"Temos que levar as diversas voces galegas sobre vivenda a Bruxelas, posto que este é un dos temas que máis preocupan aos galegos e as galegas", di Ana Miranda
A Alianza Libre Europea (ALE), o grupo no que se integra o BNG na Eurocámara, organiza os días 11 e 12 de xuño un encontro en Bruxelas para abordar os problemas de acceso a unha vivenda "digna e asequible" en Galicia. "A falta de vivenda asequible e digna en Galiza, os prezos do alugueiro ou as vivendas de uso turístico serán algúns dos problemas que se abordarán nestes dous días na Eurocámara", explica a deputada do Bloque no Parlamento europeo Ana Miranda.
Unha delegación de alcaldesas e representantes institucionais do BNG, que reflicte a realidade social e xeográfica do país, participará nestas xornadas de traballo. Ata Bruxelas irán as alcaldesas de Cangas do Morrazo e Barreiros, Araceli Gestido e Ana Ermida; o responsable da Comisión de Vivenda da Executiva do BNG, Xurxo Rodríguez; o concelleiro de Urbanismo de Santiago de Compostela, Iago Lestegás, e o concelleiro da Área de planificación do territorio de Pontevedra, Alberto Oubiña; o vicepresidente da deputación de Lugo e concelleiro en Sarria, Efrén Castro; os portavoces municipais de Ourense e Ferrol, Luis Seara e Iván Rivas; as concelleiras de Vigo e A Coruña, Ana Martínez e Avia Veira; a concelleira en Ames, Escarlata Pampín; o concelleiro en Sanxenxo, Fran Leiro; e a responsable comarcal de Lugo Sur, Rosana Prieto.
"Temos que levar as diversas voces galegas sobre vivenda a Bruxelas, posto que este é un dos temas que máis preocupan aos galegos e as galegas e é un obxectivo prioritario do BNG que os galegos e galegas teñan acceso a unha vivenda digna e asequible", subliña a eurodeputada Ana Miranda, que tamén porá o foco nos problemas relacionados co despoboamento do rural e as dificultades da xente nova traballadora para acceder a unha vivenda.
O BNG persegue que a Comisión de Vivenda do Parlamento europeo conte coa "realidade galega"
O Parlamento Europeo creou recentemente a Comisión de Vivenda, encargada de elaborar un informe no que se trasladen as problemáticas nesta materia dos distintos territorios da Unión Europea. Dende o BNG queren que as iniciativas e propostas que están a levar a cabo nos diferentes municipios galegos "para garantir o acceso a vivenda digna e asequible" entren neste documento. e pensamos que estas propostas teñen que ser escoitadas en Europa
"Queremos que este documento reflicta a realidade galega", incide Miranda, ao tempo que defende a necesidade de que Galicia reciba fondos para vivenda no seguinte período orzamentario da UE, "e para iso é preciso recoñecer que este é un dos principais problemas do país", asevera.