
O pasado mércores o Concello de Pontevedra adxudicou a obra de renaturalización do río Gafos por un importe de 4.191.406 euros, unha actuación que terá un prazo duns doce meses dende o inicio dos traballos, previsto para o primeiro cuadrimestre do 2026
O pasado mércores o Concello de Pontevedra adxudicou a obra de renaturalización do río Gafos á UTE formada por COVSA e E.C. Casas. A adxudicación, que se realizou por un importe de 4.191.406 euros, un aforro de case 400.000 euros respecto ao tipo de licitación, terá un prazo duns doce meses dende o inicio dos traballos, previsto para o primeiro cuadrimestre do 2026. Así, no inicio do ano 2027 as obras deberían estar rematadas, convertendo o actual treito no que o río Gafos flúe soterrado nun parque fluvial no centro do barrio de Campolongo.
Trátase dun proxecto pioneiro no Estado, un "orgullo para Pontevedra" ao ser o "único proxecto que se coñecen de levantamento dun río que estaba absolutamente taponado en todo o estado con este tamaño e estas características”, como destacou esta semana o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores.
Unha actuación que converterá a actual área entre as rúas Alcalde Hevia e Xeneral Rubín, no que o río foi soterrado hai medio século -unha superficie de 21.000 metros cadrados- nun espazo altísima calidade urbana e ecolóxica. Será un corredor verde que recuperará as anteriores características naturais do río e a súa vexetación de ribeira e que, ademais, servirá para protexer esta parte da cidade da posibilidade de sufrir inundacións. Na actuación, así mesmo, aproveitarase para retirar todos os colectores do cauce (mellorando moitísimo o saneamento) e garantirase a permeabilidade das pluviais, que irán directamente ao río.
Trátase dun proxecto pioneiro no Estado, un "orgullo para Pontevedra" ao ser o "único proxecto que se coñecen de levantamento dun río que estaba absolutamente taponado en todo o estado con este tamaño e estas características”
Os aspectos ecolóxicos e de seguridade ante posibles asolagamentos foron dous dous aspectos clase no deseño da intervención na elección definitiva da alternativa escollida. Cando rematen as obras este treito do río que procede de Tomeza e remata nas Corvaceiras será un ecosistema natural que irá dotándose da súa propia biodiversidade tanto na zona propiamente inundable, na de ribeira, e nas de paseo fluvial e parque fluvial, catro espazos que terán características, vexetación axeitada a cada un e usos sociais distintos.
A recuperación do bosque de ribeira autóctono transformará o espazo público de Campolongo, mantendo e ampliando os usos actuais, ao incluír áreas infantís renovadas, prazas nas que estar e paseos peonís que
reconectan a cidade co mar a través da liña do Gafos. En conxunto, o río consolidará o seu papel de conector ecolóxico entre os arrabaldes forestais e agrícolas da cidade e a súa ribeira marítima.
O proxecto de renaturalización escollido combina especies autóctonas que na actualidade se poden atopar río arriba con outras especies, tamén autóctonas, que despareceran da contorna urbana
O proxecto de renaturalización escollido combina especies autóctonas que na actualidade se poden atopar río arriba con outras especies, tamén autóctonas, que despareceran da contorna urbana. O novo parque inclúe tamén especies arbustivas de baixo mantemento e unha pradera de ribeira que facilitará o contacto directo coa auga. Haberá tamén novas zonas arboladas de sombra, compostas por especies autóctonas caducifolias, que axudarán a mitigar a crecente calor nos meses estivais.
O Gafos volve á vida e fará realidade un desexo da sociedade pontevedresa que nos últimos anos comezara a reclamar cada vez con máis intensidade a recuperación do río nestes treito. Algúns xa o fixeron no momento en que o río foi cuberto -aínda en plena ditadura franquista- e nos anos seguintes esta reivindicación foi medrando. Porén, aínda eran moitos os que preferían o formigón á cuberta natural da ribeira do río. O propio César Mosquera, concelleiro de Mobilidade e responsable da área de Mellora Urbana en Pontevedra, destacaba nesta entrevista que o Goberno local xa tentara levar a a cabo unha actuación semellante hai algo máis de vinte anos, pero que nese momento atopara aínda grandes resistencias.
Nos últimos 25 anos a asociación veciñal Vaipolorío vén denunciando a acumulación de lixo do Gafos, a falta de mantemento e, ademais, viña reclamando a recuperación do curso fluvial no treito que estaba cuberto
Foi nese momento cando nace Vaipolorío, unha asociación formada por veciñanza de Pontevedra e Vilaboa que comezou a denunciar a acumulación de lixo do río e a falta de mantemento que facía imposible o feito de simplemente pasear pola súa beira. A entidade empezou a organizar iniciativas de limpeza colectiva do Gafos, que se repetiron nos anos seguintes, e levaron a cabo un traballo de recompilación de información e de catalogación dos valores materiais e inmateriais asociados ao río, co obxectivo de poder solicitar unha figura de protección legal que lles permitise impulsar accións de restauración máis ambiciosas.
