Pontevedra, ás municipais: o BNG albisca o oitavo mandato de Lores, o PSdeG apunta á Deputación

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra; e Sabela Bará, responsable local do BNG, ratificando que o rexedor optará a un oitavo mandato en 2027 CC-BY-NC-SA BNG

O Bloque ratificou "por aclamación" o alcalde pontevedrés para ser o seu cabeza de cartel en 2027 para un mandato no que di ter o reto de "dar un novo salto adiante"

Dentro dun ano estará a piques de comezar a campaña das eleccións municipais do 30 de maio de 2027. A doce meses vista todas as formacións políticas ollan cara a unha cita clave que, no caso galego, tivo nas últimas semanas un adianto convulso coa moción de censura en Lugo, mediante a cal o PP chegou á alcaldía que non dera logrado na última cita coas urnas grazas ao apoio dunha tránsfuga ex-socialista que chegou a concelleira pola morte dun compañeiro. 

Pero as tomas de posición cara ás municipais van moi alén desta operación. Sucédense por todo o país, moitos deles por vieiros alleos a controversias como que vive o Concello lucense. É, por exemplo, o que está a suceder en Pontevedra con dous movementos significativos nos últimos días: a ratificación de que o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores optará a un oitavo mandato consecutivo como candidato do BNG na cidade e, a nivel provincial, co PSdeG explicitando a recuperación da Deputación como unha das súas apostas cara a eses comicios.

Será o vindeiro día 28, un ano e dous días antes das eleccións, cando Lores solemnice cun acto no auditorio Afundación unha candidatura que xa confirmou a pasada semana, tras a súa elección "por unanimidade e aclamación" na asemblea do Bloque pontevedrés, detallou a responsable local da formación, Sabela Bará. Rexedor dende 1999, Lores di ter o reto de "dar un novo salto adiante, porque non está todo feito" e o "modelo BNG" aínda pode achegar "máis calidade de vida en todos os recunchos do Concello".

O secretario provincial dos socialistas asegura manexar enquisas que auguran "maior número de alcaldías" e a "recuperación do goberno da Deputación", que PSdeG e BNG ostentaron de 2015 a 2023

Expón o alcalde de Pontevedra que no actual mandato o seu goberno está a realizar "o traballo máis duro, máis complexo, máis escuro" para poder "recoller no futuro os froitos dunha colleita excepcional". Neste sentido, sinala actuacións que xa están en marcha como a renaturalización do río Gafos, o parque da Parda ou melloras en varios barrios xunto a outras accións que traerán consigo tamén, promete, "máis dinamismo económico". E tamén outros retos transversais como "a loita contra o cambio climático e a recuperación da ría coa marcha de Ence", advirte.

A Deputación no albo do PSdeG provincial

Paralelamente, o Comité Provincial do PSdeG reuníase a pasada fin de semana co seu secretario xeral, David Regades, apuntando ao goberno da Deputación, que os socialistas presidiron dende 2015 nun goberno en coalición co Bloque perdido tras as municipais de 2023. A institución provincial, cre regades, regresou coa maioría absoluta do PP "ás formas do século XIX", un "retroceso" que, coida, están en condicións de reverter.

Reunión do Comité Provincial do PSdeG de Pontevedra, este pasado 9 de maio CC-BY-NC-SA PSdeG

Neste sentido, o tamén edil vigués asegura que as impresións "a pé de rúa", mais tamén as enquisas que manexan, permiten afrontar o ano que resta cara ás municipais considerando posible que o PSdeG vaia ter "maior número de alcaldías" e tamén esa "recuperación do goberno da Deputación". A súa intención, asegura, é "volver poñela ao servizo da xente e ao servizo da democracia" e afrontan o proceso con "máximas expectativas". De aí, sostén, o "nerviosismo" que di percibir no actual goberno provincial do PP .

Cara a concreción desas expectativas preséntanse como clave os resultados na cidade de Vigo, cuxo partido xudicial decide 11 dos 27 escanos da corporación. Peor non o será menos o de Pontevedra, onde en 2023 apenas 800 votos privaron o PSdeG do escano que acabou decidindo a maioría absoluta para o PP na institución.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.