Debates inéditos no Parlamento Europeo: todo o que pode dar de si a Comisión de vivenda

Sede do Parlamento europeo en Bruxelas CC-BY-SA Praza.gal

A Comisión de vivenda do Europarlamento recoñece que a crise da vivenda "afecta directamente a traballadores esenciais, a unha clase media empobrecida e, en conxunto, á maioría de traballadoras e traballadores en Europa".

Ata este ano na Unión Europea só se falaba de vivenda desde a perspectiva da eficiencia enerxética ou tramitación urbana, o logro da creación da Comisión de vivenda no mes de xaneiro foi incluír o dereito de acceso á vivenda no debate común. Mais o enfoque da Comisión precisaba unha volta, o sector conservador tiña no seu argumentario que a vivenda social era unha cuestión unicamente necesaria para persoas en risco de exclusión.

Vicent Marzà, vicepresidente desta Comisión, explica que a primeira conquista foi demostrar que hai unha gran maioría de traballadores e traballadoras que non poden acceder a unha vivenda. Agora, a Comisión de vivenda recoñece que a emerxencia habitacional afecta á maioría da poboación traballadora de Europa e traballa nun informe con propostas que trasladará á Comisión Europea no primeiro trimestre de 2026.

“A propia comisión recoñece que quen ten problemas de acceso á vivenda xa non son só aquelas persoas ou segmentos da poboación en risco de exclusión, senón que afecta directamente a traballadores esenciais, a unha clase media empobrecida e, en conxunto, á maioría de traballadoras e traballadores en Europa”, asegura o eurodeputado de Compromís.

Ana Miranda e Vicent Marzà no pleno do Parlamento europeo en Estrasburgo a semana pasada CC-BY-SA BNG

No marco da xornada sobre vivenda Housing for all peoples, organizada polo grupo da Alianza Libre Europea na sede do Parlamento europeo en Bruxelas, a eurodeputada do BNG Ana Miranda organizou unha reunión para que representantes do Bloque nas principais cidades e vilas do país lle trasladasen de primeira man a Vicent Marzà, co que comparte grupo parlamentario, as diferentes problemáticas que se dan en Galicia, así como as políticas que propoñen en cada concello.

O grupo da Alianza Libre Europea busca que se poña o foco no efecto da "financiarización da vivienda", que a converte nun obxecto de rendibilidade económica e financeira

O proceso de escoita da Comisión de vivenda, liderada polo eurodeputado socialdemócrata danés Dan Jørgensen, está en marcha en forma de misións por todos os países –o propio Marzà visitou Compostela en marzo– e de reunións con expertos e afectados desde diferentes puntos de vista. “Fíxose unha sobre a afectación da escaseza de vivenda na contorna rural e outra desde o punto de vista da mocidade. Tamén coa ollada das empresas de construción que son cooperativas sen ánimo de lucro, para coñecer que situación teñen para poder desenvolver máis vivenda accesible. Ademais de abordar os diferentes espazos de financiamento como é o propio Banco Europeo de Investimentos e as diferentes bancas tanto privadas como públicas que están a investir en vivenda”, detalla o eurodeputado valencián.

Dentro da Comisión de Vivenda hai un acordo sobre a problemática pero, de momento, non o hai no diagnóstico. “Hai quen cre que a única solución é construír porque hai un desequilibrio entre a oferta e a demanda. Mais expertos de diferentes posicións ideolóxicos demostraron xa nesta Comisión que non por moito construír se abaratan a construción ou as vivendas, senón que hai un proceso especulativo moi grande que impide que se poida acceder a unha vivenda como dereito, pois se trata dun ben mercantilizado e posto ao servizo dos intereses financeiros e non tanto do conxunto da cidadanía”, debulla Vicent Marzà.

A eurodeputada do BNG Ana Miranda con representantes locais do Bloque no salón de plenos do Parlamento europeo en Bruxelas © Delmi Álvarez

O grupo da Alianza Libre Europea, onde se integran tanto o BNG como Compromís e ERC, busca que se poña o foco no efecto da “financiarización da vivienda”, que a converte nun obxecto de rendibilidade económica e financeira e está a provocar a suba de prezos máis alá de se hai máis oferta ou non. “No caso do Estado español, nos períodos nos que máis vivenda se construíu, cuadriplicouse o prezo do metro cadrado”, exemplifica Marzà, para salientar que a casuística española é clara: “Estase a subvencionar o feito de que determinada xente faga negocio coa vivenda a costa dos nosos dereitos”.

Neste sentido, Marzà lembra que “o Estado español é o segundo do mundo con máis SOCIMI (Sociedades Anónimas Cotizadas de Inversión Inmobiliaria), só por tras dos Estados Unidos. E isto afecta a como se fixeron os cambios, sobre todo despois da crise da burbulla inmobiliaria, para que os inversores internacionais entraran no Estado español, inverteran en vivenda provocando un grande incremento da súa rendibilidade, mentres o acceso á vivenda é aínda máis caro”.

