio Rural “consolida Agader como a oficina pública de emprego do PP” e sitúaa “unha vez máis, no centro do nepotismo administrativo”

O sindicato tamén critica que Medio Rural só fai públicas as retribucións do xefe de gabinete e a xefa de prensa do conselleiro “ocultando o soldo dos restantes seis asesores e, entre eles, o do ex-alcalde de Fisterra”, do que salienta que “é biólogo de profesión”.

José Manuel Traba Fernández, nunha imaxe de arquivo cando era alcalde CC-BY-SA Xunta de Galicia

Ante esta situación, e tras o nomeamento xa confirmado do ex-deputado popular Moisés Blanco como subdirector de Agader aproveitando unha excepción legal para postos que deberan estar destinados ao funcionariado, CSIF critica que o conselleiro de Medio Rural “consolida Agader como a oficina pública de emprego do PP” e sitúaa “unha vez máis, no centro do nepotismo administrativo”.

"CSIF esixe ao goberno ga Xunta que cese xa na utilización da Administración Pública e das entidades instrumentais como oficinas de colocación de amigos, afíns e ex-cargos do partido que se quedaron descolgados e sen ocupación", reclama o sindicato.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.