Dimite o concelleiro do PP de Guntín condenado por explotar migrantes

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, o pasado agosto con membros do equipo de goberno de Guntín na Festa do Pemento de Mougán CC-BY-SA Xunta

O pasado martes fíxose público que un gandeiro de Guntín, concello lindeiro con Lugo, viña de aceptar ante a Audiencia Provincial Lucense unha condena de 9 meses de prisión e outros tantos para cada un dos seus dous fillos por explotar laboralmente dous traballadores na súa granxa. As vítimas, de nacionalidade marroquí, eran obrigados a traballar unhas 13 horas ao día por apenas 700 euros mensuais.

Segundo ficou probado no xuízo, o empresario e os seus dous fillos mantiñan os dous traballadores con xornadas de 13 horas, sen cotización á Seguridade Social nin descansos por apenas 700 euros ao mes

Segundo ficou probado no proceso xudicial e certificou a Fiscalía, os traballadores eran tamén privados do descanso semanal ou das vacacións. Asemade, a súa relación laboral era tamén irregular por non estaren dados de alta na Seguridade Social e do salario ilegal éranlles descontados uns 50 euros mensuais en concepto de aloxamento nun local pegado á propia granxa. Así sucedeu durante case tres anos para un dos traballadores -de outubro de 2018 a agosto de 2020- e para outro, de marzo a agosto de 2020, os peores meses da pandemia da COVID.

Casa do Concello de Guntín CC-BY PepeDoCouto

Ao día seguinte de quedar ratificada a condena, produto dun pacto entre as partes do proceso que levou a Fiscalía a modificar o seu escrito de conclusións e pasar de reclamar tres anos de cadea aos devanditos nove meses -o Ministerio Público tivo en conta que os acusados accederan a pagar previamente senllas indemnizacións de 33.000 e 11.000 euros-, transcendeu a identidade do empresario. Trátase de José Vázquez Barreiro, número 5 do PP en Guntín nas eleccións municipais de 2023, que este 19 de setembro presentou a súa dimisión.

O edil foi número 5 na lista do PP de Guntín, encabezada nas pasadas municipais pola actual conselleira, que logrou unha amplísima maioría absoluta

Vázquez Barreiro foi ata agora membro do equipo de goberno que ata o pasado abril estivo encabezado pola actual conselleira do Medio Rural, María José Gómez, quen nos comicios locais logrou unha esmagadora maioría absoluta -o PP conta neste municipio con 10 dos 11 edís do pleno, produto de obter 1.538 votos, o 83% dos sufraxios emitidos. Continúa no posto co rexedor que a remudou, Ángel Pérez.

Tanto o PSdeG, único partido da oposición en Guntín (1 edil) coma o BNG esixiran non só a dimisión do concelleiro, senón tamén explicacións á actual conselleira. Porque, subliñan os socialistas nun comunicado da súa dirección provincial lucense, "os feitos acontecidos foron anteriores á elección deste edil para ir na lista xunto a María José Gómez". "Ela -aseguran- xa sabía destes graves feitos".

Sede da Audiencia Provincial de Lugo, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xelo2004

intolerable que alguén con antecedentes tan graves siga ocupando un posto de responsabilidade política e por iso demandamos ao PP que actúe con contundencia", acrecenta o PSdeG. Os cargos públicos, consideran, deberan ser "exemplo de cumprimento estrito da legalidade e da defensa dos dereitos laborais".

BNG e PSdeG esixiran o cesamento do concelleiro condenado e reclaman explicacións á conselleira porque, subliñan, os feitos foron anteriores á súa inclusión na lista do PP, que asegura que os descoñecía

O BNG de Lugo, pola súa banda, tamén reclamara a "expulsión inmediata" do concelleiro, pero ademais "explicacións" da conselleira. "Foi ela quen o elixiu para formar parte da candidatura" despois dos feitos agora xulgados, resaltan. Unha vez axuizados polos tribunais, coidan os nacionalistas, "politicamente deben esclarecerse os feitos".

Esa dimisión é confirmada pola dirección provincial do PP, que agrega que o condenado tamén "solicitará a suspensión da militancia" no partido. Vázquez Barreiro, afirman, comunicou a renuncia ao alcalde por ser "o mellor para non danar a imaxe do Concello, nin do goberno municipal, nin do PP". O partido asegura, asemade, que "non coñecían previamente os feitos nin a situación do ata agora concelleiro" que "vén de tomar esta decisión de forma persoal".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.