Vivendas ou inmobles? O BNG pide en Bruxelas "planificación de país" fronte á emerxencia habitacional

A eurodeputada do BNG Ana Miranda na xornada sobre a crise da vivenda en Bruxelas cos representantes do Bloque que participaron CC-BY-SA BNG

"É máis necesario que nunca un fondo europeo de vivenda", asegurou a eurodeputada do BNG Ana Miranda na xornada sobre a crise da vivenda organizada polo seu grupo esta semana en Bruxelas

Que precisamos para garantir o dereito á vivenda? Ana Ermida, alcaldesa de Barreiros, establece unha diferenza entre o dereito á vivenda e o dereito a posuír un inmoble. Neste municipio da comarca da Mariña con pouco máis de 3.000 habitantes hai 5.518 vivendas, segundo os datos oficiais. “Pero realmente son inmobles, porque sen servizos non son vivendas”, asegura a nacionalista, que expuxo a problemática da súa vila este xoves no Parlamento europeo nunha xornada sobre a crise da vivenda organizada pola Alianza Libre Europea, o grupo no que se integra o Bloque Nacionalista Galego.

“É máis necesario que nunca un fondo europeo de vivenda que permita aos Estados o gasto en vivenda por enriba dos límites de endebedamento”, aseverou no encontro a eurodeputada do BNG Ana Miranda, quen apuntou que esta medida é incluso máis necesaria agora que se flexibiliza esta cuestión en relación aos gastos en defensa.

Mesa moderada por Ana Miranda na xornada sobre vivenda na que participou a alcaldesa de Barreiros Ana Ermida CC-BY-SA Praza.gal

Housing for all peoples, vivendas para todo o mundo, é o lema da xuntanza, na que tamén participaron os eurodeputados Diana Riba (ERC), que salientou como “a vivenda pasou de ser un dereito a ser un negocio” e Vicent Marzà (Compromís), tamén vicepresidente da recentemente creada Comisión de vivenda do Europarlamento, quen puxo o foco en que “a crise da vivenda tamén afecta ás nosas linguas” a través da “turistificación” e a “xentrificación”, que botan fóra á xente das vilas e cidades en favor de quen busca o lucro nos inmobles.

“As propostas que traemos a Bruxelas desde Galiza van contra a especulación e a falta de vivenda, que afecta sobre todo ás traballadores e traballadoras, as familias monoparentais e ao estudantado”, destacou Ana Miranda na súa intervención, na que explicou con cifras a cantidade que destinan as familias galegas á vivenda e apuntou que a maioría invisten máis do 40% dos seus ingresos na súa vivenda en propiedade e máis do 60% na de alugueiro.

O concelleiro compostelán Iago Lestegás apostou pola rehabilitación e afirmou que "o parque residencial existente sería suficiente para satisfacer as necesidades se estivese optimizado, pero non é así"

Esta realidade afecta de maneira contundente ao conxunto da cidadanía europea, e en concreto á clase traballadora galega, como puxeron de relevancia os representantes do BNG de Vigo, Santiago, A Coruña, Ourense, Lugo, Pontevedra, Ferrol, Cangas, Barreiros, Sanxenxo, Ames, Sarria ou Ramirás que participaron nesta xornada, onde defenderon que en Galicia “hai un marco normativo que non ampara aos concellos” para tomar determinadas medidas en materia de vivenda.

“Na miña casa emprégase o dito de 'onde comen dous comen tres', pero onde comen 3.030 non poden comer no mes de agosto de 2024 8.799 persoas. É humanamente e economicamente imposible. Por iso temos que poñer enriba da mesa o financiamento aos concellos e estas características da ‘poboación flotante’ que requiren que teñamos uns servizos sobredimensionados durante todo o ano”, detallou a alcaldesa de Barreiros Ana Ermida, que resaltou a necesidade de que exista unha “planificación de país” que permita “definir o que queremos desde o territorio”.

Todas as análises coincidiron que na base da emerxencia habitacional está considerar a vivenda como un ben financeiro especulativo. O concelleiro de urbanismo de Santiago de Compostela, Iago Lestegás, debullou como “o éxito descontrolado dun proxecto turístico pode poñer en risco a calidade de vida” da veciñanza dun municipio, en referencia ao Camiño de Santiago, para centrar a súa intervención nas iniciativas que o equipo de goberno liderado pola alcaldesa Goretti Sanmartín está a levar a cabo na capital do país.

Delgación do BNG en Bruxelas no acceso ao Parlamento europeo coa eurodeputada Ana Miranda © Delmi Álvarez

Iago Lestegás celebrou que “Santiago é unha anomalía a nivel global porque están diminuíndo os pisos turísticos” grazas á normativa municipal específica que identifica que inmobles se poden destinar a este uso. E lembrou que Compostela segue pendente da resolución da Xunta para a declaración de zona tensionada para o mercado da vivenda, que xa lle foi concedida á Coruña.

Neste sentido, o concelleiro compostelán sinalou que “o parque residencial existente sería suficiente para satisfacer as necesidades se estivese optimizado, pero non é así”. Por iso o consistorio está a priorizar o “deber de conservación e rehabilitación” para “protexer o valor histórico e patrimonial” dos edificios abandonados na cidade. Unha rehabilitación que enfocan tamén cara á ampliación do parque de vivenda pública.

"A grande maioría da xente non pode acceder a unha vivenda en réxime de alugueiro e, evidentemente, tampouco en réxime de compra", dixo a concelleira do BNG na Coruña Avia Veira

Por outra banda, e aínda que Santiago é a cidade galega con menos cantidade de vivendas baleiras, Lestegás explicou que o Concello traballa nunha recarga a través do IBI para os propietarios das mesmas co fin de incentivar a súa entrada no mercado, cun incremento do 60% no prezo dos alugueiros nos últimos dez anos. Un caso moi semellante é o da Coruña, onde nos últimos dez anos os alugueiros aumentaron por volta dun 68%. “Isto significa que a grande maioría da xente non pode acceder a unha vivenda en réxime de alugueiro e, evidentemente, tampouco en réxime de compra”, dixo a concelleira do BNG na Coruña Avia Veira.

Veira incidiu e que “ou apostamos polo aumento do parque de vivenda pública (que non pasa só por construír máis vivendas)” ou a “onda expansiva” seguirá a expulsar a xente da cidade cara aos concellos da contorna, cuxa poboación tamén se ve desprazada. Mentres na Coruña hai 20.000 vivendas baleiras, segundo os datos oficiais.

A concelleira nacionalista na Coruña lamentou que “Galiza está á cola de Europa” en materia de vivenda e, como aseguraron os representantes do BNG das vilas e cidades do país que participaron na xornada, Avia Veira evidenciou que “a Xunta negouse a xestionar” os temas de vivenda e “delegou” nos concellos. A ausencia de políticas de vivenda e de planificación para o conxunto do país desde o Goberno galego foi a queixa xeral, así como a “falta absoluta de aposta pola vivenda pública” no noso país.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.