A Galicia atlántica e urbana concentra o groso deses departamentos mentres que en Ourense e Lugo só contan con el as capitais e outro concello en cada provincia
A celebración do Día das Letras Galegas en plena campaña das eleccións municipais obriga a fixar a mirada na saúde da lingua nas administracións locais galegas. Á marxe do idioma que efectivamente acaba empregando cada concello en cada momento para relacionarse coa súa cidadanía, a existencia ou non dun departamento de normalización lingüística permite unha aproximación cuantitativa ao interese das administracións locais por mellorar ou manter a calidade e o alcance das comunicacións en galego.
Na actualidade, dos 313 concellos de Galicia só 52, un de cada seis, contan con servizo de normalización lingüística, segundo a última actualización realizada polo Centro de Documentación Sociolingüística do Consello da Cultura Galega. Porén, segundo vén denunciando a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística (CTNL), pouco máis dun terzo deles cobren esa función con persoal funcionario ou fixo, o que confire inestabilidade ao servizo.
A maioría dos servizos, 39, están na provincia da Coruña, cuxa Deputación leva anos subvencionando e incentivando a creación deses departamentos
Unha mirada ao mapa permite comprobar como é a Galicia atlántica e máis urbana a que concentra o groso dos servizos municipais de normalización, mentres que nas provincias de Lugo e Ourense só o teñen as capitais e un concello máis en cada unha (Vilalba e Carballiño). A maioría dos servizos, 39, están na provincia da Coruña, cuxa Deputación leva anos subvencionando e incentivando a creación dese tipo de servizos municipais.
O pasado setembro a CTNL facía repaso á situación de inestabilidade que se vive na maioría dos servizos de normalización existente e, como exemplo da falta de estabilización do seu persoal, relataba como nos últimos cinco anos só se consolidaron dúas prazas, en Redondela e Abegondo, mentres que en moitos concellos que contan con elas optan por non cubrila ou facelo con contratos interinos, temporais ou en prácticas, nalgúns casos só durante uns poucos meses ao ano, sen garantir a continuidade temporal do servizo.
“Ter e desenvolver a competencia en normalización lingüística require un labor continuado, planificado e que poida ser avaliado", din desde a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística
A coordinadora ía máis alá e puña o foco en que "moitos outros concellos non prevén crear proximamente servizos de normalización lingüística, nin temporalmente nin de forma continuada, a pesar de contaren coa posibilidade de solicitar axudas das deputacións da Coruña e Pontevedra que lles permitirían dotarse dun departamento técnico". E iso malia que algúns deses concellos mesmo teñen aprobadas ordenanzas de normalización lingüística que mencionan o departamento técnico que non crean (San Sadurniño, Mugardos, Soutomaior, Cangas, Mos, Marín, Lalín ou recentemente As Neves).
Un informe da Xunta deixa claro que as leis galegas atribúen a competencia de promoción da lingua tanto á administración autonómica como ás administracións locais
Nos últimos anos a potenciación dos servizos de normalización municipais estivo paralizada durante un tempo polas dúbidas xeradas pola denominada Lei Montoro, pensada para limitar os gastos municipais impedindo aos Concellos desenvolver competencias doutras administracións. Porén, o pasado ano a Xunta, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Administración Local, deixou claro cun informe que as leis galegas e o plan xeral de normalización lingüística atribúen a competencia nese eido tanto á administración autonómica como ás administracións locais.
"A competencia municipal en normalización lingüística non se exerce só uns meses ao ano, con certas actividades esporádicas en galego, ou cumprindo a legalidade e redactando as actas e demais documentación interna da entidade na nosa lingua”, critican desde a coordinadora de traballadores. “Ter e desenvolver a competencia en normalización lingüística require un labor continuado, planificado e que poida ser avaliado", conclúen.