Barreiros inicia o camiño para tirar edificios a medio erguer da burbulla inchada polo PP hai 20 anos

Un dos edificios a medio construír en Barreiros cuxa licenza de 2006 o Concello declara agora caducada CC-BY-SA Praza Pública

O goberno local de BNG e PSdeG declara a caducidade de licenzas outorgadas en 2006 para 5 promocións con 273 vivendas que quedaron a medias e que hoxe non cumpren as esixencias técnicas, cuxa derruba a alcaldesa admite que será un proceso longo e complexo

En 2006 o goberno local do PP de Barreiros, de pouco máis de 3.000 habitantes, concedeu licenzas para 2.966 vivendas en leiras que carecían de accesos, abastecemento, saneamento ou electricidade, deficiencias que seguen a pasar factura aínda agora. O alcalde, Alfonso Fuente Parga, quería facer do seu concello "o Sanxenxo do norte", pero esa burbulla urbanística que alentaba foi pinchada pola Xunta de PSdeG e BNG, que en 2007 paralizou o outorgamento de novas licenzas, ao tempo que a crise fixo que moitos dos proxectos con permisos xa concedidos non chegasen a iniciarse ou rematarse.

Agora o actual goberno local de BNG e PSdeG vén de iniciar a declaración de caducidade de parte daquelas licenzas, primeiro paso do camiño para lograr a derruba de esqueletos de edificios a medio construír que hoxe xa non cumpren as esixencias técnicas, un proceso que a alcaldesa, a nacionalista Ana Ermida, admite que será longo e complexo.

O paso agora dado polo Concello é a publicación no BOE do inicio do procedemento de declaración de caducidade de 11 licenzas concedidas en 2006 para construír 492 vivendas que "non se chegaron a iniciar a data actual" e doutras 5 licenzas para 273 vivendas que "están desde hai varios anos e fase de execución da estrutura e cimentación, non existindo nin os forxados nin tampouco o forxado de cuberta". Unha publicación que se fai para que os posibles interesados aleguen o que consideren, xa que neste tempo a quebra de moitos dos promotores orixinais fixo mudar a propiedade dalgúns deses terreos, hoxe en mans doutros investidores, de bancos que executaron hipotecas ou da Sareb.

As licenzas urbanísticas teñen un prazo de execución, que pode ser prorrogado, pero se nese tempo non se completa a construción para a que foi outorgado o permiso a Administración pode declarar a súa caducidade e instar a demolición do que quedase construído a medias. Segundo a alcaldesa de Barreiros, o seu goberno insta agora esa caducidade tanto para iniciar o longo camiño que poida rematar coa demolición do construído a medias, como para evitar que se retomen construcións con licenzas de 2006, porque como sinala a secretaria-interventora municipal "os proxectos que obtiveron licenza non se axustarían aos requirimentos técnicos que actualmente esixe o Código Técnico da Edificación".

Un dos edificios a medio construír en Barreiros cuxa licenza de 2006 o Concello declara agora caducada CC-BY-SA Praza Pública

Entre as licenzas agora anuladas hai promocións que nin chegaran a iniciarse e outras que quedaron a medio construír. Dos dous tipos hai casos cuxos promotores chegaron a reclamar, sen éxito, indemnizacións da Xunta cando a xustiza estableceu en 2014 que a súa paralización do urbanismo de Barreiros fora incorrecta non polo fondo senón pola forma. Nun caso coa obra a medio construír dun edificio de 38 vivendas e outras 5 unifamiliares a 150 metros da praia de Remior o promotor reclamou 2 millóns de euros de indemnización. 

Pero o TSXG lembroulle, nunha sentenza de novembro de 2019, que a intervención da Xunta en 2007 "non invalidaba nin suspendía licenzas concedidas anteriormente", como era o seu caso, co permiso recibido en 2006. O recorrente, dicía o tribunal, "unicamente procedeu a executar un 18,35% da obra, sen que acreditase ningunha razón que lle impedise realizar a totalidade da obra".

Algúns promotores con licenzas que agora se declaran caducadas reclamaran indemnizacións tras paralizar a Xunta bipartita o urbanismo de Barreiros, pero o TSXG denegounas porque non afectara a permisos xa concedidos e algúns deles ademais eran ilegais

Sen chegar a iniciar sequera as obras tamén reclamou sen éxito indemnización unha empresa que logrou outra das licenzas agora en vías de caducidade, para un edificio de 55 vivendas en San Pedro de Benquerencia, nun prado entre a estrada nacional e a vía do tren sen máis construcións veciñas que vivendas unifamiliares e explotacións agrícolas. No seu caso pedía 832.000 euros que o TSXG rexeitou outorgar lembrando tamén que a Xunta bipartita non paralizara a súa licenza de 2006 senón as posteriores. Pero no seu caso o tribunal engadía outra consideración, salientando que o seu proxecto excedía "claramente" do aproveitamento urbanístico máximo que se contemplaba para esa zona.

Como estes casos coa licenza agora en vías de caducidade, en total o TSXG rexeitou indemnizacións pedidas polos promotores por cando menos 48,2 millóns de euros. Porque non só o a decisión da Xunta de paralizar novas licenzas non lles afectara senón que boa parte daquelas licenzas anteriores eran ilegais. 

Por aquela burbulla de licenzas irregulares o alcalde do PP e o seu equipo de goberno foron xulgados por prevaricación pero acabaron absoltos porque a xustiza non viu claro que fosen conscientes de estaren a transgredir a legalidade. Aquela causa rematou cunha única condena menor a unha auxiliar administrativa do Concello

Dúas décadas despois, e con boa parte das licenzas de 2006 si executadas, Barreiros convive cada verán con problemas de falta de abastecemento ou insuficiente depuración

Pero pechados os procesos xudiciais, Barreiros segue convivindo na actualidade co problema de que boa parte das licenzas outorgadas antes da paralización da Xunta bipartita si que se acabaron executando. De feito, o proceso actual de declaración de caducidade afecta a 765 vivendas cando en todo 2006 autorizáranse preto de 3.000. Unhas vivendas empregadas na súa gran maioría como segundas residencias e cuxa demanda de servizos urbanos é superior á capacidade do Concello de Barreiros, como se vén constatando cada verán con problemas de abastecemento de augas ou de contaminación das praias por insuficiente depuración.

Urbanismo disperso na costa de Barreiros CC-BY-NC-SA Xunta / Plan de Ordenación do Litoral (2008)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.