"Estamos loitando por unha vivenda digna e accesible independentemente dos ingresos, a orixe e o xénero", asegura Bárbara Steenberg, representante da unión internacional dos sindicatos de inquilinas

Fronte aos efectos do incremento do turismo, na UE contan con que a directiva de alugueiros de curta duración aprobada na lexislatura anterior e que entrará en vigor no ano 2026 axudará a limitar a oferta ilegal de pisos turísticos, causante tamén da redución da oferta de vivendas en réxime de alugueiro de longa duración. A Alianza Libre Europea pretende que se amplíe a todos os Estados a protección das persoas que alugan, dos inquilinos. “Vemos como naqueles lugares onde non se está aplicando unha regulación a respecto dos prezos do alugueiro é onde máis soben de forma automática, entre eles o Estado español, pola non aplicación da lei de vivenda nalgúns territorios”, indica Marzà. 

Sobre isto tamén hai exemplos de boas prácticas, Marzà salienta que hai países da Unión nos que os sindicatos de inquilinos negocian os prezos e os incrementos nos alugueiros de forma colectiva, da mesma maneira que se fai cos convenios colectivos ou con outras cuestións. “Estamos loitando por unha vivenda digna e accesible independentemente dos ingresos, a orixe e o xénero”, asegurou na xornada sobre a crise da vivenda en Bruxelas Bárbara Steenberg, representante da unión internacional dos sindicatos de inquilinas (International Union of Tenants – IUT), que representa a preto de 74 asociacións de 75 países de todo o mundo. 

Steenberg preguntouse por que non basta que o Estado español teña recoñecido na súa Constitución o dereito á vivenda. “É algo que ten que poder aplicarse, o noso traballo é ver como plasmar este dereito constitucional en políticas e accións concretas”, dixo. Unha primeira medida, aputou, pasa pola seguridade nos alugueiros: “En Berlín temos contratos de alugueiro ilimitados por norma, hai moi poucas excepcións a esa regla e a consecuencia diso é que cando se aplica como norma os cidadáns queren alugar. Se un ten un contrato cunha duración limitada, sempre está ao fío. Pode alguén construír unha vida en cinco anos?”, interpelou. Estas tamén son propostas que queren incluír no informe da Comisión de vivenda para que promova a Comisión Europea. 

Vicent Marzà na súa visita ao Concello de Santiago coa eurodeputada do BNG Ana Miranda o pasado 14 de marzo CC-BY-NC-SA Concello de Santiago

Buscan condicionar o investimento de cartos públicos na construción de vivendas a que estas queden para sempre no parque público

Por outra banda, o comisario de vivenda xa avanzou que duplicarán os fondos de cohesión destinados a vivendas accesibles para alcanzar preto de 14.000 millóns de euros. Desde a Alianza Libre Europea están manobrando para que eses cartos “poidan ser xestionados de maneira máis áxil e sinxela, sobre todo por parte das entidades locais e rexionais”. Consideran que a execución destes fondos debe facerse da maneira máis descentralizada posible, pois estiman que “a crise da vivenda non poderá solucionarse se non hai unha xestión directa de quen a está a sufrir no eido local ou rexional”.

Outra das propostas que confían poder aprobar na Comisión de vivenda pasa por condicionar o investimento de cartos públicos na construción de vivendas a que estas queden para sempre no parque público. “Na maioría de países, unha vivenda que tivo financiamento público, ben sexa 100% pública ou en colaboración con entidades privadas, con ou sen ánimo de lucro, esas vivendas permanecen sempre no mercado de vivendas asequibles e, polo tanto, tamén contribúen a baixar o conxunto dos prezos”, apunta Vicent Marzà.

O vicepresidente da Comisión de vivenda resalta que “se se van a destinar recursos públicos europeos, que eses recursos vaian incidir no acceso á vivenda e que non o fagan simplemente como unha maneira de quitarlle risco aos construtores, pero que logo non repercuta nos prezos aos que se poñen á venda esas vivendas”.

Para a eurodeputada do BNG Ana Miranda resulta esencial que se teñan en conta "a dispersión e o despoboamento" en Galicia no marco das políticas de vivenda

Outra realidade que puxo Marzà sobre a mesa é que “temos un parque de vivendas vello, especialmente no Estado español e noutros estados nos que se construíu moito en determinados anos, con propietarios que en moitos casos non tiveron poder adquisitivo suficiente como para rehabilitar esas vivendas, adaptalas e que estean en boas condicións. Iso tamén é un problema de vivenda, porque estanos xerando unha cantidade de gasto enerxético enorme, e no fondo é unha situación de vulnerabilidade e supón un problema de seguridade, por iso tamén queremos poñer o foco aí”.

Ana Miranda aclara que aínda que a Unión Europea non teña competencias directas en vivenda, tampouco as ten para o rearme dos Estados e, en cambio, está sobre a mesa destinar 800.000 millóns de euros á defensa. Polo tanto, o grupo da Alianza Libre Europea defende que se aborde a crise da vivenda desde a UE. Así, Miranda promoveu que se teñan en conta para o informe da Comisión de vivenda as peculiaridades galegas coa realidade das vilas urbanas e rurais, das vilas medias e dos fondos europeos aos que en moitos casos non poden acceder por criterios que as deixan fóra. 

Para Ana Miranda resulta esencial que se teñan en conta “a dispersión e o despoboamento” en Galicia no marco das políticas de vivenda, así como o problema da emigración cara a fóra que aínda está presente para as novas xeracións.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.