A Deputación de Pontevedra comunicou este luns o "cese a petición propia" de Álvaro Rodiño Tomé, xefe de prensa do vicepresidente da administración provincial que provocou unha polémica cun vídeo en tiktok e división interna no partido sobre o seu futuro. O seu xefe directo, o vicepresidente Rafael Domínguez, agradécelle o traballo e deséxalle "éxitos futuros".
A administración provincial comunica "o cese a petición propia de Álvaro Rodiño Tomé" co agradecemento polo seu traballo do vicepresidente, Rafael Domínguez, quen lle desexa "éxitos futuros"
Rodiño aparece nun vídeo montado de xeito supostamente humorístico no que tras ser preguntado sobre outra cuestión parece que el estea a dicir que aos nenos orfos os golpearía "na cabeza". Nas últimas xornadas os partidos da oposición pediron o seu cesamento e o ministro de Transportes mesmo que actuase a Fiscalía.
E este luns a Deputación comunicou "o cese a petición propia de Álvaro Rodiño Tomé como persoal eventual de libre designación, nas súas funcións de xefe de prensa do vicepresidente". O comunicado engade que "o vicepresidente provincial, Rafael Domínguez, agradece o seu desempeño no posto nestes últimos anos, e deséxalle éxitos futuros na súa andaina profesional e persoal".
[CRÓNICA | O tiktok dun asesor do PP tensa de vez a gran batalla pola Deputación de Pontevedra]
Antes de chegar a esta dimisión diversas fontes admitiron a Praza.gal que a crise provocara unha división interna no PPdeG, coa contorna do presidente Alfonso Rueda reclamando ao partido en Pontevedra unha actuación rápida que este se resistía a adoptar.
"Na miña opinión non tiña ningunha graza", di Rueda do vídeo polo que vén de dimitir o asesor popular
Este luns, tras coñecer a dimisión, Rueda dixo que "é unha decisión axeitada". "É certo que era unha broma, un trend en redes sociais, pero na miña opinión non tiña ningunha graza", engadiu o presidente. Rueda tamén criticou que outros partidos criticasen este caso e non digan nada doutras polémicas dentro das súas propias formacións.