A oito días das vitais eleccións do próximo 28 de abril, todos os partidos insisten en apelar ao voto útil e á acumulación dos sufraxios para evitar o triunfo dos contrincantes. No ámbito do progresismo, o PSOE albisca un rival tan forte como as tres dereitas: as enquisas.
Co temor a que algún dos seus posibles votantes quede na casa, o candidato e presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, lembrou que os inquéritos en Finlandia "prognosticaban que a ultradereita ía ser quinta forza e quedou segunda, e é un país nórdico". Advertiuno e, consciente de que ten que abranguer todo o apoio posible desde o centro, apelou tamén aos desencantados con Ciudadanos durante un acto na Comunitat Valenciana.
Pedro Sánchez apela aos desencantados con Ciudadanos que "votaron a opcións que pensaron de centro" e Unidas Podemos advirte da posibilidade de que o PSOE acabe pactando con Rivera
"Aos que votaron a opcións que pensaron de centro, dime con quen non vas e direiche con quen vas... A única opción que defende a xustiza social é a que representa este partido", dixo Sánchez en referencia aos votantes de Albert Rivera e de Ciudadanos, un partido que teima na estratexia de atacar calquera partido nacionalista periférico ou soberanista.
Arrimadas volveu sacar a proposta xa verbalizada outras veces de impulsar unha reforma electoral que fixe no 3% o limiar estatal para entrar no Congreso dos Deputados, o que deixaría fóra del moreas de partidos rexionalistas, soberanistas, independentistas ou de carácter local. É a mesma que anunciara Rivera naquela xira da España Ciudadana. Nin En Comú, nin En Marea, nin Compromís, nin ERC, nin PNV, nin Convergència, nin Bildu, nin Coalición Canaria obterían representación nas últimas xerais con este sistema. Nin estas formacións nin outras como o BNG optarían case nunca a lograla.
Pero Ciudadanos ten claro o seu obxectivo. Tamén en Alacant, como Sánchez e Casado, a número dous da formación laranxa asegurou que, de gobernar a súa formación, "a Aitor Esteban (PNV) e Gabriel Rufián háselles borrar o seu sorriso supremacista".
Arrimadas volve impulsar a proposta para impular unha reforma electoral que fixe no 3% de votos o limiar para entrar no Congreso: nin Compromís, nin ERC, nin PNV, nin nin Bildu, nin BNG terían moita opción
Se recorrentes son os discursos laranxas, non menos os de Pablo Casado e o PP. Para o líder dos populares, Sánchez segue "en modo avión", mudou o Falcon por un "Falcon privado" e, disque, está tan interesado no poder que, se cadra, "quítalle ao rei o palacio da Zarzuela".
Pola súa banda, Unidas Podemos non se fía dese posible pacto co PSOE que adiantan algunhas enquisas. Nin do PSOE. Desde Pontevedra, Yolanda Díaz insistiu na posibilidade de que os socialistas pacten con Ciudadanos, o que significaría que "seguiría gobernando o Ibex-35". Pablo Iglesias, pola súa banda, apelou aos desencantados coa política, aos que pediu "catro anos para demostrar que algunhas cousas se poden cambiar".
Desde A Coruña, o BNG chamou a todos aqueles que queiran evitar que Ciudadanos ou Vox acaden escano en Galicia a que opten polo nacionalismo, tendo en conta os inquéritos que prevén que un ou dous representantes que se elixirán no país se xoguen entre o Bloque e a "dereita rancia", en palabras de Ana Pontón.