Neste proceso destaca tamén o traballo realizado polo botánico Francisco Javier Silva Pando ou polo etógrafo Carlos Solla, cuxos traballos axudaron a coñecer mellor o patrimonio que acollía o río e as súas ribeiras e, polo tanto, a poñelo en valos. Gonzalo Sancho, actual presidente da asociación, salienta que “queríamos demostrar que o río non era só unha canle de auga, senón todo un ecosistema”.
O obxectivo do Concello era liberar o Gafos, que volvese fluír na superficie, de forma natural, potenciando ao mesmo tempo o desenvolvemento dunha biodiversidade que entende o río como un corredor que conecta uns e outros espazos
En paralelo, foi medrando o berro de "Liberar o Gafos", co obxectivo de desenterrar o treito de río que nos anos 70 do pasado século fora sepultado baixo toneladas de formigón. Recuperar o río, devolvelo á vida e devolvelo á cidadanía de Pontevedra. O Goberno local tomou a iniciativa e, desta vez si, atopou un apoio maiorítario na veciñanza, que albiscaba a posibilidade de contar cun novo espazo público de gran calidade.
O impulso do Goberno municipal estaba, ademais, en sintonía coa Directiva Marco da Auga da Unión Europea e coa máis recente Estratexia de Infraestrutura Verde. E, igualmente, contou dende o comezo co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica (MITECO).
O obxectivo do Concello era liberar o Gafos, que volvese fluír na superficie, de forma natural, potenciando ao mesmo tempo o desenvolvemento dunha biodiversidade que entende o río como un corredor que conecta uns e outros espazos, que xera vida ao seu paso e que, ademais, achega á poboación unha serie de servizos -non sempre suficientemente ben cuantificados e valorados- para o benestar social.
O río destapado terá un mínimo de 7 metros de anchura e nalgún punto chegará aos 23 metros, creando unha zona inundable co obxectivo de conter posible riadas e enchentes
O río destapado terá un mínimo de 7 metros de anchura e nalgún punto chegará aos 23 metros, creando unha zona inundable co obxectivo de conter posible riadas e enchentes. O futuro comportamento hidráulico do cauce destapado foi un dos puntos clave que axudou a definir o proxecto definitivo entre as distintas alternativas presentadas.
E é que a ribeira do Gafos neste treito é un espazo que figura dende hai anos entre as áreas con risco potencial significativo de inundación, aínda que esta posibilidade só tería lugar en circunstancias excepcionais. Porén, o risco está aí, un risco que o feito de tapar o río, aínda que oculte á vista os posibles perigos, non só non reduciu senón que amplificou e que o traballo de recuperación do cauce natural busca reducir.
O actual risco de asolagamento, incrementada polas barreiras artificiais existentes, afectaría á contorna de varios bloques de vivendas, ao actual parque e aos centros de ensino existentes neste lugar
Para chegar á solución finalmente proposta e aprobada, o equipo redactor barallou tres alternativas diferentes: unha primeira, que non tocaba o actual cauce, modificado nos anos 70, e que incorporou un xiro "antinatural" de 90 graos que incrementa o risco de asolagamento; unha segunda que recuperaría o cauce natural do río, que incluía un extenso meandro, unha solución que incrementaría os perigos dunha enchente; e unha terceira, a medio camiño entre as dúas, que crea unha curva para xestionar estes posibles asolagamentos nunha zona inundable que é aproveitada ademais como unha caste de praia fluvial: un prado no que entrar en contacto directo co río.
Esta terceira foi a alternativa escollida, unha fórmula coa que o risco de inundación se reduce de forma importante, como se pode ver na derradeira imaxe. que amosa os perigos posibles nun período de 500 anos.
A solución de recuperación do río neste treito axuda a que as augas fluan libremente, sen barreiras que limiten o seu paso nin o actual xiro de 90 graos que na actualidade obstaculiza tamén o seu discorrer
O actual risco de asolagamento afectaría á contorna de varios bloques de vivendas, ao actual parque e aos centros de ensino existentes neste lugar, un risco acentuado polo remanso xerado pola obra de paso baixo a avenida Xeneral Antero Rubín que limita a capacidade de desaugue á saída do treito cuberto.
En cambio, a solución de recuperación do río neste treito axuda a que as augas fluan libremente, sen barreiras que limiten o seu paso nin o actual xiro de 90 graos que na actualidade obstaculiza tamén o seu discorrer. O risco de enchente -aínda que mínimo- continúa a existir, pero afectaría sobre todo a esa zona de prado, pensada para ser inundable en circunstancias excepcionais.