Nas rúas de Lugo os parquímetros seguen precintados por orde xudicial. Desde hai dous anos e medio a zona azul é historia e non hai sistema alternativo. A última sentenza ditouna o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que anulou a concesión en 2011 por un defecto de forma no concurso. A alcaldesa socialista Lara Méndez, que herdou mil leas xudiciais do seu mentor e antecesor no cargo, Xosé Clemente López Orozco, mandou parar en 2015, recén chegada ao consistorio.
O goberno local analiza a remunicipalización do servizo despois de que unha sentenza xudicial anulase a concesión e de que directivos da adxudicataria fosen encarcerados por pagar subornos e amañar contratos
O escándalo sobre a concesión volveuse insoportable coas revelacións da Operación Pokemon, un dos múltiples sumarios de corrupción que desbordaron no último lustro o concello. Na primeira das redadas a finais de outubro de 2012 xa caera a cúpula do Grupo Vendex, matriz de Doal, a empresa adxudicataria da zona Ora. O Goberno presidido entón por Orozco, que acabou imputado neste caso, decidiu manter o servizo mesmo cando as cousas se puxeron máis feas.
Apareceron escoitas policiais e declaracións de testemuñas que relacionaban a ese grupo empresarial con envíos de cartos a políticos a través de empresas de transporte urxente camuflados moitas veces como prensa deportiva, "os botes de pintura" dos que falaban os implicados nas escoitas. Unha trama de subornos organizada, segundo a investigación, operaba en varias cidades galegas (o alcalde socialista de Ourense Francisco Rodríguez foi detido, igual que o popular Gerardo Conde Roa en Santiago) e a medida que o sumario foi engordando destapou irregularidades tamén en Cantabria, Asturias, Murcia e Cataluña, ata sumar decenas de imputados.
No sumario abunda o material probatorio sobre os subornos que a concesionaria da Ora, Doal e Vendex, pagaron a concelleiros socialistas de Lugo naqueles anos
O caso nacera en 2009 nun sórdido bordel das aforas de Lugo por unha lea vinculada á prostitución e a trata de persoas. Cando a xuíz de instrución Pilar de Lara picou os teléfonos dos matóns da rede, empezou a aflorar toda unha armazón de favores, subornos, e subcontratas municipais convertidas en axencias de colocación de partidos políticos. No epicentro de todo, o grupo Vendex e os seus singulares directivos: unha cuadrilla de arribistas que fixeron do suborno a políticos o seu principal negocio. Os xefes acabaron en prisión e están acusados de delitos que ocupan medio Código penal, empezando, claro, polo tráfico de influencias.
A historia comezou por un cúmulo de casualidades... que non o son tanto se un se para a analizar a rede de relacións entre as supostas elites locais, nas que se confundían empresarios, políticos e a mafia dos prostíbulos nunha cidade pequena onde todo o mundo se coñece. Un antigo cobrador da Ora de Lugo, José Manuel Reguera, que prosperou na empresa ata converterse en delegado local, era á súa vez copropietario do edificio que albergaba o Queens, un local de mala morte situado no arrabalde que organizaba festas para cargos públicos, gardas civís e propietarios dalgunhas pemes.
Tirando do fío de Reguera a xuíza chegou ao seu amigo Francisco Fernández Liñares, do PSdeG, que fixera de factótum no Goberno municipal cando era alcalde Orozco. Cando chegou a súa hora, Reguera cantou por extenso ante a instrutora do sumario, Pilar de Lara. Dez horas estivo a achegar listados de empresarios e directivos que pagaban subornos para comprar a políticos en diferentes administracións galegas a cambio de obras e contratas públicas.
Historias de amaños investíganse noutras cidades galegas, pero en Lugo os efectos colaterais deixaron a cidade sen zona azul
Os investigadores bautizaron aquela operación co nome de Pokemon pola facilidade que tiña a trama para ramificarse nas institucións e os territorios. A primeira onda de 23 detencións levou por diante á dirección de Vendex, un conglomerado de sociedades multiservizos para atrapar contratos públicos, e cuxa filial, Doal, xestionaba os parquímetros lucenses. No sumario abunda o material probatorio sobre os subornos que Doal e Vendex pagaron a concelleiros socialistas de Lugo naqueles anos. Para o arrepentido Liñares, a Fiscalía pide agora cinco anos de cárcere despois de considerar acreditado que estaba a soldo da concesionaria dos parquímetros que lle entregaba en sobres mil euros mensuais, ademais doutras prebendas.
