De festa en transporte público a Cambados, Oleiros, Cambre... Pero non o chames Noitebús, chámao "autobuses especiais"

Un mozo empregando a tarxeta Xente Nova que facilita viaxes gratuítas no transporte público da Xunta CC-BY-SA Xunta de Galicia

Tras suprimir en 2010 os buses nocturnos implantados polo bipartito co argumento de que tiñan pouca "rendibilidade social", a Xunta publicita servizos puntuais como alternativa fronte "os riscos da condución nocturna despois de xornadas de lecer"

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de anunciar que esta fin de semana habilitará autobuses nocturnos para facilitar os desprazamentos relacionados coa Festa do Albariño de Cambados, o festival Rock in Cambre e as festas de Lorbé, en Oleiros. Pero non serán Noitebús, como se denominaban hai máis dunha década os servizos nocturnos implantados polo bipartito e eliminados polo PP en 2010 co argumento de que tiñan pouca "rendibilidade social". 

Agora son "servizos de autobús especiais", aínda que a Xunta os xustifica para "facilitar mellores alternativas de viaxe en transporte público, de xeito que se reduzan os riscos da condución nocturna despois de xornadas de lecer, se diminúa o tráfico e con iso o impacto ambiental". 

Imaxe dunha anterior edición do Rock in Cambre © Rock in Cambre

Os servizos agora anunciados pola Xunta son os seguintes. Nas madrugadas do sábado 5 e do domingo 6 haberá autobuses con saída de Cambados cara a Pontevedra ás 7.00 e ás 8.35 horas que farán un recorrido directo sen paradas intermedias. Nas madrugadas do venres 4 e o sábado 5 haberá autobuses con saída ás 3.30 horas de Couto Lorbé ata Entrexardíns, no centro da Coruña, que terán 37 paradas intermedias tanto en Oleiros como ao longo da cidade. E a madrugada do domingo 6 haberá autobuses con saída de Cambre ás 3.00 e 4.00 horas con destino igualmente en Entrexardíns e con 22 paradas ao longo de Cambre, Culleredo e A Coruña. 

Estes autobuses nocturnos que agora habilita a Xunta son puntuais, pero as súas características lembran ao Noitebús implantado polo bipartito de PSdeG e BNG en 2006 e do que o PP renegou en 2010. Aínda a finais de 2009, co PP na Xunta desde abril, o Goberno galego gabábase do “éxito deste servizo” con 330.000 usuarios nos dez primeiros meses daquel ano fronte aos 316.000 de todo 2008. Os populares seguiron promovendo o servizo e en marzo de 2010 anunciaban novas liñas

Denominación de Noitebús empregada pola Xunta para varias liñas da reorganización das concesións de transporte en 2020 CC-BY-SA Praza Pública

Pero a finais daquel 2010 o daquela conselleiro Agustín Hernández mudaba por completo a súa valoración do mesmo, aseguraba que estaba “sobredimensionado, con preto de 200 rutas”, e consideraba excesivo gastar nel arredor de seis millóns de euros ao ano manifestando a súa “confianza en que os cidadáns entendan que nunha situación económica como a actual, cun profundo recorte orzamentario, obrigan a tomar decisións difíciles, como a supresión da subvención ao Noitebús, para potenciar programas como o transporte metropolitano”. A Xunta chegou a dicir que o servizo supuña “un gran esforzo económico que ten unha rendibilidade social moi pequena”.

En 2020 o nome Noitebús volveu figurar en documentos oficiais da Xunta ao incluírse servizos nocturnos en varias concesións na Costa da Morte ou en Santiago

A Xunta non prohibiu o Noitebús senón que deixou de subvencionalo amosando a súa disposición a autorizar ese tipo de servizos especiais nocturnos á marxe das concesións de transporte xa existentes se algunha empresa, administración ou colectivo decidía implantalo e asumir o seu custe. Non foi así e nos meses seguintes desapareceron todas as liñas.

Ata que hai tres anos, no marco da reorganización xeral de concesións de autobuses, o nome Noitebús volveu figurar en documentos oficiais da Xunta. Así se denominaron varios servizos regulares implantados entre Santa Comba e Negreira ou Muxía, ou entre Bertamiráns e Santiago. Así que o nome Noitebús non está prohibido, pero o que haberá esta fin de semana en Oleiros, Cambre e Cambados serán só "servizos de autobús especiais".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.