O tiktok dun asesor do PP tensa de vez a gran batalla pola Deputación de Pontevedra

Alfonso Rueda e Rafael Domínguez, durante unha votación interna no PP en 2025; á dereita imaxe do vídeo do asesor do líder local do PP pontevedrés CC-BY-SA Foto: PP | Montaxe: Praza.gal

O vídeo do xefe de prensa de Rafael Domínguez explicando como golpearía un xabarín cun pau de golf, pero anexo a unha pregunta sobre un "neno orfo" en pretendida clave de humor, desencadea esixencias de cesamento de PSdeG e BNG, pero tamén unha crise dos populares que escala ata a dimisión do asesor

Un trend en Tiktok é unha tendencia nesta rede social. Por exemplo, que múltiplos perfís de todo o mundo bailen a mesma música ou escenifiquen a mesma escena. Un deles nos últimos tempos consiste en gravar un vídeo formulando unha pregunta a determinadas persoas e pegarlle a resposta das mesmas a unha cuestión diferente. Por exemplo: alguén pregunta "que vas cear hoxe?" e anéxalle a gravación das mesmas persoas contestando a "con que materiais se constrúe unha casa"?, dando lugar a un resultado enxeñoso ou absurdo en clave de humor.

Álvaro Rodiño, xefe de prensa do vicepresidente do goberno do PP na Deputación de Pontevedra, Rafael Domínguez, tamén líder local dos populares na cidade do Lérez, participou hai un tempo nun destes trends. Nun vídeo gravado nun campo de golf respondeu que golpearía cun pau deste deporte "na cabeza" ou "nos órganos vitais" a un xabarín se se atopase con el. Pero a pregunta inicial do vídeo anexado para a montaxe, baseada na descontextualización de ambos elementos e na que el tamén participou, foi "que farían se atopasen un neno orfo pedindo axuda pola rúa?".

Carmela Silva, tenenta da alcaldía de Vigo e ex-presidenta da Deputación, esixindo a dimisión de Rodiño polo episodio do vídeo en Tiktok

A finais da pasada semana o vídeo saltou de Tiktok á area política. Con esixencias de dimisión por parte do PSdeG e do BNG, mais tamén con notables tensións no seo do propio PP e tensando de vez a que se presenta como unha das grandes batallas das eleccións municipais de 2027, a Deputación pontevedresa, cuxo control lograron os populares en 2023 tras perdelo en 2015 e non daren regresado en 2019. Pola vía máis esperable, a das críticas da actual oposición de socialistas e nacionalistas, pero tamén por unha notable axitación dentro do propio PP, con trazas de crise entre a dirección galega e as cúpulas local e provincial en Pontevedra que vén de escalar ata a dimisión do asesor.

[Dimite o asesor do PP na Deputación de Pontevedra que provocou polémica en tiktok e división no partido]

Na contorna de Rueda o episodio causa fonda contrariedade e ven como mellor conclusión o cesamento de Rodiño, ao que segundo diversas fontes se opón frontalmente Rafael Domínguez, mesmo poñendo en cuestión a súa continuidade como candidato ás municipais no Concello de Pontevedra

Quen fora presidenta da institución provincial neses oito anos, a socialista Carmela Silva, foi dos primeiros cargos en sinalar o vídeo e identificar o seu protagonista, esixir a súa dimensión e manifestar "noxo" ao respecto. "Como é posible que participe un cargo público dun trend e leve subido este vídeo ás redes un mes? Non é broma, non é unha tendencia. É un vídeo que sobe a súa muller que incita á violencia". 

"Dá igual que a pregunta inicial fose outra. O vídeo que circula é este", aseverou a tamén tenenta da alcaldía de Vigo e presidenta do PSdeG, sinalando a posibilidade dunha denuncia ante a Fiscalía, secundada tamén a través das redes sociais por Óscar Puente, ministro de Transportes, co consecuente eco estatal á controversia. Mentres Rodiño sinalaba en resposta a varios medios a necesidade de atender o "contexto" da gravación e, en todo caso, as súas "desculpas", a voceira socialista na Deputación, Laura Iglesias, insistía na necesidade da súa dimisión ou, en caso contrario, da súa destitución, subliñando ademais os seus "case 50.000 euros" de remuneración pública anual. A esta segunda vía, a esixencia do cesamento, apuntou tamén a dirección nacional do BNG, que "considerou totalmente inaceptábeis" estas "afirmacións de odio" en "alguén que ostenta un cargo da súa responsabilidade.

Tensión interna e dimisión

Rueda e Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra, no Parlamento durante o último debate de política xeral © Deputación de Pontevedra

As peticións de destitución dirixíronas tanto PSdeG como BNG a Rafael Domínguez, o superior político directo de Rodiño, mais tamén ao presidente da Deputación, Luis López, e ao presidente do PPdeG e da Xunta, Alfonso Rueda, quen ademais foi presidente provincial dos populares pontevedreses dende 2016 e ata que remudou a Feijóo en 2022. Precisamente na contorna de Rueda a difusión do vídeo non achou a comprensión que emana dende a contorna de Domínguez. Con independencia de que, obviamente, ningunha das partes considere que Rodiño desexa agredir menores de idade pola rúa, si observan con fonda contrariedade a gravación e difusión da montaxe, unha conduta que ven tan inapropiada como inoportuna para alguén que ostenta responsabilidades nun gabinete político e institucional.

A constatación dunha crise interna nos populares neste punto do mandato é observada con expectación pola esquerda. O PSdeG provincial vén explicitando que "recuperar o goberno da Deputación" é un dos seus obxectivos clave para 2027

Diversas fontes consultadas por Praza.gal coinciden en apuntar que, para a contorna do presidente Rueda, o mellor peche da cuestión pasou dende o inicio polo cesamento de Rodiño e así o fixeron saber ao partido en Pontevedra. Máis aínda pola proximidade das eleccións municipais de maio de 2027. Pero as mesmas fontes coinciden en sinalar que esa posibilidade foi abertamente rexeitada por Rafael Domínguez, mesmo apuntando á posibilidade de renunciar á súa condición de candidato á alcaldía de Pontevedra no caso dunha saída forzada do seu asesor.

Con todo este mar de fondo, este luns a Deputación pontevedresa daba en "comunicar o cese a petición propia" de Rodiño "nas súas funcións de xefe de prensa do vicepresidente". A confirmación oficial chegou acompañada dun agradecemento de Domínguez polo "seu desempeño no posto nestes últimos anos", desexándolle "éxitos futuros na súa andaina profesional e persoal". As fontes consultadas ligan a decisión á crecente presión interna, mais tamén e sobre todo, á posibilidade de que as esixencias de destitución fosen a máis á calor de novas informacións sobre Rodiño.

Non consta, malia todo, que Domínguez concretase a súa ameaza de retirada do cartel electoral. Pero a hipótese de que o PP tivese que chegar a cambiar de candidato na capital pontevedresa -onde en 2023 Domínguez conseguiu ascender á condición de forza máis votada, aínda que sen posibilidade de maioría de goberno- a menos de oito meses das eleccións e, en todo caso, a propia constatación dunha crise interna neste punto do mandato é observada con suma expectación nas filas da esquerda na provincia que, especialmente no caso do PSdeG, vén explicitando que un dos obxectivos clave para 2027 é "recuperar o goberno da Deputación". 

Polo inusual de que un erro deste calibre aconteza no PP. E porque chegue acompañado dun enfrontamento interno, evento relativamente escaso no PPdeG ao máis alto nivel e que, as veces que se produciu, tivo serias consecuencias electorais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.