Historias parecidas de amaños investíganse noutras cidades galegas e arruinaron carreiras políticas de dirixentes socialistas e populares na Coruña, Santiago, Lugo e Ourense. En Lugo, os efectos colaterais do sumario deixaron á cidade sen zona azul. Atada pola herdanza recibida dos seus compañeiros de partido, o equipo de Goberno de Lara Méndez acordou precintar as máquinas da Ora durante o verán de 2015. Ían ser oito meses ata ter listo un novo prego de condicións para restituír o servizo. Dous anos e medio despois, a cousa segue igual. Os 16 empregados de Doal, os que non tiñan despacho nin figuraban no sumario, foron despedidos. Son as outras vítimas da corrupción: cando as cousas ían ben, rozaban o mileurismo; cando se torceron, todos á rúa. Durante meses demandaron sen éxito con protestas na rúa que se lles recolocase.
"O que imos facer é ampliar a limitación a 30 quilómetros por hora noutras zonas da cidade, buscar a creación de aparcamentos disuasorios e proxectar carrís bici e outras actuacións para promover camiños con outros medios de transporte", di a alcaldesa
A zona azul non funciona pero tampouco é que Lugo estea levantada en armas. Certo que a media mañá na zona dos xulgados, as sedes da Xunta ou da Deputación deixar o coche é tarefa imposible. E que os comerciantes do centro, a asociación Lugo Monumental, pediron ordenar o aparcadoiro para facilitar as compras.
A alcaldesa, Lara Méndez, admite que os prazos complicáronse e culpa á oposición de negarse a aceptar un contrato ponte para manter a Ora durante o tempo que se tardase en abrir un novo concurso, pero hoxe prefire ver o vaso medio cheo e tentar que a solución derive nun novo modelo de mobilidade: "O que imos facer é ampliar a limitación a 30 quilómetros por hora noutras zonas da cidade, buscar a creación de aparcamentos disuasorios e proxectar carrís bici e outras actuacións para promover camiños con outros medios de transporte". Non concreta máis porque o Goberno quere ver como callan estas medidas antes de decidir que sistema de regulación de estacionamento é máis idóneo. "Pode ser gratuíta na súa totalidade e só obriga á súa modalidade, se cadra págase despois da primeira media hora. Igual é en catro zonas moi concretas", asegura a rexedora que goberna en minoría con apoios puntuais de Lugo Novo.
As fontes consultadas dan por feito que se o plan de mobilidade se pon en marcha neste mandato, chegará practicamente en vésperas das próximas municipais. Lugo pode pasar catro anos sen zona Ora. O PP, que levaba no seu programa electoral acabar co sistema de estacionamento regulado, insiste desde a oposición con supostos caos de tráfico.
Comerciantes e veciños piden peonalizar máis rúas e restan importancia á desaparición da Ora
José María Seijas, presidente da Federación Galega de Comercio e lucense, defende que existe un problema porque nas rúas da muralla "non se pode parar". Este pequeno comerciante é partidario tamén de repensar o transporte no centro e apostar polas peonalizacións: "Hai que buscar solucións e tentar que os subterráneos teñan prazas e sexan alcanzables. E impulsar un sistema, chamémoslle zona Ora ou o que sexa. Sería estupendo que fose gratis. E haberá que peonalizar zonas, ao principio son decisións duras, pero a longo prazo favorecen".
Os veciños admiten as molestias puntuais que orixina nalgúns barrios a desaparición dos parquímetros pero quitan ferro. "Hai problemas puntuais nas zonas con máis comercio e onde están as administracións. Pero aquí en cinco minutos chegas a todas partes andando. Talvez sexa necesaria una certa regulación nunhas poucas rúas, pero a Ora estendeuse demasiado e nalgúns sitios os coches nin aparcaban. Nós estamos a tentar que o centro de Lugo se convirta en peonil e deberían buscarse aparcadoiros alternativos para que a xente use de verdade o transporte público", defende Luís Abel, secretario da Federación de Asociacións de Veciños.
